A lingua galega na UE

Portada » Fundación » A lingua galega na UE

Marco xurídico para o emprego das linguas cooficias españolas na UE

O 13 de decembro de 2004 o Goberno español solicitou ao Consello da Unión Europea que concedese ás linguas cooficiais en España o estatuto de lingua oficial da UE. A proposta española supoñía a incorporación do galego, éuscaro e catalán/valenciano á lista de linguas oficiais europeas prevista no Regulamento 1/1958 polo que se fixa o réxime lingüístico da Comunidade Económica Europea.

Porén, o Consello, que é a institución competente para definir o réxime lingüístico da UE, non concedeu a devandita oficialidade mais si decidiu institucionalizar o uso destas linguas en tres ámbitos, segundo se recolle nas “Conclusións do Consello relativas ao uso oficial doutras linguas no Consello, e no seu caso, noutras institucións e órganos da Unión Europea“, do 13 de xuño de 2005:

1. Os cidadáns poderán ter dereito a dirixirse ás institucións e órganos da Unión Europea nunha destas linguas. Así e todo, esta comunicación no será directa senón que se efectuará a través dun organismo intermediario nomeado polas autoridades nacionais.

2. As institucións poderán permitir o uso destas linguas nas sesións orais. A interpretación será pasiva, o que quere dicir que só se terá dereito a falar en galego e a que a intervención sexa interpretada ás outras linguas oficiais. Logo non se terá dereito a unha interpretación das outras linguas ao galego. Estas intervencións estarán soamente permitidas se son formuladas anteriormente, cun prazo razoable e se existen os medios necesarios para facelo.

3. Os actos derivados do procedemento de codecisión poderán ser traducidos a estas linguas, mais esta tradución carecerá de valor xurídico.

O Consello autoriza ás institucións europeas a poñer estas disposicións en práctica mediante a sinatura de acordos administrativos entre a institución ou órgano en cuestión coa Administración española.

Estas Conclusións do Consello non xeran dereitos, só autorizan o uso en determinadas circunstancias.

Os gastos directos ou indirectos que provoque ás institucións ou órganos da UE a aplicación dos acordos administrativos correrán a cargo do Estado español.

Condicións de emprego do galego na UE

Dende finais de 2005, diversas institucións e organismos da UE veñen asinando acordos administrativos co Estado español para posibilitar o emprego das linguas cooficiais nas condicións fixadas polo Consello: o Comité das Rexións, a Comisión Europea, o Consello da UE, o Comité Económico e Social, o Valedor do Pobo e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Tras un primeiro rexeitamento, a Mesa do Parlamento Europeo aceptou finalmente o uso destas linguas en todos os ámbitos, agás a intervención oral. As outras dúas institucións comunitarias, o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas e o Tribunal de Contas, non teñen subscrito acordos ata o momento.

1. Uso escrito

O procedemento xeral recoñecido en todos os acordos establece que o cidadán, no canto de enviar a carta directamente á institución ou órgano europeo co que queira contactar, debe enviala ao organismo designado polo Estado español: a Oficina para as Linguas Oficiais de Política Territorial. Esta encargarase de elaborar unha tradución certificada ao castelán e de enviala ao órgano ou institución comunitaria concernida que, á súa vez, remitirá ao organismo designado unha resposta en castelán. O devandito organismo traducirá de volta a resposta ao galego e enviará ámbolos dous documentos ao destinatario. De existir un prazo, este comezará o día no que a institución ou órgano europeo concernido reciba a tradución enviada polo órgano designado. A data de resposta, será o día en que esta sexa enviada ao órgano designado pola institución ou órgano europeo.

No caso de recibir comunicacións en galego por parte dos cidadáns, as institucións e órganos indicarán ao cidadán o procedemento oficial para facelo, vía o organismo designado. No caso do Valedor do Pobo Europeo esta resposta farase mediante unha carta tipo redactada en galego.

Excepción de honra a este sistema é o Parlamento Europeo que se encargará directamente de realizar as traducións pertinentes da correspondencia entre os cidadáns e a institución. A Comisión Europea e o Comité Económico e Social tamén contemplan a posibilidade de que sexan os seus propios servizos internos os encargados de elaborar a tradución, sempre que os medios necesarios estean dispoñibles. De non ser posible, estas tres institucións acudirán a servizos externos que serán pagados polo Estado español.

No caso do acordo asinado co Tribunal de Xustiza, a posibilidade de dirixirse en galego a esta institución non se aplica, ademais, aos “escritos de carácter xurisdicional, aos que se refiran á aplicación dunha norma legal e aos que teñan por obxecto, directa ou indirectamente, a obtención dunha vantaxe (por exemplo, unha subvención), dun beneficio (por exemplo, a atribución dun contrato público) ou dunha función (por exemplo, a candidatura a un posto de traballo)”.

En todos os casos, se o cidadán dispón dun prazo para actuar despois de recibir a resposta, esta será dirixida en castelán directamente ao interesado, sen prexuízo do seu dereito a recibir unha tradución ulterior ao galego.

En ningún caso as institucións ou organismos europeos responsabilizaranse do contido da tradución do organismo designado ou dunha mala interpretación derivada desta.

2. Uso oral

Soamente o Consello da UE e o Comité das Rexións permite intervir en galego nas súas sesións e plenos, respectivamente. En ámbolos dous casos a Representación Permanente de España ante a Unión Europea (REPER) deberá solicitar esta posibilidade ante estes órganos con sete semanas de antelación. A confirmación efectuarase dúas semanas antes da reunión. No caso do Consello, a REPER deberá dar unha previsión indicativa do eventual uso do galego ao inicio de cada semestre. Nos dous casos, só se concederá a interpretación pasiva si se dispón dos medios materiais e de persoal necesarios.

3. Tradución ao galego da lexislación comunitaria decidida conxuntamente polo Parlamento Europeo e o Consello (actos adoptados en codecisión)

O Estado español publicará os textos emanados do procedemento de codecisión na páxina web da Administración Xeral do Estado. Deberá, así mesmo, enviar unha copia certificada e electrónica á Secretaría Xeral do Consello, a cal facilitará copias, preferentemente electrónicas, aos cidadáns que o desexen. Tanto o Consello como o Parlamento Europeo ofrecerán sendas ligazóns electrónicas cara as devanditas versións traducidas nas súas páxinas web. Os gastos correrán a cargo do Estado español.

Outros casos: o irlandés, o maltés e o luxemburgués

Nin as Conclusións do Consello nin os acordos administrativos atribúen o estatuto de lingua oficial da UE ao galego senón que crean un estatuto especial. Linguas oficiais de réxime especial son o irlandés e o maltés.

O maltés e o irlandés: linguas oficiais con derrogacións

Ao momento de entrar na UE, o 1 de maio de 2004, Malta solicitou unha conxelación dos efectos da oficialidade do maltés na UE. Isto produciuse debido a problemas de contratación de persoal que non permitían o cumprimento das obrigas derivadas da aplicación do Regulamento 1/1958. As institucións dispoñerían de tres anos para solucionar o problema de persoal mais estarían obrigados aínda a traducir os documentos daqueles actos decididos polo procedemento de codecisión. En novembro de 2006 o Consello decidiu que a conxelación do estatuto da lingua maltesa remataría en maio de 2007. Ao remate dese periodo de transición en 2007 o maltés convertiuse nunha lingua oficial de pleno dereito da UE, cun uso igual ao resto das linguas oficiais.

Ata xaneiro de 2007, o irlandés pasou de ter un estatuto particular en tanto que “lingua dos Tratados” (linguas nas que son redactadas os Tratados) a ser lingua oficial da UE e a estar incluída no Regulamento 1/1958 mais cun sistema de derrogacións moi similar ao maltés e que se estendeu ata  2012. Ao remate dese periodo en 2012, igual que no caso do maltés, o irlandés convertiuse nunha lingua oficial de pleno dereito da UE.

Un caso aparte: o luxemburgués

O caso do luxemburgués e paradoxal porque sendo lingua oficial e única lingua nacional non é considerada lingua oficial da UE. Isto é así porque no momento da creación da CE o luxemburgués non era lingua oficial do Gran-Ducado. Isto cambiou en 1984, ano en que o luxemburgués, ademais de lingua oficial devén única lingua nacional do país. Mais se Luxemburgo quixese facer do luxemburgués lingua oficial da Unión, o Consello, de seguir o mesmo razoamento que utilizou cando España solicitou a oficialidade do galego, veríase na obriga de rexeitar a proposta por non ser o luxemburgués unha “lingua dos Tratados”. Esta foi a razón xurídica pola que se dixo que non á proposta española de oficializar plenamente o uso do galego mediante a incorporación desta lingua ao Regulamento 1/1958. A única maneira de solucionar isto sería modificar os Tratados constitutivos. Neste sentido sería de interese seguir a evolución do caso luxemburgués no futuro xa que ambos, luxemburgués e galego, sitúanse en circunstancias xurídicas similares, ao non gozar do estatuto de “linguas dos Tratados”.

Fundación Galicia Europa