TecEuropa é o curso de referencia en financiamento comunitario en Galicia, organizado pola Fundación Galicia Europa e destinado a entidades galegas públicas e privadas que buscan unha especialización na materia. A través deste programa, proporciónaselles unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e da lóxica de intervención da Unión Europea a través dos diferentes fondos e programas dispoñibles. Ademais, ao longo das súas 20 edicións, TecEuropa foi tecendo unha rede de técnicos en Galicia que lles posibilita compartir experiencias e coñecementos e desenvolver proxectos conxuntos.
Obxectivos
A Fundación Galicia Europa puxo en marcha TecEuropa en 2015 cun dobre obxectivo:
- Proporcionar ao persoal técnico das entidades galegas unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da UE a través dos diferentes fondos e programas.
- Crear unha rede de técnicos en Galicia para compartir experiencias e coñecementos, así como para desenvolver eventualmente proxectos conxuntos.
Actividades
Entre 2015 e 2019 o programa desenvolveu nove edicións presenciais consistentes en:
- Unha semana de estadía en Bruxelas, onde se proporciona formación teórica sobre as políticas da UE e os recursos financeiros que as apoian, complementándose con visitas ás institucións comunitarias e o contacto con funcionarios europeos.
- Dous días en Santiago de Compostela para a formación práctica na redacción de candidaturas e a xestión de proxectos europeos.
En 2020, por mor da pandemia, o programa adoptou un formato dixital, aínda que mantendo o dobre enfoque, teórico e práctico. Desde entón, celebráronse dez edicións.
Beneficiarios
Persoal ao servizo das entidades públicas e privadas galegas que traballan en proxectos europeos ou con fondos comunitarios nun sentido máis amplo.
Dende o seu lanzamento, TecEuropa reuniu a máis de 1.000 participantes: case 200 nas edicións presenciais e máis de 800 nas edicións virtuais. A participación é moi variada: sector público autonómico, concellos e deputacións, entidades sociais, universidades, entidades dedicadas á I+D+i, clusters, etc. Esta variedade permite vencellar diversas experiencias profesionais e puntos de vista sobre o uso dos fondos europeos en Galicia.
Financiamento
Nas edicións presencias, a Fundación Galicia Europa convoca un número limitado de prazas de formación. Os participantes -seleccionados en función do interese da súa entidade, experiencia e formación- poden solicitar o reembolso dos gastos de aloxamento e manutención en Bruxelas. A asistencia ás actividades do curso é gratuíta.
Nas edicións virtuais, non hai un número limitado de prazas e a asistencia é tamén gratuíta. O requisito para poder participar é traballar nunha entidade galega interesada nos fondos e proxectos europeos. Este 2024 recuperarase a presencialidade cunha edición en formato híbrido, combinando ambas as modalidades.
Balance
Tras a súa participación no programa TecEuropa, os asistentes avaliaron positivamente a experiencia por:
- A oportunidade de obter información de primeira man sobre a actividade das institucións europeas.
- A visión xeral ofrecida do financiamento comunitario.
- O contacto establecido con persoas doutras entidades en Galicia que desenvolven proxectos europeos ou xestionan fondos comunitarios.
- A posibilidade de poñer en común as experiencias de distintos actores en diferentes fases da execución dos fondos: autoridade de xestión, organismos intermedios, beneficiarios, etc.
- A ocasión de reflexionar sobre a intervención pública e privada á hora de enfrontar retos en Galicia como o desemprego, a demografía ou o cambio climático.
Edicións previstas en 2024
Este 2024 TecEuropa contará con dúas edicións: a primeira tivo lugar entre o 28 de maio e o 6 de xuño; e a segunda celebrarase do 11 ao 14 de novembro. Prevese que a última das dúas mencionadas sexa de carácter híbrido, recuperando a presencialidade que caracterizaba ao programa nos seus inicios.
TecEuropa 2024
TecEuropa clásico (novembro)
Na súa 21ª edición, TecEuropa recupera o formato presencial entre os días 11 e 14 de novembro de 2024.
Neste enlace podes atopar toda a información sobre esta nova edición.
TecEuropa clásico (maio)
A 20ª edición de TecEuropa mantivo o formato virtual e celebrouse entre os días 28 de maio e 6 de xuño.
Podes consultar máis información sobre a 20ª edición nesta ligazón.
TecEuropa 2023
TecEuropa clásico (novembro)
A 19ª edición de TecEuropa celebrouse do 8 ao 17 de novembro de 2023.
Podes consultar máis información sobre a 19ª edición nesta ligazón.
TecEuropa clásico (xuño)
A 18ª edición de Teceuropa celebrouse do 14 ao 23 de xuño de 2023.
Podes consultar máis información sobre a 18ª edición nesta ligazón.
TecEuropa 2022
TecEuropa clásico (novembro)
A 17ª edición de Teceuropa celebrouse do 16 ao 25 de novembro de 2022.
Podes consultar máis información sobre a 17ª edición nesta ligazón.
TecEuropa clásico (maio)
A 16ª edición de TecEuropa celebrouse entre o 4 e 13 de maio de 2022 e nela participaron máis de 150 persoas.
Consulta o programa da edición na seguinte ligazón.
TecEuropa 2021
TecEuropa clásico
A XV Edición de TecEuropa tivo lugar entre o 9 e o 19 de novembro e contou con máis de 80 inscritos de entidades galegas públicas e privadas sen ánimo de lucro.
Consulta o programa desta edición nesta ligazón.
TecEuropa ONGD
A XIV Edición de TecEuropa, celebrada entre o 14 e o 24 de setembro, foi a primeira dedicada na súa totalidade aos axentes de cooperación.
Ao longo de cinco sesións virtuais, case medio cento deles puideron coñecer máis sobre as liñas de financiamento europeo existentes en materia de axuda humanitaria e de cooperación ao desenvolvemento en América Latina e África
TecEuropa empresas
A XIII Edición de TecEuropa, celebrada entre o 8 e o 18 de xuño, foi a primeira dedicada na súa totalidade a entidades privadas galegas, como empresas, clústeres, cámaras de comercio ou entidades de apoio empresarial.
Consulta o programa desta edición na seguinte ligazón.
TecEuropa clásico
A XII Edición de TecEuropa tivo lugar entre o 20 e o 30 de abril de 2021.
Consulta o programa desta edición aquí.
TecEuropa local
A XI Edición de TecEuropa, destinada exclusivamente as entidades locais (como concellos e deputacións), celebrouse entre o 4 e o 12 de marzo de 2021.
Consulta o programa desta undécima edición na seguinte ligazón.
TecEuropa 2020
TecEuropa clásico
A X Edición de TecEuropa tivo lugar entre o 17 e o 27 de novembro. Por mor da Covid-19, esta edición de TecEuropa desenvólvese nun formato completamente en liña.
Consulta o programa desta décima edición nesta ligazón.