Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Medioambiente e clima » Galicia defende ante a Comisión Europea un desenvolvemento enerxético, industrial e pesqueiro compatible coa protección do medio ambiente

Galicia defende ante a Comisión Europea un desenvolvemento enerxético, industrial e pesqueiro compatible coa protección do medio ambiente

20/02/2025 | , ,

— O presidente da Xunta reuniuse coa vicepresidenta Ribera, co vicepresidente Fitto e co comisario Kadis

— Alfonso Rueda contou co apoio e asesoramento da Fundación Galicia Europa, que deseñou a axenda da súa visita institucional a Bruxelas

Bruxelas, 20 de febreiro de 2025. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu ante a Comisión Europea un desenvolvemento enerxético, industrial e do sector marítimo-pesqueiro compatible coa protección do medio ambiente, que cree emprego e novas oportunidades en Galicia. Foi nunha visita institucional a Bruxelas na que contou co apoio e asesoramento da Fundación Galicia Europa, ademais de deseñar a axenda comunitaria do dirixente galego.

Rueda mantivo reunións con dous dos membros da Comisión cuxas competencias “nestes momentos son especialmente importantes para Galicia”: a vicepresidenta de Transición Limpa, Xusta e Competitiva, Teresa Ribera, e o comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, co obxectivo de trasladarlles os intereses e demandas da Comunidade e insistir en que “a execución das políticas comunitarias siga tendo unha perspectiva de descentralización”.

No encontro con Ribera, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o titular do Executivo autonómico abordou a actual situación xudicial de proxectos eólicos. Rueda trasladou as súas expectativas ante o futuro pronunciamento do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que deberá fallar sobre a cuestión prexudicial e determinar se a tramitación dos proxectos paralizados foi correcta. Tal e como sinalou o máximo responsable do Goberno galego, este pronunciamento non só afectaría “ás tramitacións que se están desenvolvendo en Galicia” senón que tamén “tería un impacto nas que se levan a cabo a nivel europeo”.

En canto aos proxectos industriais, o presidente da Xunta manifestoulle á vicepresidenta da Comisión Europea a “absoluta rigorosidade” coa que se tramitan as avaliacións de impacto ambiental en Galicia, observando “toda a normativa” que hai que cumprir. Así, de cara ao acceso a axudas de todo tipo, incluíndo as europeas, “poden ter a tranquilidade de que son proxectos absolutamente viables e respectuosos co medio ambiente”.

Do mesmo xeito, demandou que se teña en conta a Galicia “como territorio estratéxico para as grandes redes de transporte en Europa”, incluíndo tanto o transporte de persoas e mercadorías como as infraestruturas enerxéticas e “a necesaria conexión de Galicia á rede de hidrodutos europeos”. Tamén fixo referencia ao corredor atlántico de mercadorías, que, segundo apuntou “é preciso que se contemple como un obxectivo estratéxico europeo”, nun contexto de potenciación do ferrocarril e da descarbonización do transporte por estrada.

Encontro con Costas Kadis

Na reunión co comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, o responsable do Executivo autonómico resaltou a importancia que ten o sector para a Comunidade e incidiu na “necesidade de compatibilizar a preservación do medio ambiente coa economía do mar”.

Xunta de Galicia

Rueda lembrou os estritos estándares que se lles esixen aos pescadores europeos, apuntando que estes non poden verse penalizados fronte a rivais que non compren estes requisitos. “É imprescindible esixir regras de xogo iguais para todos”, sinalando que “o que se nos esixe a nós debe esixírselles tamén a aqueles que queiran vender peixe en Europa”. Neste sentido amosou a súa preocupación respecto aos acordos de libre comercio que poida haber con Tailandia, especialmente en relación co atún.

O presidente galego, que estivo acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pediulle ao comisario chipriota que non se eliminen as bonificacións ao gasóleo para os barcos “mentres non se atope outro sistema de propulsión alternativo”.

Saúdo a Raffaele Fitto

Rueda tivo ademáis oportunidade de saudar ao vicepresidente de Cohesión e Reformas, Raffaele Fitto, a quen entregou en man a posición común das comunidades autónomas sobre o futuro da política rexional que previamente presentara no pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR).

Xunta de Galicia

Máis información: Rueda defende ante a Comisión Europea un desenvolvemento enerxético, industrial e pesqueiro compatible coa protección do medio ambiente (Xunta)

Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data