Licitacións na UE
Portada » Unión Europea »A contratación pública de bens, obras e servizos representa o 16% do Produto Interior Bruto da Unión Europea. A apertura dos contratos públicos a escala europea permitiu aumentar a presenza de empresas de Estados membros distintos á administración pública que convoca a licitación. Este aumento da competencia supón, por tanto, un importante aforro para os compradores do sector público.
A través das licitacións adxudícanse os contratos públicos de valor medio e máis elevado para a adquisición de servizos, subministracións ou obras de enxeñería civil. Dentro da licitación pública hai diferentes tipos de procedementos, como pode ser o procedemento aberto a todo o mundo, un procedemento restrinxido para unha serie de candidatos preseleccionados, un procedemento de negociación, un diálogo competitivo, unha asociación para a innovación, ou un concurso de proxectos para obter unha idea para un proxecto.
Polo xeral, os procedementos de contratación pública na UE realízanse sobre a base das normas nacionais (respectando sempre os principios xerais da UE en materia de transparencia e igualdade de trato). Con todo, cando os contratos son dun valor máis elevado, aplícanse as normas xerais da UE sobre contratación pública. Os principais límites de valor da Directiva 2014/24/UE fixados ao 1 de xaneiro de 2020 son os seguintes:
- 139 000 euros para os contratos de subministracións e de servizos.
- 5 350 000 euros para os contratos de obras.
Así, as licitacións que dan lugar a contratos que superan este importe son recollidas no Suplemento do Diario Oficial da Unión Europea (DOUE, Serie S), pero tamén se dispón de portais en liña nos que se publican todos os anuncios de contratación pública europea:
- TED ( Tenders Electronic Daily). É a versión en liña do Suplemento do DOUE, na que as administracións publican máis de 500 000 anuncios de licitacións ao ano que superan os valores establecidos. Está dispoñible de forma gratuíta nas 24 linguas oficiais da UE e actualízase diariamente de luns a venres e, en casos urxentes, tamén en días festivos. Podes acceder a unha guía sobre o uso do portal a través desta ligazón.
- SEDIA (Single Electronic Data Interchange Area). Nesta plataforma atópanse os programas de financiamento xestionados pola Comisión Europea e outros organismos da UE que, con frecuencia, publican licitacións ( tenders) propias. Para as licitacións no marco da Acción Exterior da UE, a Comisión Europea pon a disposición a guía PRAG.