Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais » A axenda social europea, protagonista dun novo Encontro Virtual Xunta-UE

A axenda social europea, protagonista dun novo Encontro Virtual Xunta-UE

14/07/2026 |

— A Comisión Europea e a Xunta analizan os retos do emprego, a formación e a inclusión social nun contexto marcado pola competitividade e a transformación dixital

Bruxelas, 14 de xullo de 2026. A Fundación Galicia Europa (FGE) celebrou onte un novo Encontro Virtual Xunta-UE centrado na evolución da axenda social europea e no seu papel ante desafíos como a competitividade, a transición verde, a dixitalización e o envellecemento demográfico.

A sesión contou coa participación de Sonia Vila, experta do gabinete da vicepresidenta executiva da Comisión Europea, Roxana Mînzatu, e de Zeltia Lado, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta de Galicia.

Durante a súa intervención, Vila explicou que a política social europea se articula arredor de tres prioridades: o emprego de calidade, a loita contra a pobreza e a inclusión social, e o desenvolvemento de capacidades para responder ás necesidades do mercado laboral. Ademais, destacou que o modelo social europeo segue sendo un elemento clave para reforzar a competitividade da Unión Europea.

A representante da Comisión presentou tamén a futura estratexia europea contra a pobreza, que combinará medidas de integración laboral, acceso a servizos esenciais e apoio ás familias. Entre as próximas iniciativas figura o lanzamento dunha coalición europea contra a pobreza e a revisión dos indicadores empregados para medir esta realidade.

Pola súa banda, Zeltia Lado expuxo as actuacións impulsadas pola Xunta para facer fronte á falta de man de obra e aos retos demográficos de Galicia. Entre elas destacan a axenda galega de capacidades para o emprego, o desenvolvemento dun sistema de microcredenciais, os programas de retorno do talento galego no exterior e as medidas para favorecer a integración laboral da poboación migrante.

A responsable autonómica expresou tamén a súa preocupación pola posible redución dos recursos destinados ás políticas sociais no próximo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, especialmente no que respecta ao Fondo Social Europeo Plus.

O encontro enmárcase no convenio de colaboración entre a FGE e a Consellería de Facenda e Administración Pública para achegar á sociedade galega as prioridades e oportunidades da Unión Europea e reflexionar sobre o futuro das políticas comunitarias en Galicia.

Máis información: 26 07 13 Acta Encontro Virtual Xunta-UE 

© Fundación Galicia Europa, 2026

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data