Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Formación » A Feira de Emprego Xuvenil de Chaves reúne á mocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

A Feira de Emprego Xuvenil de Chaves reúne á mocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

08/12/2024 | ,

— Estas xornadas reuniron a uns 150 mozos e asociacións xuvenís do Norte de Portugal e Galicia.

— Este evento tivo lugar no marco do proxecto Eurocidade 2030, do que é socia a Fundación Galicia Europa.

Chaves (Portugal), 8 de decembro de 2024. Os días 6, 7 e 8 de decembro celebráronse en Chaves as Xornadas e Encontro de Mocidade, xunto cunha Feira Transfronteiriza de Emprego Xuvenil da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, no marco do proxecto Eurocidade 2030, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

Estas xornadas reuniron a uns 150 mozos e asociacións xuvenís do Norte de Portugal e Galicia e centráronse en debater a participación da mocidade no desenvolvemento e o potencial das eurorrexións, así como no emprego xuvenil, o espírito empresarial, a formación e a cooperación transfronteiriza; analizando as áreas estratéxicas de intervención para as asociacións xuvenís e a mocidade no marco europeo e no espazo da Eurocidade Chaves-Verín. A creación de vínculos, que se reforzaron ao longo dos tres días, xerou coñecemento e proximidade entre os mozos da Eurocidade Chaves-Verín, os de Galicia e do Norte de Portugal, e aqueles que chegaron doutras zonas de España e Portugal.

Os tres días do encontro destináronse á mocidade e dividíronse en numerosos eventos, realizados dentro do Hotel Premium Chaves – Aquae Flaviae, excepto un Walking Mentorship, que tivo lugar cunha ruta turística polo casco histórico da cidade de Chaves.

Venres 6 de decembro

O día comezou cun encontro institucional dos representantes das Eurocidades, tras o cal se inaugurou a xornada coa presenza de Nuno Vaz, presidente do municipio de Chaves e da Eurocidade Chaves-Verín, Fernando Vieira, presidente da FNAJ, e Paulo Santos, vicepresidente do Consello Directivo do IPDJ. Tamén presentaron e agradeceron a presenza dos socios do proxecto, como a FGE.

Tras os discursos destas personalidades, procedeuse ao xantar, dando comezo á mesa redonda sobre a potenciación do territorio, afondando na importancia da colaboración transfronteiriza para xerar turismo e valor nunha zona, destacando a relevancia de mellorar e expandir proxectos como o de Eurocidade 2030.

O Storytelling reuniu a mozos emprendedores de Galicia e do Norte de Portugal, que explicaron dunha maneira próxima e entretida as dificultades e momentos que supón o emprendemento para aqueles que queren iniciarse. Estas liñas serviron como base para o encontro no seu primeiro día.

Para completar a xornada, dividíronse os asistentes en cinco grupos guiados por un mentor, con temáticas moi variadas, para que cada participante puidese atopar aquilo que máis lle interesase. Cada mentor desenvolveu a formación ao longo dun lugar diferente de Chaves, cun estilo innovador e dinámico, permitindo coñecer as partes máis importantes da cidade.

Sábado 7 de decembro

Comezou a mostra transfronteiriza de emprego xuvenil. Durante a mesma, organizáronse varios stands con información sobre iniciativas europeas, destinados a xerar unha interacción directa entre as persoas expertas no ámbito ou con experiencia nalgunha destas iniciativas. Estes expertos puideron conversar e resolver as dúbidas de todos os interesados. A Fundación Galicia Europa, xunto co resto dos socios do proxecto, tamén contou co seu propio stand nunha sala.

O coñecemento e feedback de todos os participantes sobre os programas europeos expostos permitiu interactuar entre expositores e interesados dunha maneira máis informal e distendida, afondando e achegando aínda máis as iniciativas ao público.

As Masterclass

Deuse paso ás Masterclass, das cales unha foi organizada pola Fundación Galicia Europa sobre Creatividade, Innovación e Desenvolvemento Cultural, contando coa presenza de Alex Nieves e Tiago Ribeiro. Estes dous expertos, cada un cun gran proxecto cultural entre mans, relataron a súa experiencia, achegaron os seus métodos e resolveron as dúbidas dos participantes, que amosaron gran interese polas dificultades da creación de eventos e o valor que estes xeran nun territorio.

Para rematar o evento, seguiron actuacións musicais e de danza dos gañadores de Xuventude Crea, alternadas cunha pausa para cear e unha despedida para clausurar os dous días de actividades.

Eurocidade 2030

O obxectivo xeral da Eurocidade 2030 está aliñado co do programa Poctep (Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal), que busca promover a posta en valor e o atractivo dos territorios transfronteirizos e contribuír ao benestar dos cidadáns que viven ou desexan vivir neles. Tendo isto en conta, o proxecto pretende reforzar as accións de cooperación transfronteiriza desenvolvidas pola AECT Eurocidade Chaves-Verín, promovendo os avances institucionais en materia de cultura, demografía, acción social e transporte.

Por outra banda, o obxectivo específico é reforzar a eficacia da administración pública, promovendo a cooperación xurídica e administrativa entre a cidadanía, os axentes da sociedade civil e as institucións, en particular co obxectivo de resolver os obstáculos xurídicos e doutro tipo nas rexións.

Máis información: Proxectos europeos FGE

Fundación Galicia Europa

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data