- A directora da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos , inaugurou a décimo primeira edición do programa “TecEuropa” destinado, nesta ocasión, ás entidades locais galegas
- Ao longo das cinco xornadas, os asistentes poderán abordar da man de especialistas comunitarios e de representantes da Comisión Europea o período financeiro 21-27 e o instrumento temporal de recuperación “Next Generation UE” desde unha perspectiva local
Bruxelas, 4 de marzo de 2021. Perante un amplo grupo de máis de noventa participantes provenientes das catro deputacións galegas e de máis de medio centenar concellos, a directora da oficina bruxelesa da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos Barbosa, inaugurou hoxe a décimo primeira edición do curso de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa”, organizado pola Fundación Galicia Europa, destinado, nesta ocasión, a entidades locais galegas.
Durante a súa intervención, Ana Ramos deu a benvida aos asistentes e animounos a sacar o máximo partido desta formación para contribuír á xestión eficiente dos fondos de recuperación europeos na comunidade galega. Así mesmo, mostrou a súa satisfacción pola ampla representación de entidades locais participantes nesta edición, xa que, como indicou, a implicación de todos os niveis de goberno das administracións públicas resulta fundamental para construír o ambicioso futuro verde e dixital proposto pola Unión.
Nesta primeira e ao longo das próximas catro sesións que compoñen o programa formativo TecEuropa, os asistentes abordarán da man de especialistas comunitarios e representantes da Comisión Europea, o novo Marco Financeiro Plurianual 21-27 e o instrumento temporal de recuperación Next Generation UE desde unha perspectiva adaptada á realidade competencial local.
Desde a súa posta en marcha no 2015, TecEuropa contribuíu ao longo de dez edicións á formación de máis de 250 profesionais e a crear e expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios, o que o levou a consolidarse como o curso galego de referencia nesta materia.
Tras a alta demanda percibida na décima edición, que bateu cifras récord de participación, e tras escoitar as suxestións dos asistentes, o padroado da FGE e o seu director, Jesús Gamallo, acordaron na súa última reunión do ano 2020, a celebración de cinco novas edicións este ano: tres cun público específico (entes locais, empresas e ONGD) e dúas xerais destinadas a entidades galegas públicas e privadas sen ánimo de lucro. TecEuropa é a principal actividade dentro do obxectivo da FGE consistente en promover a participación galega en proxectos europeos.