Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais » Xunta e Comisión Europea debaten sobre as prioridades presentes e futuras da UE

Xunta e Comisión Europea debaten sobre as prioridades presentes e futuras da UE

23/04/2024 | , ,

— Ana Ramos, directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, inaugurou unha nova reunión do ciclo ‘Encontros virtuais Xunta-UE’.

— Esta iniciativa da FGE acolleu, dende a súa posta en marcha en setembro de 2020, a máis de 500 funcionarios galegos nunha corentena de sesións.

Bruxelas, 23 de abril de 2024. A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou a segunda reunión de 2024 do ciclo ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas que xa suma máis de 500 asistentes. A sesión serviu non só para facer balance do programa de traballo da Comisión Europea -marcado por seis prioridades dirixidas a acadar unha Unión Europea máis verde, dixital e social- senón tamén para analizar o futuro ciclo institucional, que será iniciado en xuño coas eleccións ó Parlamento Europeo.

Para iso, contouse coa intervención de Sonia Vila, xefa de unidade responsable de IDEA, o centro de asesoramento da presidenta da Comisión Europea. A relatora incidiu nas prioridades da próxima axenda política europea, fundamental para enmarcar no plano europeo os intereses de Galicia e o traballo que se realiza dende a Xunta.

Un dos obxectivos da Fundación Galicia Europa é precisamente a defensa dos intereses galegos ante as institucións europeas, en tanto que representante do Goberno galego en Bruxelas. Co ánimo de ilustrar a actividade que leva a cabo, presentouse o seu plan de actuacións para 2024, no que se reflexan os temas prioritarios para Galicia que contan coas aportacións da nosa rexión durante o debate europeo.

Encontros virtuais entre a Xunta e as institucións europeas

O ciclo de ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’ reúne á administración galega con representantes das institucións europeas para abordar conxuntamente as políticas impulsadas dende a UE. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende setembro do 2020, fomenta o debate sobre multitude de temas da axenda comunitaria de relevancia para Galicia, como a Estratexia Industrial Europea, o Pacto Verde ou o marco normativo de axudas estatais.

Máis información: Encontros Virtuais Xunta-UE

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data