Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais »Xunta e Comisión Europea comparten impresións sobre a nova visión da acción exterior europea
— A primeira sesión do ano do ciclo ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’ foi inaugurada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo Aller.
— Neste novo encontro organizado pola Fundación Galicia Europa debateuse sobre ‘Global Gateway’, o novo marco estratéxico da UE para a acción exterior.
Bruxelas, 28 de febreiro de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou está mañá a primeira reunión de 2024 do ciclo de ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas organizado mensualmente pola Fundación Galicia Europa (FGE). A sesión de hoxe centrouse na ‘Global Gateway’, a estratexia que aglutina os esforzos da Unión Europea por aumentar a súa presencia global mentres promociona valores democráticos compartidos e contribúe ao desenvolvemento dos seus países socios.
Neste marco estratéxico presentado en 2021, o “Equipo Europa” (composto pola UE, os Estados membros, as axencias nacionais de desenvolvemento e o Banco Europeo de Inversións) pretende mobilizar preto de 300 mil millóns de euros ata 2030 para crear vínculos globais que impulsen o investimento en infraestruturas climáticas, enerxéticas ou dixitais. Isto ofrecerá “seguridade e equidade ós inversores, sostibilidade para os socios e beneficios a longo prazo para todos”. No encontro de hoxe, a visión institucional da ‘Global Gateway’ foi presentada por Laurent Sillano, asesor na Dirección Xeral de Asociacións Internacionais (DG INTPA) da Comisión Europea.
A reunión foi moderada por Ana Ramos, directora da oficina de Bruxelas da FGE. Así mesmo, a perspectiva galega foi proporcionada por José Manuel Blanco, subdirector xeral de Análise e Programación na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, quen lle achegou aos asistentes a Estratexia galega de Acción Exterior (Egaex 23-27), o instrumento co que Galicia aproveita as oportunidades de internacionalización e avalía a súa influencia exterior.
Encontros virtuais entre a Xunta e as institucións europeas
O ciclo de ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’ reúne mensualmente á Xunta de Galicia con representantes das institucións europeas para abordar de forma conxunta as políticas impulsadas desde a UE. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende setembro do 2020, fomenta o debate de multitude de temas da axenda comunitaria, como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.
Máis información: Xunta de Galicia