Futuro da política rexional
Portada » Financiamento comunitario »En pleno debate sobre o marco financeiro plurianual post 2027, Galicia traballa en diferentes frontes para defender unha política de cohesión que conte cun orzamento forte e sitúe ás rexións no centro do seu deseño e aplicación. Estas son as accións máis relevantes levadas a cabo por Galicia desde que a Comisión Europea presentou a súa proposta:
- En xullo coñeceuse a proposta da Comisión Europea do MFP 2028-2034. Consulta aquí a valoración da proposta desde unha perspectiva galega.
- O 15 de outubro, o Comité das Rexións adopta por unanimidade unha resolución sobre esta cuestión, e a Alianza pola Cohesión realiza un chamamento para revisar a reforma da política de cohesión.
- O 21 de outubro celebramos en Santiago unha reunión excepcional da delegación española do Comité das Rexións, na que se adoptou a Declaración Galicia. Neste boletín podes ver o seguimento que fixemos da declaración.
- O 5 de novembro organizamos unha reunión no Parlamento Europeo coa EURegions4Cohesion.
Galicia leva recibidos máis de 32.000 millóns de euros desde 1986, o que permitiu modernizar infraestruturas, mellorar servizos públicos e fortalecer a cohesión social. Esta experiencia confirma o impacto clave da política de cohesión no desenvolvemento rexional.
Por iso, Galicia defende que esta política debe seguir sendo esencial para a UE, non só por solidariedade, senón como ferramenta para favorecer a converxencia, a competitividade territorial e a igualdade de oportunidades. Ademais, considérase imprescindible para afrontar retos estruturais como o envellecemento demográfico, o acceso á vivenda, a transición ecolóxica e dixital, o equilibrio territorial e o fortalecemento do rural e da base produtiva.
Consulta a posición previa á proposta da Comisión Europea
Con vistas á publicación da súa proposta, o vindeiro mes de xuño, a Comisión Europea publicou en febreiro unha comunicación na que presenta as bases que han conformar ese futuro orzamento. En relación coas asignacións aos Estados membros, que hoxe representan case dous terzos do orzamento dedicados á agricultura e á cohesión rexional, a Comisión propón aunalos en plans únicos por país, o que podería poñer en risco a continuidade dos programas de FEDER e FSE galegos, por exemplo, dotados de 1.567 e 738,4 M€ respectivamente para o período 21-27.
O sistema de xestión e control da política de cohesión é, ademais, cuestionado, en favor do sistema instaurado co Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, baseado no pago a partir do cumprimento de fitos e obxectivos e non a partir do gasto certificado, como ocorre cos fondos estruturais. Trátase, ademais, dun programa moi centralizado a nivel estatal en toda a UE, que carece de calquera enfoque territorial.
Posición común das CCAA sobre o futuro da política rexional
Neste contexto, Galicia coordinou un documento de posición común das comunidades autónomas sobre o futuro da política rexional. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este texto no Comité das Rexións e entregoullo ao vicepresidente de Cohesión e Reformas, Raffaele Fitto.
EURegions4Cohesion
A principios de 2024, unímonos á alianza informal de rexións, EURegions4Cohesion, composta por máis de 140 rexións, co obxectivo de mandar unha carta á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, alertando sobre a importancia de preservar a dimensión rexional da política de cohesión. Esta carta tivo eco nas orientacións políticas que Von der Leyen defendeu ante o Parlamento Europeo para ser revalidada no seu cargo en xullo, na que recalcaba “Necesitamos unha política de cohesión e crecemento reforzada na que as rexións ocupen un lugar central. Debe deseñarse en colaboración coas autoridades nacionais, rexionais e locais”.
A principios de outubro, trasladamos estas mesmas mensaxes nun seminario que organizamos no Parlamento europeo ao que asistiron eurodeputados de todo o arco político e de varias comisións. Posteriormente, enviamos cartas aos vicepresidentes Fitto (Cohesión) e Minzatu (Emprego), e ao comisario Serafin (Orzamento) cos que nos reunimos a finais de xaneiro para defender o mantemento dos programas operativos rexionais dos fondos estruturais.
CdR
O Comité Europeo das Rexións (CdR) puxo en marcha unha nova campaña da Alianza da Cohesión con motivo do Cumio de Rexións e Cidades de Mons, celebrado en marzo de 2024. No último pleno de novembro do mesmo ano, Galicia apoiou un novo ditame en resposta ao 9º Informe de cohesión, outro sobre o futuro orzamento e outro sobre os desafíos demográficos na política de cohesión, liderado por Asturias.
CRPM
A Asemblea xeral da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM), da que Galicia forma parte, adoptou en outubro de 2024 un posicionamento sobre o futuro orzamento comunitario e agora traballa nun máis concreto sobre política rexional. Esta rede publicou, ademais, unha serie de estudos sobre o posible impacto da futura ampliación sobre a política de cohesión, sobre a trampa do desenvolvemento (rebatindo este concepto utilizado pola Comisión) e sobre o MRR, no que poñen en dúbida a idea de que a súa xestión sexa máis sinxela ou eficiente que a política de cohesión.
DCRN
Tamén no marco da Rede de rexións afectadas polo cambio demográfico (DCRN) adoptamos un posicionamiento sobre este asunto que despois foi presentado no Parlamento Europeo.
Posición común das Comunidades Autónomas de cara ao futuro da política rexional. Consulta o documento en galego, castelán, catalán, éuscaro ou inglés.