Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude »Presentación de resultados finais do proxecto “Xuventude embaixadora dixital” (Dyas) con balance positivo
— O martes 26 de marzo tivo lugar o acto de clausura no que participaron os socios do proxecto, a xuventude participante, así como as pemes.
— Pilar del Oro, coordinadora de Euroxuventude, participou en nome da Fundación Galicia Europa, socia do proxecto.
Chaves-Verín, 26 de marzo de 2024. Este martes 26 de marzo tivo lugar na sede da Eurocidade Chaves-Verín, AECT, a presentación dos resultados do proxecto Erasmus+ “Xuventude embaixadora dixital para pemes” (Dyas, nas súas siglas en inglés). O acto final do proxecto reflectiu a relevancia que tivo esta iniciativa entre os mozos e a súa relación coas pemes do territorio.
Neste acto final estiveron presentes, ademais de Eurocidade, os socios do proxecto: Pilar del Oro en representación da Fundación Galicia Europa e António Machado, secretario xeral da Asociación de Desenvolvemento da Rexión do Alto Tâmega – ADRAT.
O acto final do proxecto reflectiu a relevancia que tivo esta iniciativa entre os mozos e a súa relación coas pemes do territorio.
A xornada estivo dividida entre a presentación do traballo desenvolvido polos mozos embaixadores dixitais e a valoración da experiencia coas pemes.
Algúns dos mozos emprendedores, que participaron na acción formativa en marketing dixital para redes sociais, tiveron a oportunidade de presentar o traballo desenvolvido ante as pemes e compartir as súas experiencias ao longo deste proxecto. Posteriormente, algúns representantes das pemes implicadas no proxecto sumáronse ao diálogo e corroboraron a importancia destas actuacións no territorio caracterizado polo mundo rural.
Balance do proxecto
O balance deste proxecto foi moi positivo tanto pola oportunidade formativa que se deu aos mozos como polo diálogo interxeracional e interdisciplinar que se impulsou entre as pemes. Valorouse o intercambio de aprendizaxes para que os coñecementos se transmitisen aos emprendedores para seguir desenvolvendo as súas redes sociais no futuro.
![]()
Este proxecto converteuse tamén nun precursor de oportunidades profesionais para os mozos participantes, abrindo novas perspectivas no mundo laboral.
O proxecto “Xuventude embaixadora dixital para pemes” consistiu nunha formación en marketing dixital para redes sociais e unha parte práctica na que os mozos desenvolveron os coñecementos adquiridos nas pemes do territorio.
Proxecto Dyas
Xuventude embaixadora dixital para Pemes (Digital Youth Ambassadors for SMEs-DYAS) é un proxecto aprobado e financiado pola Axencia Nacional Portuguesa Erasmus+ JA. Erasmus+ (2021-2027).
Os principais obxectivos on aumentar as oportunidades laborais e as capacidades persoais dos mozos do rural. A súa finalidade é abordar a transformación dixital e formar a mozos, pemes e institucións implicadas. Os resultados esperados son a mellora da formación e das capacidades profesionais; mellor coñecemento das ferramentas dixitais, integración nas súas comunidades locais e mellora das capacidades das pemes.
Máis información: Proxectos europeos Fundación Galicia Europa