• Máis 70 asistentes de entidades galegas públicas e privadas sen ánimo de lucro danse cita no curso de especialización en financiamento comunitario da Fundación Galicia Europa 
  • Este ano TecEuropa desenvólvese, por primeira vez, nun formato completamente en liña, con cinco sesións centradas no novo período financeiro 21-27 e no instrumento temporal “ NextGenerationEU”

Bruxelas, 17 de
novembro de 2020.

Hoxe, tivo lugar a primeira xornada de TecEuropa, o curso de especialización en
financiamento comunitario, dirixido a entidades galegas públicas e privadas sen
ánimo de lucro que buscan unha especialización nesta materia. Este programa
formativo posto en marcha en 2015 pola Fundación Galicia Europa (FGE)
contribuíu, ao longo das súas nove edicións, á formación de máis de 185
profesionais e a consolidar e expandir unha rede galega de especialistas en
xestión de fondos comunitarios, a través da cal compartir experiencias e
coñecementos, así como desenvolver eventualmente proxectos conxuntos.

Nesta primeira xornada, a directora da oficina en
Bruxelas da FGE, Ana Ramos, deu a benvida aos máis de 70 asistentes de 37
entidades galegas a esta décima dedición de 
TecEuropa, que por primeira vez, e por mor da Covid-19, desenvólvese nun
formato completamente  online.

Durante as cinco sesións que compoñen o programada,
os asistentes poderán coñecer, a través de conferencias e sesións prácticas, da
man de relatores da Comisión Europea os detalles do novo
preríodo financeiro comunitario 21-27 e do novo instrumento temporal de
recuperación “NextGenerationEU”. Un temario que, como destacou Ana Ramos
durante a súa intervención, resulta de gran importancia dada a situación
actual, xa que os acordos que se adoptaron no seo da Unión, para loitar contra a
pandemia e afianzar a recuperación económica, cambiarán as  fontes de financiamento e reforzarán os
obxectivos da Unión para a próxima década.

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa é unha entidade
instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover
todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa.
Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, esta fundación
está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa
UE, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en
Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das
preto de 350 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Máis información: