Actualidade

Portada » Actualidade » A FGE participa na última Creative Jam do proxecto Rural Youth of Europe, celebrada na Eurociudade Chaves-Verín

A FGE participa na última Creative Jam do proxecto Rural Youth of Europe, celebrada na Eurociudade Chaves-Verín

08/02/2024 | ,

Durante os días 1 e 2 de febreiro, máis de cincuenta mozos reuníronse na cidade de Chaves (Portugal) para alcanzar solucións a retos e problemas do ámbito rural e a mocidade.

— Mozos vinculados á Fundación Galicia Europa levaron o primeiro e segundo premio na última Creative Jam internacional de RUYOU.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2024. A Fundación Galicia Europa participou durante os días 1 e 2 de febreiro nunha Creative Jam do proxecto europeo de formación de mozos no rural, Rural Youth of Europe (RUYOU). A temática deste último evento internacional, celebrado na Eurocidade Chaves-Verín, foi “Reinventando a vida rural: a vida dos mozos en zonas rurais”.

O primeiro día, profundouse nas formas en que as restrinxidas perspectivas de desenvolvemento poden afectar ás rexións rurais dos países involucrados. Os mozos participaron nun xogo colaborativo para poder identificar os problemas que afectan á nosa sociedade e como liquidalos para un futuro sostible. Ao mesmo tempo, configuráronse os equipos para o hackathon.

Tamén ao longo da primeira xornada, os mozos puideron asistir a talleres de formación co fin de adquirir coñecementos en diferentes áreas e ofrecéuselles a oportunidade de coñecer historias de éxito de mozos emprendedores. Ademais, partiparon nun tour para coñecer en detalle a cidade de Chaves.

O segundo día, cos equipos xa formados, os participantes colaboraron activamente no desenvolvemento dos seus proxectos e perfeccionaron as súas habilidades na elaboración de prototipos. Cada equipo estivo coordinado durante toda a xornada por un mentor que lles proporcionou ferramentas e métodos útiles para dar forma ás súas ideas e preparar ás súas presentacións. Os temas (topic) dos proxectos presentados polos máis de 50 mozos presentes foron:

  • Youth involvement in their rural communities. Proxecto: ReGen.
  • Equality of all genders. Proxecto: Between two lands.
  • Inclusive societies. Proxecto:  Connecting rural areas-Craks System.
  • Access to transportation and mobility. Proxecto: Thermal Go.
  • Youth transitions. Proxecto: Mentor on the move.
  • Mental health and wellbeing. Proxecto: Youth Oasis.
  • Cultural Dynamization. Proxecto: The Field Fest.
  • The rural exodus of young people. Proxecto: RuraLink.
  • Young people´s skills in rural areas. Access to education and training opportunities. Proxecto: Berry Buddies.

Ao final do evento, os proxectos foron presentados ante un xurado profesional, quen anunciou aos equipos gañadores e entregou premios tecnolóxicos, de formación e certificados. Dous dos participantes vinculados á Fundación Galicia Europa levaron o primeiro e segundo premio xunto ao equipo do que formaban parte.

A última Creative Jam do proxecto Rural Youth of Europe culminou cun tour pola cidade de Verín.

A participación da voluntaria IVY da FGE

CreativeJam de RUYOU na Eurocidade

Este último evento internacional de Rural Youth of Europe contou coa participación da voluntaria IVY da Fundación Galicia Europa, Carla González Barreiros. Durante o obradoiro relativo ás oportunidades na Unión Europea, presentou o funcionamento deste voluntariado do programa Interreg e as liñas xerales do proxecto, no que participa activamente.

O seu principal cometido durante a Creative Jam foi compartir con outros mozos a súa experiencia como voluntaria e explicar as tareas que ten realizado nas últimas semanas no ámbito da comunicación, así como a importancia que ten a participación da xuventude nos proxectos europeos.

Creative Jam

Unha Jam Creativa é un evento que reúne a mozos, socios, axencias e responsables da toma de decisións para facilitarlles a oportunidade de “ser creativos” e construír prototipos para abordar problemas sociais a través de talleres e dun hackathon. En cada evento abórdanse unha serie de temas e respóndese a preguntas relacionadas con estes. Neste caso foron os seguintes:

  • Participación dos mozos nas súas comunidades rurais: Síntense os mozos ignorados nas súas comunidades rurais? Fan o suficiente para participar activamente na vida social da súa zona rural? Como se pode promover o papel dos mozos nas zonas rurais e a súa relación coas diferentes xeracións?
  • Igualdade de xénero: Como podemos garantir a igualdade de xénero e enfoques que teñan en conta o xénero en todos os ámbitos da vida dos mozos? É máis difícil lograr a igualdade nas zonas rurais?
  • Sociedades inclusivas: Pensa en promover a inclusión social de grupos específicos de mozos, incluídas as persoas con discapacidade, os inmigrantes e os mozos en risco de pobreza nas zonas rurais. Como poden as zonas rurais ser máis inclusivas?
  • Acceso ao transporte e mobilidade: Sen acceso a servizos de transporte regulares e alcanzables, os mozos poden quedar illados dos amigos, a educación e as oportunidades laborais. Cales poden ser os efectos desta situación no desenvolvemento dos mozos? Como pode mellorarse a situación?
  • Transicións dos mozos: Transicións da infancia á idade adulta e do fogar familiar á independencia. Os mozos das zonas rurais enfróntanse a moitas incertezas cando tentan definir os seus propios itinerarios individuais cara á idade adulta e ao longo da vida. Que se pode facer para resolver estas dificultades?
  • Saúde mental e benestar: Os mozos de zonas rurais que non atopan traballo nin actividades de lecer poden sentirse desesperanzados, illados e mostrar signos de baixa autoestima, todo o cal pode contribuír a unha mala saúde mental. Ademais, nas zonas rurais hai moitos impedimentos para recibir atención de saúde mental e outros tratamentos. Como podemos mellorar esta situación?
  • Dinamización Cultural: O acceso dos mozos á cultura como actores ou usuarios é unha condición esencial para a súa plena participación na sociedade. Que se pode facer para aumentar a dinamización cultural nas zonas rurais?
  • O éxodo rural dos mozos: Os mozos prefiren vivir en zonas urbanas ou senten obrigados a facelo? Fan as institucións o suficiente para evitar que os mozos abandonen as súas zonas rurais? Como podemos aumentar o número de mozos que viven en zonas rurais?
  • As competencias dos mozos nas zonas rurais. Acceso a oportunidades de educación e formación: As competencias que teñen actualmente os mozos que viven en zonas rurais, axústanse ás necesidades dos territorios rurais? Como pode afectar o peche de escolas rurais ao desenvolvemento dos mozos das zonas rurais?

RUYOU

O proxecto Rural Youth of Europe (101081387 – RUYOU), co tema “Compromiso e participación cidadá”, é financiado pola Comisión Europea a través do seu Programa Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores (CERV).

O obxectivo é o de formar e promover habilidades prácticas entre a mocidade de áreas rurais de Europa, que a pesar de pertencer a distintos Estados membros enfróntanse aos mesmos desafíos. O despoboamento e o envellecemento do rural son fenómenos presentes en toda Europa, polo que a Comisión europea está interesada en facerlles fronte mediante o financiamento de proxectos como RUYOU.

Os socios participantes son: Asociación Amicos (España); Asociación Lug Open Factory (España); Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves – Verín (Portugal); Cámara oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela (España); Rexional Council Northern Region (Malta); Universitatea Aurel Vlaicu din Arad (Romanía) e a Fundación Galicia Europa.

Máis información: RUYOU

 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data