V. EuroXuventude
A través do perfil de Euroxuventude, a Fundación Galicia Europa apoia aos mozos galegos como cidadáns activos e participativos no proceso de construción europea. VOLVER Á PÁXINA PRINCIPALProxectos europeos
A FGE participou en 2024 en seis proyectos europeos cos que pretende mobilizar á mocidade para dinamizar as zonas rurais galegas:
➤ Rural Youth of Europe – RUYOU (Programa CERV, 12/22-04/24). A FGE participa como socia en colaboración con outras entidades de Galicia, Portugal, Malta e Romanía. A través de creative jams celebrados en liña ou presencialmente, mozos e mozas do rural buscan solucións á despoboación das zonas rurais. En 2024 RUYOU organizou unha Creative Jam en Chaves (Portugal), na que participaron 50 mozos para idear proxectos que poidan impulsar as súas zonas rurais. Como peche do proxecto, en abril 25 mozos dos catro países viaxaron a Bruxelas para participar na Cumio da Mocidade Rural Europea, a través da cal informaron dos resultados do proxecto ás institucións europeas.
Escoita aquí o podcast coas experiencias dos participantes no proxecto.
➤ Xuventude embaixadora dixital para pemes -DYAS (Programa Erasmus +, 04/22- 04/24). A Fundación Galicia Europa participa como socia xunto coa AECT Eurocidade Chaves-Verín e a Asociación para o Desenvolvemento da Rexión do Alto Támega (ADRAT) para formar a mozos no uso de ferramentas dixitais. En marzo de 2024 pechouse o proxecto cunha reunión na que se analizou o balance positivo do mesmo.
➤ RuralYouthFuture (Programa Interreg Europe, 03/23-02/27). A Fundación Galicia Europa é líder dun consorcio formado por entidades de España, Bulgaria, Eslovenia, Letonia, Portugal, Estonia e Bélxica. Novamente o seu público obxectivo é a mocidade das zonas rurais, á que pretende facilitar o acceso a novas oportunidades laborais abordando algúns dos seus problemas, tales como a escasa calidade laboral, o desemprego e a fenda dixital. No ano 2024, a Fundación Galicia Europa participou en varias reunións de seguimento do proxecto e en viaxes a países socios do proxecto como Bulgaria, Estonia e Eslovenia.
➤ You Leaders (Programa Erasmus +, 10/22-09/24). Neste proxecto a FGE é socia xunto con outras entidades de España, Italia e Portugal para formar a 90 mozos, de entre 14 e 19 anos, para que se convertan en “líderes das áreas rurais”. En xullo, a oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa acolleu o último evento do proxecto no que os mozos participantes desenvolveron as súas ideas para mellorar as súas comunidades rurais cara a un futuro sostible a través dun Hackathon. Ademais de representantes do resto de socios deste proxecto europeo, 30 mozos de entre 14 e 19 anos reuníronse na capital europea para explorar novas ideas para mellorar o rural cara a un futuro sostible. O proxecto pechouse oficialmente en setembro en Trápani (Italia).
➤ Eurocidade 2023 (Programa Interreg POCTEP, 01/23-12/24). O seu obxectivo é seguir avanzando na cooperación entre as administracións a ambos lados da fronteira na Eurocidade Chaves-Verín, con especial fincapé na participación xuvenil. Os días 25 e 26 de outubro, a Fundación Galicia Europa organizou dous eventos no marco do “Laboratorio de Innovación”, un espazo deseñado para asesorar e orientar á mocidade na exploración das oportunidades que ofrece a súa contorna nos ámbitos do patrimonio, o audiovisual, o deporte e o turismo. En novembro realizouse unha xornada de capacitación en xestión de proxectos na sede da Eurocidade Chaves-Verín, na que participou a FGE. Os días 6, 7 e 8 de decembro celebráronse en Chaves as Xornadas e Encontros da Mocidade, ademais dunha Feira Transfronteiriza de Emprego Xuvenil da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
No marco deste proxecto, en 2024 adaptouse e traduciuse ao portugués a guía de saídas profesionais en organismos internacionais.
![]()
➤ Incubtrans (Programa Interreg POCTEP, 01/23-12/26). Ten como obxectivo crear unha incubadora empresarial transfronteiriza da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A FGE realizará un labor de seguimento personalizado, coaching e formación específica para os mozos emprendedores. En novembro organizouse o seminario Cambio Climático en Territorios Rurais: Impactos, Adaptacións e Novas Oportunidades. Tamén en novembro, a Fundación Galicia Europa, xunto cos socios do proxecto, organizou en Chaves un curso de formación especializado para pemes para promover modelos de empresa centrados en facer un uso sostible dos recursos, maximizando o seu potencial.
No marco deste proxecto, a Fundación Galicia Europa recibiu a incorporación dun novo voluntario europeo IVY.
Información a través da web e das redes sociais
➤ En 2024, EuroXuventude, a oficina virtual de información europea para mozos galegos, puxo en marcha o seu perfil en Instagram, acadando máis de 500 seguidores e 600 interaccións en tan só 42 días de actividade. En total, a etiqueta #EuroXuventude acadou nas tres redes sociais 2.890 interaccións.
➤ Nas redes sociais publicáronse 52 entradas en LinkedIn e 76 en Twitter baixo o hashtag #EuroXuventude, acadando unhas 44.100 impresións en LinkedIn e 24.700 en X, conseguindo unhas 3.600 interaccións en LinkedIn e 2.200 en X (case o dobre que no ano anterior).
➤ Ademais, na web da FGE publicáronse 41 novas na sección EuroXuventude, con información sobre os proxectos europeos nos que participa a FGE dirixidos á mocidade e con oportunidades da UE como o programa DiscoverEU ou o programa da Xunta Mentoring.
➤ Pódense constatar unhas métricas que se corresponden cos usos actuais do público obxectivo: a mocidade. Mentres se produce un descenso no número de visitas á páxina web (564 fronte a 912 do ano anterior), obsérvase un incremento moi importante nas interaccións nas redes sociais (3.366 fronte a 6.388). Neste aumento destaca a posta en marcha da conta de Instagram.
Eventos e charlas
➤ Febreiro de 2024: impartición dunha charla aos alumnos de 3º da ESO do IES Pedra da Aguia de Camariñas que viaxaron ata Bruxelas para coñecer de preto as institucións comunitarias, sobre o labor desenvolvido pola Xunta de Galicia en Bruxelas para a defensa dos intereses de Galicia na UE e as oportunidades da UE para a mocidade.
➤ Abril de 2024: Participación na conferencia “Galicia na UE, a UE en Galicia” celebrada na Facultade de Humanidades e Documentación do campus de Ferrol da Univerdade da Coruñan, onde se explicaron as oportunidades laborais no sector público e o rol que xoga a Fundación Galicia Europa na promoción de oportunidades laborais para a mocidade.
➤ Abril de 2024: Participación no seminario “Rural youth participation in policymaking” europeo sobre a participación dos mozos das zonas rurais na vida pública, organizado pola Oficina de Apoio ao Pacto Rural da Unión Europea.
➤ Outubro de 2024: organización da Charla dixital sobre procesos e oportunidades de emprego en Galicia e os seus vínculos con Europa, organizada en colaboración coa Asociación de Emigrantes Retornados en Galicia (AJERGA), que ofrece orientación e asesoramento dirixido principalmente a mozos e mozas que teñan previsto emigrar a Galicia.
➤ Novembro de 2024: organización da Xornada “Perde o medo a Europa”, celebrada na aldea de Meaus (Ourense) na que 20 mozos puideron coñecer as oportunidades que ofrecen os proxectos europeos da man de asociacións como Chaves de o Couto que están a participar en actividades con mozos de diferentes países da Unión Europea.
➤ Novembro de 2024: organización do Webinar sobre o programa de financiamento comunitario Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores (CERV). 32 mozos coñeceron as oportunidades que ofrece este programa. Organizado coa colaboración do Punto Europeo de Cidadanía (Ministerio de Cultura).
➤ Novembro de 2024: organización da xornada en liña “Mellora o teu perfil profesional grazas a UE”, na que 42 mozos puideron achegarse a 14 programas europeos como Erasmus, Europa Creativa ou Erasmus para Mozos Emprendedores. O webinar contou cunha primeira parte onde se explicaron estes programas e unha segunda parte no que se realizaron mentorías individualizadas.