Actualidade
Portada » Actualidade »Galicia reclama no CDR que as rexións sigan tendo un papel relevante na execución dos fondos europeos
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou no pleno nº163 do Comité Europeo das Rexións (CdR), no que defendeu que Galicia loitará a toda costa por preservar os programas operativos rexionais
— Foi a última sesión plenaria do actual mandato do CdR, na que se conmemoraron os 30 anos desta institución cunha importante presenza de presidentes autonómicos e outros responsables nacionais, rexionais e locais españois
Bruxelas, 21 de novembro de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria número 163 do Comité Europeo das Rexións (CdR). Na súa intervención no debate sobre a política de cohesión posterior a 2027, reclamou que as rexións sigan tendo un papel relevante na execución dos fondos. Gamallo explicou que Galicia está aberta á simplificación desta política dende un enfoque baseado no rendemento, pero loitará a toda costa por preservar os programas operativos rexionais.
O director xeral lembrou que, en case 40 anos de pertenza á Unión Europea, a nosa comunidade xestionou máis de 20.000 millóns de euros que foron determinantes para mellorar indicadores económicos e sociais como o PIB per cápita, o emprego, a taxa de pobreza e o abandono escolar. Para programar estes fondos, engadiu Gamallo, realizouse un gran proceso de análise das fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas de Galicia e deseñáronse estratexias a medio e longo prazo que deixarían de ter sentido se o deseño da execución dos fondos viñese determinado dende o Estado.
Este pleno, que foi o último do actual mandato do CdR, serviu para conmemorar o 30 aniversario da institución. Contou coa presenza dos presidentes autonómicos de Cataluña, Salvador Illa; Aragón, Jorge Azcón; Castela-A Mancha, Emiliano García-Page; Navarra, María Chivite; e A Rioxa, Gonzalo Capellán; ademais do ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, e outros dirixentes rexionais e locais. Logo dun minuto de silencio polas vítimas de Valencia e varias declaracións sobre este asunto, a sesión comezou cun debate sobre os 30 anos do Comité, precedido pola interpretación do himno europeo e a intervención da presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e o presidente electo do Consello, António Costa.
Galicia foi a comunidade que máis emendas presentou neste pleno: 1 de cada 3 das rexistradas polo conxunto de delegación española
Galicia foi a comunidade autónoma que máis emendas presentou para este pleno: 1 de cada 3 do total das presentadas pola delegación española. Entre os asuntos emendados, o ditame “Condicións de traballo xustas na agricultura: a perspectiva local e rexional”, “O futuro da política climática da UE: axustar os obxectivos de mitigación aos retos de adaptación” e “Abordar as desigualdades territoriais mediante un mellor acceso aos servizos sociais”. No caso do ditame “Retos e oportunidades da intelixencia artificial no sector público: determinar o papel dos entes locais e rexionais”, aprobáronse unha decena de modificacións do texto a raíz das emendas presentadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Contexto
O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. O próximo mandato do Comité iniciará en febreiro do ano que vén.
Máis información: Galicia reclama que as rexións sigan tendo un papel relevante na planificación e xestión dos fondos europeos (Xunta)