Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Participación Xuvenil »Os mozos do proxecto YouLeaders viaxan a Bruxelas para desenvolver as súas ideas para mellorar as comunidades rurais
— Acollido pola oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, o evento congregou a 30 mozos e mozas de entre 14 e 19 anos.
— Os mozos e mozas participantes desenvolveron as súas ideas para mellorar as súas comunidades rurais cara un futuro sostible.
Bruxelas, 2 de xullo de 2024. A oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa acolleu onte o último evento do Youth Community Leaders (YouLeaders). No seu marco, ademais de representantes do resto socios deste proxecto europeo, reuníronse na capital europea 30 mozos e mozas de entre 14 e 19 anos para explorar novas ideas para mellorar o rural cara un futuro sostible.
Fixérono a través dun Hackaton, unha actividade na que, divididos en equipos e acompañados por titores, desenvolveron prototipos para resolver problemas reais das súas comunidades e os presentaron ante un xurado profesional ao final da xornada. O cambio climático, a innovación tecnolóxica, a cultura e o patrimonio, a educación e a responsabilidade civil foron algúns dos temas abordados polos mozos líderes.
Durante a sesión inaugural, a presentación do proxecto correu a cargo de dous dos seus socios, a Fundación Galicia Europa e a Fondazione Comunitaria di Agrigento e Trapani. Ás súas representantes sumouse Julie de Galard, do Pacto Rural, que explicou esta iniciativa europea e as oportunidades de participación que ofrece.
Nunha segunda xornada, o martes día 3 de xullo, os mozos e mozas tiveron a oportunidade de coñecer de cerca o traballo das institucións europeas a través dunha visita á sede do Parlamento Europeo e ao museo Parlamentarium.
Contexto
A través do proxecto YouLeaders: líderes comunitarios en zonas rurais do Suroeste de Europa, financiado polo programa europeo Erasmus+, a Fundación Galicia Europa uniu forzas con outras cinco organizacións de España, Italia e Portugal para promover a mellora das comunidades locais. A iniciativa céntrase no rol dos mozos das areas rurais e xeograficamente illadas como axentes clave no desenvolvemento sostible e a innovación social.
Para acadar este obxectivo, o proxecto inclúe unha serie de actividades deseñadas para axudar a estes mozos a adquirir competencias crave no seu crecemento persoal, educativo e profesional.
Máis información: YouLeaders