Futuro orzamento europeo

Portada » Galegos en Bruxelas » Futuro orzamento europeo

En pleno debate sobre o Marco Financeiro Plurianual (MFP) post 2027, Galicia traballa para defender os intereses da comunidade e para que conte cun orzamento forte que sitúe ás rexións no centro do seu deseño e aplicación. Estas son as accións máis relevantes levadas a cabo por Galicia desde que a Comisión Europea presentou a súa proposta:

⇒ En xullo de 2025 coñeceuse a proposta da Comisión Europea do MFP 2028-2034. Consulta aquí a valoración da proposta desde unha perspectiva galega.

⇒ O 3 de outubro, o Consello Galego de Pesca aprobou por unanimidade un ditame sobre o impacto da proposta no sector pesqueiro, no que reclama o mantemento dun fondo específico para a pesca, cunha dotación suficiente e aliñado coa Política Pesqueira Común. Ademais, rexeita a integración do FEMPA nun macrofondo multisectorial, xa que podería reducir a visibilidade, a capacidade de investimento e o apoio a un sector estratéxico para a economía azul galega. Consulta aquí a posición do sector pesqueiro galego apoiada pola Xunta de Galicia.

⇒ O 15 de outubro, o Comité das Rexións adopta por unanimidade unha resolución sobre esta cuestión, e a Alianza pola Cohesión, da que forma parte a Xunta de Galicia, realiza un chamamento para revisar a reforma da política de cohesión.

⇒ O 21 de outubro celebramos en Santiago unha reunión excepcional da delegación española do Comité das Rexións, presidida daquela polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na que se adoptou a Declaración Galicia. Neste boletín podes ver o seguimento que fixemos da declaración.

⇒ O 5 de novembro organizamos unha reunión no Parlamento Europeo coa EURegions4Cohesion.

⇒ O 29 de setembro de 2026, Galicia participou na terceira reunión política da coalición EURegions4Cohesion. O bxectivo central do encontro foi reforzar a posición das rexións nas negociacións que o Parlamento Europeo mantén sobre os futuros Plans de Colaboración Nacional e Rexional (PCNR), instrumentos chamados a xestionar preto da metade do orzamento europeo durante o período 2028-2034. Ademais, elaborouse unha posición común respaldada polas 144 rexións da rede. 

Coa negociación do MFF 28-34 e as regulacións sectoriais xa nas mans dos co-lexisladores, durante 2026 traballamos con cada un deles:

    • A través de emendas redactadas con EURegions4Cohesion, contribuímos ao informe provisional do MFP do Parlamento Europeo, en liña coa última posición desta alianza e da delegación española no Comité das Rexións (Declaración de Galicia). Como resultado, este informe pide unha asignación específica para todas as categorías de rexión, en contraposición á proposta da Comisión, que só reserva unha cantidade para as menos desenvolvidas.
    • Tamén contribuímos ao borrador do informe sobre os PCNR publicado en xuño, que solicita a interacción directa entre as autoridades rexionais de xestión e a Comisión Europea.
    • No CdR, voz oficial das rexións neste debate, participamos na elaboración do ditame sobre o MFP, aprobado polo CdR en marzo de 2026, e nos relativos aos Plans de Colaboración Nacional e Rexional (PCNR), o novo Marco de Rendemento, o FEDER e o FSE, aprobados en maio. Entre outras cuestións, defendemos que as autoridades xesoras rexionais deberían poder seleccionar e establecer os seus propios fitos cualitativos e obxectivos cuantitativos, así como as datas indicativas correspondentes de finalización e os indicadores de rendemento asociados.
    • Reunímonos coa Representación Permanente de España ante a UE para coñecer as discusións no Consello en relación co MFP no seu conxunto e a posición defendida por España.
    • En xuño, organizamos unha comparecencia do Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na comisión mixta Congreso-Senado para a UE como presidente saínte da delegación española do CdR, na que instou a comezar a preparar o plan español e a mellorar a coordinación entre o Estado e as CCAA de cara a esta nova programación de fondos.

Galicia leva recibidos máis de 32.000 millóns de euros de fondos europeos desde 1986, o que permitiu modernizar infraestruturas, mellorar servizos públicos e fortalecer a cohesión social. Esta experiencia demostra a importancia de contar cun orzamento europeo sólido, capaz de responder ás necesidades e desafíos dos territorios.

Neste contexto, Galicia defende que o futuro Marco Financeiro Plurianual debe manter políticas fortes e adecuadamente financiadas, preservando o papel das rexións no seu deseño e execución. Isto inclúe garantir o apoio a políticas clave como a cohesión, a pesca, o desenvolvemento rural, a competitividade industrial e a innovación, fundamentais para afrontar retos como o envellecemento demográfico, a transición ecolóxica e dixital, o acceso á vivenda, o equilibrio territorial e o reforzo da base produtiva europea.

Consulta a posición previa á proposta da Comisión Europea

Antes da presentación da proposta, a Comisión Europea publicou en febreiro de 2025 unha comunicación na que presenta as bases que han conformar ese futuro orzamento. En relación coas asignacións aos Estados membros, que hoxe representan case dous terzos do orzamento dedicados á agricultura e á cohesión rexional, a Comisión propón aunalos en plans únicos por país, o que podería poñer en risco a continuidade dos programas de FEDER e FSE galegos, por exemplo, dotados de 1.567 e 738,4 M€ respectivamente para o período 21-27.

O sistema de xestión e control da política de cohesión é, ademais, cuestionado, en favor do sistema instaurado co Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, baseado no pago a partir do cumprimento de fitos e obxectivos e non a partir do gasto certificado, como ocorre cos fondos estruturais. Trátase, ademais, dun programa moi centralizado a nivel estatal en toda a UE, que carece de calquera enfoque territorial.

Posición común das CCAA sobre o futuro da política rexional

Neste contexto, Galicia coordinou un documento de posición común das comunidades autónomas sobre o futuro da política rexional. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este texto no Comité das Rexións e entregoullo ao vicepresidente de Cohesión e Reformas, Raffaele Fitto.

EURegions4Cohesion

A principios de 2024, unímonos á alianza informal de rexións, EURegions4Cohesion, composta por máis de 140 rexións, co obxectivo de mandar unha carta á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, alertando sobre a importancia de preservar a dimensión rexional da política de cohesión. Esta carta tivo eco nas orientacións políticas que Von der Leyen defendeu ante o Parlamento Europeo para ser revalidada no seu cargo en xullo, na que recalcaba “Necesitamos unha política de cohesión e crecemento reforzada na que as rexións ocupen un lugar central. Debe deseñarse en colaboración coas autoridades nacionais, rexionais e locais”.

Tamén trasladamos estas mesmas mensaxes nun seminario que organizamos no Parlamento europeo ao que asistiron eurodeputados de todo o arco político e de varias comisións. Posteriormente, enviamos cartas aos vicepresidentes Fitto (Cohesión) e Minzatu (Emprego), e ao comisario Serafin (Orzamento) cos que nos reunimos a finais de xaneiro para defender o mantemento dos programas operativos rexionais dos fondos estruturais.

CdR

O Comité Europeo das Rexións (CdR) puxo en marcha unha nova campaña da Alianza da Cohesión con motivo do Cumio de Rexións e Cidades de Mons, celebrado en marzo de 2024. No último pleno de novembro do mesmo ano, Galicia apoiou un novo ditame en resposta ao 9º Informe de cohesión, outro sobre o futuro orzamento e outro sobre os desafíos demográficos na política de cohesión, liderado por Asturias.

CRPM

A Asemblea xeral da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM), da que Galicia forma parte, adoptou en outubro de 2024 un posicionamento sobre o futuro orzamento comunitario e agora traballa nun máis concreto sobre política rexional. Esta rede publicou, ademais, unha serie de estudos sobre o posible impacto da futura ampliación sobre a política de cohesión, sobre a trampa do desenvolvemento (rebatindo este concepto utilizado pola Comisión) e sobre o MRR, no que poñen en dúbida a idea de que a súa xestión sexa máis sinxela ou eficiente que a política de cohesión.

DCRN

Tamén no marco da Rede de rexións afectadas polo cambio demográfico (DCRN) adoptamos un posicionamiento sobre este asunto que despois foi presentado no Parlamento Europeo.

Posición común das Comunidades Autónomas de cara ao futuro da política rexional. Consulta o documento en galego, castelán, catalán, éuscaro ou inglés.

Fundación Galicia Europa

Consulta o documento en galego, castelán, catalán, éuscaro ou inglés.