Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Cohesión » O Comité Europeo das Rexións inicia un novo mandato cunha participación galega reforzada

O Comité Europeo das Rexións inicia un novo mandato cunha participación galega reforzada

20/02/2025 | ,

— O presidente Rueda participou na sesión constitutiva, na que foi nomeado vicepresidente e coordinador da delegación española

— Na súa intervención, destacou a gobernanza descentralizada como unha das principais fortalezas da UE e demandou maior peso das rexións na xestión dos fondos europeos

Bruxelas, 20 de febreiro de 2025. O Comité Europeo das Rexións (CdR) arrancou o seu novo mandato coa sesión plenaria número 164 á que asistiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O dirixente galego foi nomeado vicepresidente desta institución e coordinador da delegación española. Na súa intervención, destacou que a gobernanza descentralizada é unha das principais fortalezas da Unión Europea e demandou unha maior participación das comunidades autónomas na xestión dos fondos europeos.

O titular do Goberno autonómico foi o encargado de presentar a posición común das comunidades sobre o futuro da política rexional no marco do debate Os entes locais e rexionais no corazón dunha política de cohesión renovada que se celebrou no Comité Europeo das Rexións. Defendeu que a cohesión e a busca dun crecemento equitativo entre todos os territorios “foi e segue sendo” un dos grandes motores do progreso de Europa, sendo útil para reducir os desequilibrios e levar a toda a Unión as prioridades comunitarias.

Rueda presentou a posición común das comunidades autónomas sobre o futuro da política rexional

Neste sentido, segundo apuntou o presidente, a busca dun crecemento equitativo entre todas as rexións “está gravado no ADN” de todo o continente. Un obxectivo común que, segundo salientou, é compatible cunha maior gobernanza descentralizada que describiu como “unha das nosas principais fortalezas” e a forma máis eficaz de garantir que as prioridades dos cidadáns teñen o seu reflexo na política comunitaria.

Rueda aplaudiu unha revisión do actual modelo de xestión dos fondos europeos para incrementar a simplificación e a flexibilidade, pero sen camiñar cara unha recentralización. Unha forma de traballar que, segundo explicou, non é tan eficaz á hora de dar resposta as necesidades reais dun territorio e usar áxilmente os fondos.

Así, o presidente da Xunta defendeu en Bruxelas que o futuro dos fondos de cohesión pasa por non replicar a xestión dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Ao contrario, Rueda apostou por “incrementar a participación” das comunidades nos mesmos e que non se limiten a ser meros executores das decisións adoptadas noutras institucións. Lembrou que as comunidades contan con experiencia na execución de fondos, capacidade de análise e presenza sobre o territorio, o que permite unha xestión máis útil e eficiente dos mesmos. Ademais, fixo fincapé en que as autonomías “queren asumir un papel protagonista” e seguir sendo actores claves na construción do proxecto europeo.

Contexto

O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

Durante este mandato (2025-2029), Rueda ocupará a presidencia da delegación española e unha das vicepresidencias da mesa. Gamallo formará parte da comisión de Política Económica (ECON) e da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Ademais, será parte da delegación do CdR na Asemblea Rexional e Local Euromediterránea (ARLEM) e do grupo de traballo sobre Turquía. En CIVEX reeditará a súa posición como coordinador do seu grupo político no segundo período do mandato.

Fonte: Rueda participa no Pleno do Comité Europeo das Rexións onde foi nomeado vicepresidente e coordinador da delegación española (Xunta) / Rueda destaca a gobernanza descentralizada como unha das principais fortalezas da UE e demanda maior peso das rexións na xestión dos fondos europeos (Xunta)

Podes consultar a posición común en galego, castelán, catalán, éuscaro e inglés.

Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data