Actualidade
Portada » Actualidade »A Fundación Galicia Europa celebra un “Encontro virtual Xunta-UE” sobre o futuro Plan de Colaboración Nacional e Rexional (PCNR)
— Galicia defende un papel clave das rexións na definición do vindeiro Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 da UE
Bruxelas, 12 de xuño de 2026. A Fundación Galicia Europa (FGE) organizou o pasado mércores un novo “Encontro virtual Xunta-UE” coa Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea (DG REGIO), centrado nos futuros Plans de Colaboración Nacional e Rexional (PCNR), instrumentos clave no vindeiro Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034.
Na sesión, na que participaron máis de 30 membros do persoal da Xunta de Galicia, abordáronse os principais cambios previstos no futuro orzamento da UE, que apuntan a unha reorientación das prioridades cara a ámbitos como a competitividade, a innovación, a seguridade ou a defensa.
A directora da FGE en Bruxelas, Ana Ramos, abriu o encontro explicando como os PCNR serán a nova ferramenta que canalice os fondos preasignados a cada Estado membro no futuro período 2028-2034. Agrupará os recursos que hoxe en día se reparten entre o Plan Estratéxico da PAC para a España, os diferentes programas rexionais e nacionas de FEDER e FSE, e o programa FEMPA, ademais do Fondo de Asilo, Migración e Integración. Ramos fixo un repaso a participación de Galicia neste debate europeo desde que a Comisión Europea presentou a proposta en xullo do ano pasado.
A Xunta reiterou a súa posición a favor dunha maior participación das rexións na planificación e xestión dos fondos europeos, defendendo que o futuro PCNR español incorpore de maneira efectiva a dimensión rexional. Neste sentido, o director xeral de Fondos Europeos, Ángel Tarrío, expuxo a visión de Galicia ante o vindeiro MFP, facendo fincapé na necesidade de influír no deseño dos futuros plans estatais, reforzar a captación de fondos de xestión directa e consolidar unha estratexia galega de posicionamento europeo.
Con estes encontros, a Fundación Galicia Europa reforza o seu papel como ponte entre as institucións europeas e Galicia, contribuíndo a anticipar oportunidades de financiamento e reforzar a presenza dos intereses galegos no debate europeo.
© Fundación Galicia Europa, 2026