Consultas públicas

Portada » Unión Europea » Consultas públicas

Participa na elaboración de políticas europeas

A Comisión Europea quere incluír a todos os cidadáns europeos no proceso lexislativo da UE. Por iso, se es cidadán europeo e queres expresar a túa opinión sobre o deseño da normativa comunitaria, podes contribuír ás consultas públicas abertas ou formular comentarios sobre as iniciativas da Comisión Europea durante a fase de elaboración das políticas a través do portal Díganos o que pensa.

Díganos o que pensa é un portal da Comisión no que todos os cidadáns poden compartir os seus puntos de vista sobre as novas políticas da UE e a lexislación vixente.

A Comisión Europea quere redactar propostas lexislativas e políticas cunha base empírica e de alta calidade e manter unha actitude aberta e transparente no proceso. Por iso, promove que a cidadanía europea contribúa á elaboración das políticas comunitarias, como parte do proceso democratizador da UE.

A Comisión está sempre aberta a escoitar a túa opinión e presta atención ás túas contribucións á hora de redactar as propostas lexislativas, e mesmo lle interesa recadar a túa opinión respecto á lexislación que xa estea en vigor.

Consultas públicas

Proceso da consulta pública

Folla de roteiro

Cando a Comisión Europea disponse a elaborar unha iniciativa lexislativa ou a modificar a lexislación vixente, inicialmente, elabora unha folla de roteiro na que describe o contexto do proxecto lexislativo e dá aos cidadáns 4 semanas para comentalo. Os cidadáns poden contribuír en calquera das 24 linguas oficiais da UE mandando os seus comentarios de forma online.

Análise de comentarios

A Comisión analizará os comentarios enviados polos cidadáns europeos e realizará un resume coas contribucións e os comentarios recibidos. Posteriormente, estudará como poden transformar esas ideas en opcións políticas máis concretas e, finalmente, presentará esas opcións a consulta pública.

Consulta pública

A consulta pública trátase dun cuestionario en liña que adoita estar dispoñible durante 12 semanas. Nesta fase, os cidadáns poden participar na consulta pública para dar a súa opinión sobre as opcións presentadas pola Comisión.

Proposta lexislativa

A partir das opinións recibidas, a Comisión elaborará un proposta lexislativa que responda ás necesidades reais dos cidadáns. Esta proposta enviarase aos órganos colexisladores europeos, o Parlamento Europeo e o Consello, que son os responsables de debater e aprobar a lexislación.

Fase de comentarios

Ademais, unha vez elaborada a proposta lexislativa, esta ponse de novo a disposición dos cidadáns para que envíen os seus comentarios cunha marxe temporal de 8 semanas. Posteriormente, todas as opinións recollidas enviaranse ao Parlamento Europeo e ao Consello para que as teñan en conta á hora de realizar o traballo lexislativo.

Preparados para o futuro

Ademais das consultas públicas, a Comisión Europea tamén conta co portal Preparados para o Futuro no que podes suxerir melloras sobre a normativa vixente para simplificar os actos lexislativos da UE, reducir a súa carga administrativa e aumentar o seu potencial de dixitalización, co obxectivo de que a lexislación comunitaria sexa máis eficiente e estea máis adaptada ao futuro.

Esta plataforma permite que poidas enviar as túas suxestións ao longo de todo o ano (é dicir, non están limitadas a unha marxe temporal como é o caso das consultas públicas).