Pacto Europeo polo Clima

Portada » Actividades » Pacto Europeo polo Clima

A participación da FGE no Pacto Europeo polo Clima

A Fundación Galicia Europa foi unha das primeiras entidades europeas en adherirse ao Pacto Verde Europeo, do que xa forman parte máis de mil asociacións. Isto concorda co compromiso de Galicia, unha das rexións pioneiras en Europa no eido climático. 

En decembro de 2020, a Comisión Europea lanzou o Pacto Europeo polo Clima, unha iniciativa enmarcada no Pacto Verde Europeo que pretende reunir ás autoridades locais e rexionais, a industria e a sociedade civil para intercambiar información e facilitar a comprensión e implicación da cidadanía no Pacto Verde Europeo.

Pacto Europeo polo Clima

Adheridos ao Pacto Europeo polo Clima, a FGEpromove actividades de información, formación e sensibilización nos obxectivos do Pacto Verde Europeo. Ademais, na FGE ratificamos o noso compromiso de contribuír aos obxectivos do Pacto Europeo polo Clima e comprometémonos a compartir coa Comisión Europea o seguimento dos nosos avances.

Dende a FGE exercemos o noso compromiso coas seguintes actividades:

  • Dende setembro de 2020, organizamos máis de 30 eventos en liña sobre o Pacto Verde Europeo baixo o nome “FGE | Next Generation Galicia”. Nestes actos xa participaron máis de 100 representantes da Xunta de Galicia, dos cales 50 asistiron máis dunha vez.
  • Formación específica, a través de “TecEuropa”, no ámbito do Pacto Verde Europeo e transición ecolóxica. Neste período formáronse a máis de 200 persoas. TecEuropa é un curso de formación sobre financiamento da UE dirixido a xestores de proxectos galegos. Todas as edicións inclúen unha sesión de formación sobre o Pacto Verde Europeo.
  • Promoción de novos modelos de turismo sostible na rexión de Galicia, especialmente do Camiño de Santiago, mediante a sensibilización da cidadanía galega sobre as posibilidades de avanzar cara a un turismo sostible. Na FGE organizamos dous cursos de formación en turismo sostible que reuniron a máis de 100 participantes. Ademais, a FGE tamén levou a perspectiva galega do turismo sostible ao ámbito do Comité Europeo das Rexións, dando apoio ao representante galego do CDR á hora de promocionar o Camiño de Santiago.
  • Cooperación con asociacións xuvenís para promover os valores verdes. Un exemplo é a difusión, nas nosas redes sociais, de “Unha árbore por Europa”, unha campaña da asociación española “Equipo Europa”. Dende a FGE conseguimos que máis de 10 municipios galegos participasen nela.
  • Organización de eventos paralelos (actividades de acción climática, cursos de formación, exposicións, conferencias) para concienciar sobre o Pacto Verde Europeo. Por exemplo, en xullo de 2021, a FGE organizou en Santiago de Compostela unha exposición itinerante sobre o Pacto Verde Europeo.
  • Difusión da plataforma Count us in, mediante a publicación de consellos para reducir os gases de efecto invernadoiro no día a día. Fixéronse 36 publicacións de “consellos climáticos”.
  • Difusión da coordinación do goberno galego na iniciativa do Pacto dos Alcaldes, así como na Alianza Galega polo Clima de Galicia, co obxectivo de informar á cidadanía sobre o Pacto dos Alcaldes a través de diferentes canles (TecEuropa, as reunións “FGE | Next Generation Galicia”, redes sociais, etc.).
  • Durante a celebración da Conferencia sobre o Futuro de Europa, a organización de eventos sobre o Pacto Verde Europeo dirixidos á mocidade.