Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Formación »A Eurocidade impulsa o sector cultural no evento “Redes Creativas”
— A iniciativa reuniu en Chaves-Verín a profesionais do ámbito creativo para reforzar a cooperación transfronteiriza e fomentar novas alianzas
— O proxecto INCUBTRANS ten como obxectivo estimular e apoiar a creación sostible de novas empresas, o emprego cualificado e a xeración de valor engadido no territorio fronteirizo
Chaves-Verín, 27 de marzo de 2026. A sede da Eurocidade Chaves-Verín foi onte, día 26 de marzo, o punto de encontro para o ecosistema cultural e creativo da rexión. O evento de networking “Redes Creativas”, enmarcado no proxecto INCUBTRANS, reuniu preto de 30 participantes de diversas áreas co obxectivo de fortalecer a colaboración transfronteiriza.
A sesión contou coa presenza institucional do vicepresidente do Municipio de Chaves, Tiago Caldas, e do tenente de alcalde do Concello de Verín, Diego Lourenzo Moura. Ambos representantes reforzaron a importancia estratéxica destas actividades para o territorio da Eurocidade, subliñando que a estreita colaboración entre Chaves e Verín é un dos motores para o desenvolvemento do sector cultural e a xeración de valor engadido na fronteira.
Networking e creación de sinerxías
Durante a tarde, as persoas participantes implicáronse en dinámicas interactivas que incluíron un mapeo colectivo do ecosistema local e sesións de speed networking. Estas actividades permitiron identificar complementariedades e establecer lazos de confianza para futuras alianzas.
Nunha primeira fase, as persoas asistentes explicaron que buscaban e que ofrecían ao sector. Tras unha breve presentación individual, estas propostas compartíronse nun panel colectivo, permitindo mapear competencias e necesidades de forma visual e inmediata.
A segunda fase promoveu a interacción directa a través de roldas de networking. Divididas por parellas, as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer novos axentes do territorio, intercambiando contactos e ideas en sesións rápidas que incentivaron o diálogo constante e o descubrimento de sinerxías. Ademais, puideron interactuar con membros do ámbito universitario, como persoal investigador e integrantes de asociacións de mozos empresarios, entre outras entidades.
Un dos momentos destacados do evento foi a presentación de casos de éxito, onde salientou a colaboración entre o Festival “Entre Curtas”, organizado polo TEF (Teatro Experimental Flaviense), e o “Via XIV” – Festival Internacional de Curtametraxes de Verín, organizado pola Asociación Cultural Audiovisual Vía XIV. A posta en común deste exemplo real de colaboración serviu de estímulo para que os axentes creativos iniciasen o deseño de futuras alianzas e iniciativas estratéxicas no territorio transfronteirizo.
Proxecto INCUBTRANS
O proxecto INCUBTRANS ten como obxectivo principal estimular e apoiar, no territorio da Eurocidade, a creación sostible de novas empresas, o emprego cualificado e a xeración de valor engadido no territorio fronteirizo.
O principal beneficiario deste proxecto é a Eurocidade Chaves-Verín, AECT, e conta cos seguintes socios: ADRAT – Asociación para o Desenvolvemento da Rexión do Alto Tâmega, Fundación Galicia Europa, ANJE – Asociación Nacional de Mozos Empresarios, Universidade de Vigo, Instituto Politécnico de Bragança e AJE Galicia.
Esta acción desenvólvese no marco do proxecto INCUBTRANS, cofinanciado pola Unión Europea a través do programa INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
© Fundación Galicia Europa