I. Defensa dos intereses galegos en Europa

A FGE realiza un seguimento das políticas comunitarias, presta apoio e asesora aos representantes galegos nas institucións e órganos comunitarios, organiza visitas de responsables políticos e técnicos a Bruxelas, fomenta a participación galega nos foros de debate que teñen lugar na capital comunitaria e colabora con outras rexións no marco de diferentes redes de cooperación para defender intereses comúns.
Volver á páxina principal
I. Comité Europeo das Rexións

A FGE facilitou e asistiu na representación de Galicia no CdR en 26 reunións, entre as que destacan as cinco da comisión de Recursos Naturais (NAT), outras cinco da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e as cinco sesións plenarias.

Asistiu ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE en reunións de plataformas do CdR como o grupo de contacto do CdR con Reino Unido ou a Asamblea Euromediterránea (ARLEM), e na celebración do trixésimo aniversario do CdR organizado pola delegación española en Logroño ou o Cumio Europeo das Rexións e das Cidades celebrado en Mons. Igualmente, a FGE asistiu á conselleira de Economía e Industria na terceira reunión política da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción (ARA), celebrada en novembro en Monza (Italia).

Co apoio da FGE, Galicia contribuiu á elaboración de 17 ditames, xa sexa a través de respostas ás consultas previas á súa elaboración ou de emendas aos proxectos de ditame en comisión ou pleno. Entre eles destacamos o relativo aos instrumentos para reforzar a sustentabilidade sostenibilidade da agricultura europea, ao novo mecanismo para resolver obstáculos xurídicos e administrativos nun contexto transfronteirizo ou ao das novas técnicas xenómicas e materiais de reproducción vexetal.

Merece especial mención o ditame “Retos e oportunidades da intelixencia artificial no sector público: determinar o papel dos entes locais e rexionais”. A AMTEGA contribuiu ao estudo encargado polo CdR que completou a elaboración deste ditame e participou no seminario celebrado en outubro con ocasión da aprobación do proxecto de ditame na comisión ECON (máis información no apartado ‘c’ Seguimento e participación nas políticas europeas).

En canto aos debates, destacamos a participación galega nos referidos ao futuro da política agrícola común co comisario do ramo na comisión NAT e ao debate sobre o futuro da política rexional no pleno de novembro. Trátase de debates que tiveron lugar nunha fase moi temperá do proceso comunitario de toma de decisións co obxectivo de influír na elaboración da proposta do futuro marco financeiro plurianual previsto para mediados de 2025.

Por último, a FGE traballou estreitamente coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para presentar unha candidatura ao premio anual convocado polo CdR “Rexión Emprendedora Europea”, baseada nunha estratexia integral para impulsar o emprendemento no medio rural galego. De entre as 11 candidaturas presentadas, o xurado elixiu a candidatura galega xunto coa provincia croata de Krapina Zagorje e a rexión polaca de Mazovia. Deste xeito, a Xunta de Galicia conta cun logo específico como Rexión Emprendedora Europea 2025 que servirá para dar maior visibilidade á rexión en Europa. O conselleiro de Emprego recolleu o premio durante o pleno do CdR de xuño. Consulta neste enlace a estratexia Galicia EER2025.

II. Participación no Consello da UE

A FGE prestou apoio para que, durante o segundo semestre de 2024, Galicia exercesen a coordinación autonómica en materia de Medio Ambiente no Consello. En decembro, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, participou no Consello de Ministros do ramo tras consensuar unha posición común entre todas as comunidades autónomas.

A Conselleira interveu no punto dedicado ao regulamento en materia de contaminación por microplásticos. As CCAA valoran moi positivamente o acordo dos 27 Estados membros sobre este regulamento para previr as perdas de granulado plástico en todas as etapas da cadea de subministración, incluído o transporte marítimo.

III. Reunións de alto nivel entre Galicia e Bruxelas

➤ ABRIL

En abril, a FGE organizou unha axenda de reunións en Bruxelas para o director da Axencia de Modernización de Galicia (AMTEGA) con motivo da aprobación definitiva do regulamento europeo de IA a principios de abril. Así, puido reunirse con representantes de REPER, a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o Comité Europeo das Rexións.

➤ XUÑO

En xuño, o conselleiro de Emprego, José González, acompañado do secretario xeral de Emprego, recolleu en Bruxelas o premio outorgado a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 durante o pleno do CdR. A FGE aproveitou esta visita para organizar reunións con dous eurodeputados galegos e coa Dirección Xeral de Emprego da Comisión Europea.

➤ SETEMBRO

En setembro, a FGE organizou a visita da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, a Bruxelas para manter diversas reunións coa Comisión Europea en relación co bloqueo xudicial dos parques eólicos.

Tamén en setembro o conselleiro do Mar visitou Bruxelas para reclamar unha reforma integral da PPC. En varias reunións na Comisión Europea e no Parlamento, o conselleiro abordou a xestión das posibilidades pesqueiras nos caladoiros comunitarios ou a competencia desleal de terceiros países.

➤ OUTUBRO

En outubro, o director da AMTEGA, Julián Cerviño, participou nun seminario organizado polo Comité Europeo das Rexións en Tampere (Finlandia) sobre os retos e oportunidades da IA no sector público, con motivo do ditame que estaba a elaborar sobre este tema. Co apoio da FGE, o representante da Xunta puido explicar a lei autonómica de IA que está en proceso de aprobación e que promoverá a implantación da IA na administración pública, no ecosistema I+D e nos sectores económicos. AMTEGA tamén presentou sete emendas ao texto do ditame que se votou en novembro na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións, sendo incorporadas na súa maioría ao texto final.

Tamén en outubro, Galicia e outras 133 rexións da UE reuníronse co novo Parlamento Europeo para pedir a defensa da política de cohesión. A esta reunión asistiron 20 representantes rexionais, entre eles o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e máis de 30 eurodeputados. Con motivo desta viaxe, a FGE organizou unha reunión entre Miguel Corgos e o director xeral adxunto da Dirección de Política Rexional da Comisión Europea.

➤ NOVEMBRO

En novembro, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, recolleu en Bruxelas o premio do Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público á ferramenta EMi implantada no Servizo Galego de Emprego e que utiliza a IA nas oficinas de emprego de toda Galicia. A FGE apoiou e facilitou a participación galega neste acto.

A Fundación Galicia Europa acompañou tamén en novembro ao director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, que participou na Conferencia sobre política e innovación madeireira en Bruxelas, onde subliñou o compromiso do Goberno galego co sector madeireiro-forestal.

A Estratexia de Mobilidade Alternativa de Galicia foi distinguida en novembro pola Comisión Europea co premio Excellence in Road Safety na categoría de mellores proxectos de apoio á seguridade viaria para usuarios vulnerables: peóns e ciclistas.

➤ DECEMBRO

En decembro, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu na III Conferencia Anual da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción (ARA), celebrada en Monza (Italia), na que as 36 rexións membro asinaron unha declaración que demanda unha folla de ruta clara e estable para a transformación da industria do automóbil de cara a conseguir a neutralidade climática. A FGE xestiona a participación galega nesta rede, creada en 2022 ao abeiro do Grupo Interrexional do Automóbil do Comité Europeo das Rexións, do que Galicia tamén forma parte.

En decembro, a FGE acompañou ao conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na súa visita a Bruxelas con motivo da negociación das cotas pesqueiras.

V. Encontros virtuais FGE | NextGeneratiOn Galicia

A FGE continuou en 2024 organizando encontros mensuais entre as institucións europeas e a Xunta de Galicia para explicar as políticas europeas ao sector público autonómico.

Comezamos o ano afondando en cuestións como a presenza global da UE, as prioridades presentes e futuras da UE ou a lei europea de restauración da natureza. Tras as eleccións ao Parlamento Europeo do mes de xuño, analizamos o cambio institucional da UE. Rematamos o ano repasando algunhas iniciativas europeas como a plataforma STEP, a PAC e acabamos o ano reflexionando sobre o modelo de xestión dos recursos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Esta é a lista completa dos encontros celebrados:

Febreiro: A axenda “Global Gateway” de acción exterior.

Abril: As prioridades da Comisión von der Leyen: evaluación e perspectivas futuras.

Xuño: A lei europea de Restauración da Natureza.

Xullo: Xunta e Parlamento Europeo analizan o cambio institucional tras as eleccións europeas.

Septembro: A plataforma de tecnoloxías estratéxicas para Europa (STEP).

Outubro: Análise da PAC.

Dicembro: Evaluación do Tribunal Europeo de Contas sobre o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

VI. Semana Europea das Rexións e as Cidades

A FGE impulsou un ano máis a participación galega na 22ª edición da Semana Europea das Rexións e Cidades #EURegionsWeek, que se celebrou baixo o lema de ‘Capacitar ás rexións’. Neste encontro anual, que reúne en Bruxelas a máis de 6.000 representantes das administracións locais e rexionais para compartir como trasladan as políticas europeas aos seus territorios

Estes foron os actos máis destacados da presenza galega:

O secretario xeral de Emprego, Pablo Fernández, interveu nunha xornada sobre a potenciación do talento rexional, na que explicou a experiencia da rede de Polos de Emprendemento en Galicia.

Por outra banda, a propia FGE explicou varios dos proxectos europeos nos que está implicada con outras entidades para empoderar á mocidade rural e animalos a emprender.

Nesta nova podes atopar toda a información sobre a participación galega na Semana Europea das Rexións e Cidades 2024.

VII. Redes de cooperación rexional
 

No ano 2023 a FGE coordinou a participación galega na Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) e na Comisión do Arco Atlántico (CAA) e participou nas reunións organizadas pola Rede informal de Colaboración entre Delegacións Rexionais Españolas (CORE).

CAA e CRPM

A Fundación Galicia Europa coordinou a participación galega na Conferencia das Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) en materia de innovación, turismo, transición enerxética da pesca ou sustentabilidade.

En abril, Antonio Basanta, director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, acudiu a Estrasburgo a unha xornada de audiencias de traballo con europarlamentarios saíntes e candidatos á reelección na Eurocámara, onde reclamou que o novo ciclo institucional da UE tras as eleccións asuma o papel esencial que xogan o sector marítimo-pesqueiro e o conxunto da cadea mar-industria como fonte de alimentación sostible e de calidade para a UE.

A FGE asistiu a máis dunha ducia de reunións dos grupos de traballo en materia de transporte, clima, cohesión, pesca e Brexit. De especial relevancia foi a participación na revisión da Rede Transeuropea de Transporte. A FGE trasladou as esixencias da Xunta de Galicia durante a negociación do novo Regulamento RTE-T.

CORE

A FGE participou nas reunións organizadas pola Rede informal de Colaboración entre Oficinas Rexionais Españolas (CORE) e que, a través dos seus 11 grupos de coordinación técnica e do grupo de responsables de oficina, permite unha interlocución directa coa Representación Permanente de España ante a UE (REPER) e con todas as institucións europeas, ademais de compartir información.

A FGE coordinou un ano máis o grupo dedicado á Cohesión. No primeiro semestre organizou dúas reunións coa REPER e outra cunha representante da DG PRESUPOSTO, que permitiron coñecer de primeira man a revisión do actual Marco Financeiro Plurianual acordada en febreiro, o papel do Tribunal de Contas Europeo neste debate e o traballo interno da Comisión Europea. En decembro, a FGE organizou unha reunión de CORE cos conselleiros de Facenda e da Oficina Económica do Goberno da REPER na que se abordou a posición de España no actual debate sobre o futuro Marco Financeiro Plurianual.

Vanguard Initiative 

A FGE asistiu á directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, na reunión de directores de alto nivel da Vanguard Initiative, unha alianza formada por 38 rexións europeas que busca impulsar a colaboración interrexional en innovación. Galicia forma parte dela desde 2025.

VIII. Presenza de entidades galegas en Bruxelas

EmigraSon

A Fundación Galicia Europa colaborou en 2024 coa segunda edición do festival de música galega EmigraSon en Bruxelas. No marco do festival, a FGE acolleu na súa oficina de Bruxelas a primeira edición do Foro da Investigación Galega no Estranxeiro (FIGaE), organizado pola Rede Galega pola Investigación (InvestiGal) co obxectivo de visibilizar o traballo neste ámbito e de fomentar o contacto con Galicia e co que se está a facer na nosa rexión.

Feuga e Conxemar

Así mesmo, a FGE presta apoio a aquelas entidades galegas públicas ou privadas que queiran achegarse a Bruxelas para participar de xeito efectivo no proceso de decisión comunitaria e nos programas europeos. É o caso actualmente da Fundación Universidade-Empresa de Galicia (FEUGA), que aluga o seu espazo de oficina na propia sede da Fundación en Bruxelas, e de Conxemar, a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura, que en 2023 volveu alugar un despacho na sede da FGE.

Premio Galicia Rexión Emprendedora Europea 2025

O conselleiro de Emprego, José González, recolleu o premio que recoñece a Galicia como Rexión Emprendedora Europea durante o pleno do Comité Europeo das Rexións de xuño.

Encontro virtual sobre as eleccións europeas

Na edición de xullo dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’ abordouse con Jesús Carmona, director de Medios na Dirección Xeral de Comunicación do Parlamento Europeo, o cambio institucional tras as eleccións europeas.

Asistentes á reunión

En setembro, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, viaxou a Bruxelas para manter diversas reunións coa Comisión Europea en relación co bloqueo xudicial dos parques eólicos.

#EURegionsWeek

Na 22ª edición da Semana Europea das Rexións e Cidades, a FGE explicou varios dos proxectos europeos nos que está implicada xunto con outras entidades e que se centran en empoderar á mocidade das zonas rurais.

Corgos #EURegions4Cohesion

Tamén en outubro, Galicia e outras 133 rexións da UE reuníronse co novo Parlamento Europeo para pedir a defensa da política de cohesión, entre eles, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

O director xeral de Relacións Institucionais e coa UE, Jesús Gamallo, participou en novembro en Logroño no trixésimo aniversario do Comité Europeo das Rexións.

A Fundación Galicia Europa colaborou en 2024 coa segunda edición do festival de música galega EmigraSon en Bruxelas.