Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Participación Xuvenil » A FGE comparte a súa participación en proxectos para o desenvolvemento da xuventude rural nun seminario europeo

A FGE comparte a súa participación en proxectos para o desenvolvemento da xuventude rural nun seminario europeo

24/04/2024 |

— A través da súa voluntaria IVY, a Fundación Galicia Europa compartiu a súa experiencia en diversos proxectos europeos destinados ao desenvolvemento da xuventude do rural.

— Organizado pola Oficina de Apoio ao Pacto Rural da UE, o seminario tivo como obxectivo fomentar a participación dos mozos nos procesos de toma de decisións.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024. A Fundación Galicia Europa (FGE) participou este mércores nun seminario europeo sobre a participación dos mozos das zonas rurais na vida pública, organizado pola Oficina de Apoio ao Pacto Rural da Unión Europea. Dada a implicación da nosa entidade en diversos proxectos europeos destinados a promover o desenvolvemento da mocidade rural, Carla González Barreiros, unha das mozas participantes e voluntaria IVY na FGE, tivo a oportunidade de compartir a súa experiencia.

O evento desenvolveuse co obxectivo de explorar e incentivar a participación activa dos mozos no deseño de políticas e accións destinadas a fortalecer as comunidades rurais, fomentando o seu desenvolvemento. Iniciada cunha benvida a cargo de Patricia Martínez, representante da Oficina de Apoio ao Pacto Rural, a xornada contou coa participación de destacados expertos e representantes da Comisión Europea, así como de iniciativas inspiradoras de diversos Estados membro.

Seminario sobre a participación da xuventude rural

Encuentro sobre el papel de la juventud en el desarrollo rural

Entre os puntos máis destacados da axenda do seminario estivo a presentación da visión a longo prazo da Unión Europea para as zonas rurais e a mocidade, que correu a cargo de Marina Royo de Blas, da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea. Ademais, Charalambos Papaioannou explicou aos participantes a Estratexia da UE para a Mocidade 2019-2027, enfocada en involucrar, conectar e capacitar aos mozos.

Máis aló dos relatorios, un dos momentos máis enriquecedores do encontro foi o intercambio de experiencias entre participantes de proxectos inspiradores, entre os que destacaron iniciativas como o Parlamento Escocés da Mocidade Rural e das Illas, a integración da participación xuvenil en Suecia, o Parlamento Europeo da Mocidade Rural e as organizacións letonas para a promoción da participación xuvenil.

Seminario sobre a participación da xuventude rural

O evento tamén contou cun panel de debate sobre como aumentar a participación dos mozos na elaboración de políticas, no que interveu Carla González Barreiros, a voluntaria IVY na Fundación Galicia Europa. Na súa intervención, expuxo as problemáticas ás que se enfrontan os mozos de hoxe en día para formar parte do proceso de toma de decisións e desenvolvemento de políticas, e contou a súa experiencia como voluntaria e embaixadora dos proxectos RuralYouthFuture e Rural Youth of Europe, respectivamente.

O seminario continuou con debates en grupos sobre como mellorar a participación xuvenil na formulación de políticas, abordando temas como a creación de espazos inclusivos, o establecemento de pontes entre mozas e responsables políticos, e a promoción das voces da mocidade local en institucións nacionais e europeas. Tras as observacións finais, concluíuse co compromiso de continuar traballando en conxunto para impulsar a participación e a inclusión da mocidade no desenvolvemento rural.

Máis información: Oficina de Apoio do Pacto Rural

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data