Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Proxectos Europeos »Os participantes do proxecto RUYOU comparten a súa experiencia coas institucións da UE no Cume da Xuventude Rural
— Organizado pola Fundación Galicia Europa, este evento marcou o final do proxecto Rural Youth of Europe (RUYOU).
— Os mozos e mozas participantes presentaron as súas ideas para mellorar a vida no rural ante representantes das institucións europeas.
Bruxelas, 18 de abril de 2024. Algúns dos participantes do proxecto Rural Youth of Europe (RUYOU) desprazáronse a Bruxelas xunto con responsables das diferentes entidades socias deste proxecto europeo para celebrar o Cume da Xuventude Rural Europea. Durante dúas xornadas, os días 16 e 17 de abril, puideron coñecer de cerca as institucións da Unión Europea e expoñer ante os seus representantes as súas ideas para mellorar a situación da mocidade do rural.
Enmarcado na Semana Europea da Xuventude e organizado pola Fundación Galicia Europa, o cume marcou o peche deste proxecto europeo, que arrancou en decembro de 2022 con dous anos de duración. Baixo o lema “Europa: cara ao rural 2030”, este evento tamén supuxo unha oportunidade para presentar os resultados do proxecto.
A mocidade rural acércase ás institucións europeas
O Cume da Xuventude Rural arrancou cunha visita ao Parlamentarium e á sede do Parlamento Europeo, na que os participantes estiveron acompañados por Kamil Maj, membro do gabinete da presidenta, Roberta Metsola. Ademais, tamén recibiron un relatorio do eurodeputado galego Francisco Millán Mon, que lles achegou o seu traballo como representante dos cidadáns e a importancia de participar nas eleccións europeas.
Durante a primeira xornada tamén acudiron á Delegación da Cámara de Comercio de España ante a UE, onde foron recibidos pola súa directora, Pilar Ruiz Huélamo, e pola directora da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos Barbosa. A través dunha actividade interactiva, alí os mozos e mozas aprenderon como promover un proxecto europeo utilizando de base as ideas que eles mesmos desenvolveron durante o RUYOU.
Contaron coa axuda de diversos dinamizadores, que os guiaron compartindo os seus coñecementos. Ademais dos representantes das entidades socias, tamén participaron: María José Tarrero Martos, conselleira de Traballo da Representación Permanente de España na UE; Nicolás González Casares, eurodeputado galego; Carmen Calderón, responsable do PDR de Galicia da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea; Janine Costa, conselleira de Educación, Cultura, Xuventude, Deporte e Audiovisual da Representación Permanente de Portugal ante a UE; e Daniel Debono, xefe das operacións en Bruxelas da Malta Business Bureau.
Un diálogo entre a UE e os mozos do rural
A segunda xornada do Cume da Xuventude Rural consistiu nun encontro con representantes da Unidade de Cidadáns e Valores da UE da Axencia Executiva Europea para Educación e Cultura (EACEA). Tras achegar o seu traballo e o funcionamento do programa CERV, no que se enmarca Rural Youth of Europe, escoitaron os relatorios dos participantes neste.
Mozos e mozas de Galicia, Malta e Portugal compartiron a súa experiencia persoal durante as distintas actividades do proxecto nas que participaron, tanto hackatons como creative jams, e o valor que obtiveron da súa participación nel. Os protagonistas neste caso foron Adrián, Roi, Marta, Ishmael, Diana, Jorge, Mary, Nerea, Lucas, Tatiana, Alexandra e Marta.
Rural Youth of Europe
Rural Youth of Europe (RUYOU) é un proxecto europeo financiado polo programa CERV (Programa Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores) cuxo obxectivo é formar e promover habilidades prácticas entre a mocidade de áreas rurais de Europa, que a pesar de pertencer a distintos Estados membros enfróntanse aos mesmos desafíos.
A través de esta iniciativas, que fomentan a participación dos mozos participantes nas súas comunidades, preténdese atallar o problema do despoboamento rural, unha problemática que afecta a múltiples rexións de Europa, entre elas Galicia e o resto das participantes no proxecto. É un dos múltiples proxectos europeos nos que participa a Fundación Galicia Europa no marco de EuroXuventude.
Os socios participantes son: Asociación Amicos (España); Asociación Lug Open Factory (España); Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves – Verín (Portugal); Cámara oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela (España); Rexional Council Northern Region (Malta); e Fundación Galicia Europa (España).
Máis información: Rural Youth of Europe