Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Cohesión »
EURegions4Cohesion reúnese por terceira vez co Parlamento Europeo no marco das negociacións do MFP 28-34
— Unha delegación de 10 representantes autonómicos participaron no encontro encabezados polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos
— A coalición EURegions4Cohesion reforza a súa interlocución co Parlamento Europeo nun momento clave para a negociación do orzamento da UE 2028-2034
Bruxelas, 2 de outubro de 2026. A Fundación Galicia Europa (FGE) coordinou o pasado martes a participación das comunidades autónomas na terceira reunión política da coalición EURegions4Cohesion, celebrada no Parlamento Europeo. Esta alianza informal, liderada polas rexións de Emilia-Romaña e Nova Aquitania, agrupa a 144 rexións de 20 países para defender unha política de cohesión forte e baseada na gobernanza multinivel de cara ao período 2028-2034.
O encontro reuniu en Bruxelas a máis de 35 responsables políticos rexionais, máis de 30 eurodeputados e representantes das institucións europeas para analizar o futuro orzamentario da Unión. Galicia estivo representada polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, quen apelou a manter o equilibrio entre a simplificación dos fondos europeos e a participación efectiva dos territorios na súa xestión.
Influír nunha negociación clave para o futuro da cohesión
O obxectivo central da xornada foi reforzar a posición das rexións nas negociacións que o Parlamento Europeo mantén sobre os futuros Plans de Colaboración Nacional e Rexional (PCNR), instrumentos chamados a xestionar preto da metade do orzamento europeo durante o período 2028-2034.
Neste foro, a delegación galega apoiou as reivindicacións de EURegions4Cohesion para preservar o papel activo dos territorios no deseño e execución dos fondos. As propostas da rede quedaron recollidas nun documento de posición común subscrito polas 144 rexións que forman parte da coalición, co obxectivo de influír nas negociacións en curso sobre os futuros PCNR e o próximo Marco Financeiro Plurianual. A coalición subliñou tamén a necesidade de que se estableza unha asignación financeira predefinida para as rexións en transición, como Galicia, tendo en conta non só a súa situación socioeconómica actual, senón tamén os fondos percibidos no período de programación vixente. Deste xeito, garantiríase a continuidade dos investimentos e ofreceríase estabilidade na planificación das políticas de cohesión a longo prazo.
![]()
O respaldo do Parlamento Europeo
A xornada concluíu coa intervención da presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, quen reafirmou o compromiso da institución cunha política de cohesión forte e dotada dun orzamento propio no vindeiro MFP. En liña coas reivindicacións de EURegions4Cohesion, Metsola destacou o valor da cohesión como un investimento estratéxico para a prosperidade das rexións europeas e defendeu unha xestión máis sinxela e áxil dos fondos, mantendo o papel protagonista das rexións.
Principais accións de EURegions4Cohesion
→ Mobilización de máis de 140 rexións europeas arredor dunha posición común para defender o papel das rexións na Política de Cohesión despois de 2027.
→ Acción institucional ante a Comisión Europea, mediante cartas dirixidas á presidenta Ursula von der Leyen e aos comisarios responsables de Cohesión, Emprego e Orzamentos, acompañadas de reunións de alto nivel.
→ Organización de foros e encontros políticos no Parlamento Europeo, reunindo representantes rexionais e eurodeputados para influír no debate sobre o futuro orzamento e a Política de Cohesión da UE.
→ Participación en consultas públicas e elaboración de posicións conxuntas, defendendo unha política de cohesión con orzamento propio, asignacións rexionais e gobernanza multinivel.
→ Presentación de emendas e propostas lexislativas perante o Parlamento Europeo e o Comité Europeo das Rexións, varias das cales foron incorporadas aos seus informes e ditames.
Fonte: Xunta de Galicia
Máis información:
EUregions4Cohesion – Position paper
Defensa dos intereses de Galicia no debate sobre o futuro do MFP
© Parlamento Europeo, 2026