Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Cursos » A Fundación Galicia Europa impulsa mentorías para emprendedores da Eurocidade

A Fundación Galicia Europa impulsa mentorías para emprendedores da Eurocidade

05/10/2026 |

— A iniciativa celebrarase o 19 de outubro en grupos reducidos e combinará unha sesión presencial, 15 días de traballo e un encontro individual de seguimento 

Bruxelas, 5 de outubro de 2026. A Fundación Galicia Europa pon en marcha Proxectos, problemas, posibilidades. Cos pés na terra, unha proposta de mentorías dirixida a persoas emprendedoras e proxectos empresariais da contorna da Eurocidade Chaves-Verín que busca crear un espazo no que parar, analizar onde está cada proxecto e traballar sobre aquilo que necesita neste momento.

A iniciativa parte dunha premisa: non todos os proxectos están no mesmo punto nin necesitan as mesmas respostas. Por iso, en lugar dunha formación cun temario pechado, serán as propias necesidades das persoas participantes as que determinen boa parte do traballo.

A primeira sesión celebrarase o 19 de outubro na sede da Eurocidade Chaves-Verín, cun máximo de 12-15 participantes. Antes do encontro, as persoas inscritas cubrirán un formulario para explicar en que momento se atopan, que dificultades están atopando e sobre que cuestión lles gustaría avanzar.

Esta información permitirá organizar mesas de traballo en grupos reducidos, xuntando proxectos que compartan problemas, momentos ou intereses e buscando tamén posibles conexións entre eles. A sesión servirá para poñer os casos enriba da mesa, contrastar experiencias e explorar solucións, pero tamén para identificar posibilidades de negocio, contactos que poida ter sentido activar ou vías de colaboración entre participantes.

O obxectivo será que as ideas non queden unicamente na mesa. Cada participante sairá da sesión cunha folla de ruta para os seguintes 15 días, cun número reducido de accións que poida desenvolver nese período: falar con posibles clientes, testar unha proposta, probar unha vía de venda, contactar cun posible colaborador ou comprobar se unha oportunidade ten percorrido.

Pasadas esas dúas semanas, cada participante contará cunha sesión individual online dunha hora. O encontro permitirá revisar que se fixo, que resultados se obtiveron e que aprendizaxes deixa o proceso para decidir os seguintes pasos.

Deste xeito, esta iniciativa busca traballar o emprendemento desde a práctica e a realidade de cada proxecto, cun horizonte curto que permita probar, medir e tomar decisións, ao tempo que se favorece o intercambio de coñecemento e a aparición de novas relacións entre iniciativas da contorna.

A participación require inscrición previa e estará limitada a un máximo de 12-15 persoas. Para máis información, contactar coa Fundación Galicia Europa a través do teléfono 981 541 010.

INCUBTRANS

O proxecto Incubtrans está aprobado e cofinanciado polo Programa Interreg VI A de Cooperación España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, FEDER. O principal obxectivo deste proxecto é crear unha incubadora transfronteiriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en particular no territorio da Eurociudad, que estimulará e apoiará a creación sostible de novas empresas, emprego cualificado e a creación de valor engadido no territorio fronteirizo, actuando como interface entre a contorna empresarial, a formación e as institucións universitarias e de I+D da rexión transfronteiriza.

Desta forma, facilitarase a transferencia de tecnoloxía que permita o desenvolvemento e aplicación de novos modelos de negocio para as pemes, en particular no que respecta á internacionalización, contribuíndo á formación destas e da industria existente de acordo coas estratexias de especialización intelixente fronteiriza Galicia-Norte de Portugal.

Son socios deste proxecto: a Eurocidade Chaves-Verín, AECT (Beneficiario Principal), a Associação de Desenvolvimento dá Região do Alto Tâmega (ADRAT), o Instituto Politécnico de Bragança (IPB), a Universidade de Vigo (Uvigo), a Asociación de Novos Empresarios de Galicia (AJE-G), a Asociación Nacional de Jovens Empresários (ANJE) e a Fundación Galicia Europa (FGE).

Máis información: Incubtrans

© Fundación Galicia Europa, 2026

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data