Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Desenvolvemento Rural » A Unión Europea responde ás manifestacións dos agricultores europeos con medidas para paliar a crise do sector

A Unión Europea responde ás manifestacións dos agricultores europeos con medidas para paliar a crise do sector

29/02/2024 | ,

— Ante a crise do sector agrícola e a onda de manifestacións dos agricultores ao longo de toda a UE, as institucións europeas respoderon cunha serie de medidas orientadas a aumentar a flexibilidade e reducir a carga administrativa das normas da PAC.

— Ademais, a Comisión Europea está desenvolvendo unha importante labor de identificación de dificultades, lanzando unha serie de consultas públicas, entre as que destacan a relativa ás prácticas comerciais desleais na cadea de subministración agrícola.

Bruxelas, 29 de febreiro de 2024. A agricultura ten sido sen dúbida a cuestión central e máis mediática da actualidade europea durante o mes de febreiro, debido ás multitudinarias protestas protagonizadas polos agricultores ao longo de toda a Unión Europea.

Algunhas preocupacións do sector son específicas de cada país, pero a meirande maioría responden a retos comúns que todos os gandeiros e labregos europeos enfrontan na actualidade: a caída dos prezos de venda, o aumento dos custos, unha regulamentación que perciben como demasiado estrita, unha posición débil na cadea de valor, o cambio climático e as importacións estranxeiras baratas, todo iso no marco dunha Política Agrícola Común (PAC) que non logra apoiar suficientemente ao sector.

Fronte á grande presión exercida polo sector nas últimas semanas, as institucións europeas responderon cunha serie de declaracións e medidas, entre as que destacan as que resumimos a continuación.

Excepcións a determinadas normas agrícolas

Como primeira resposta concreta ás preocupacións dos agricultores, a Comisión Europea realizou o día 31 de xaneiro unha proposta para permitir aos agricultores da UE acollerse, para o ano 2024, a excepcións ás normas da política agrícola común (PAC) que os obrigan a manter determinadas superficies non produtivas.

Para recibir a axuda da PAC á que teñen dereito, os agricultores deben respectar un conxunto mellorado de nove normas beneficiosas para o medio ambiente e o clima, denominadas “Boas Condicións Agrarias e Medioambientais (BCAM), que introducen un principio de condicionalidade aplicado a case o 90% da superficie agrícola utilizada na UE para promover prácticas agrícolas sostibles.

A norma BCAM 8 esixe, entre outras cousas, dedicar un 4% de terras de cultivo a superficies ou elementos non produtivos, especialmente a terras de barbeito, pero tamén a elementos como sebes ou árbores. As explotacións con menos de dez hectáreas de terra cultivable adoitan estar exentas desta obrigación.

A Comisión ofreceu coa súa proposta a posibilidade de que todos os agricultores da UE queden exentos deste requisito e seguir podendo optar, con todo, aos seus pagos directos básicos da PAC. En lugar dese requisito, considerarase que compren a norma os agricultores da UE que cultiven plantas fixadoras de nitróxeno (por exemplo, lentellas, chícharos ou fabas) ou cultivos intermedios (prantas que crecen entre dous cultivos principais) no 7% das súas terras de cultivo. Os cultivos deben cultivarse sen produtos fitosanitarios para manter os obxectivos da PAC en materia de medio ambiente.

Trala reunión dos Estados membros en comités e a súa votación da proposta,  a Comisión adoptou oficialmente o Regulamento o día 13 de febreiro, entrando este vigor o día seguinte, e aplicándose con carácter retroactivo a partir do 1 de xaneiro de 2024 e durante un ano.

Quedou así aprobada a exención parcial aos agricultores da norma BCAM 8,  de condicionalidade sobre as terras en barbeito, pero con unha modificación respecto da proposta da Comisión, tras pasar polo debate do Consello da UE: para considerar que os agricultores compren a norma BCAM 8, abondará con dedicar o 4% das súas terras de cultivo a cultivos fixadores de nitróxeno ou cultivos intermedios sen produtos fitosanitarios, e non o 7%, que pedía o executivo comunitario.

Os Estados membro que desexen aplicar a excepción a nivel nacional deben notificalo á Comisión nun prazo de 15 días a partir da entrada en vigor do Regulamento para que os agricultores poidan ser informados canto antes.

Proposta de simplificación da carga administrativa dos agricultores 

O día 22 de febreiro, a Comisión Europea enviou á Presidencia belga un documento no que propoñía unha serie de medidas posibles para axudar a reducir a carga administrativa dos agricultores.

As accións enumeradas no documento teñen en conta as contribucións das administracións nacionais, as principais organizacións agrícolas da UE e a Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo.

O modelo de aplicación da actual PAC baseado nos plans estratéxicos da PAC decididos e aplicados a nivel nacional, xa representa un paso adiante en termos de simplificación e subsidiariedade en comparación co período anterior.

Os Estados membros desempeñan un papel clave, pois encárganse da xestión e o pago dos fondos da UE e de manter a carga administrativa para os agricultores limitada e proporcionada para alcanzar os obxectivos da lexislación da UE. Esta é a razón pola que calquera exercicio de simplificación que teña éxito debe levar a cabo en estreita cooperación coas administracións nacionais e os propios agricultores.

Nesta liña, a Comisión propuxo medidas a curto e medio prazo que poderían achegar certo alivio tanto aos agricultores como ás administracións nacionais:

  • A Comisión propón simplificar algúns dos requisitos de condicionalidade que deben cumprir os agricultores da UE en virtude das normas BCAM. Ademais da aprobación da excepción parcial da BCAM 8, a Comisión propuxo modificar a BCAM 1, que impón o requisito de manter estables as superficies de pastos permanentes na UE desde 2018, o cal permite esixir aos gandeiros a reconversión das súas terras de cultivo en pastos permanentes, co risco de que estes perdan ingresos. A Comisión propón modificar estas normas tendo en conta os cambios estruturais no mercado e a redución do gando, garantindo que non se penalice aos agricultores no seu traballo e contribuíndo a reducir a carga. A Comisión tamén revisará que prácticas agrícolas poden ser posibles durante períodos sensibles á hora de cumprir a obrigación de cubrir os chans no marco da BCAM 6.
  • Por outra banda, a Comisión propón simplificar a metodoloxía para determinados controis, co fin de reducir ata un 50% o número de visitas ás explotacións por parte das administracións nacionais. O obxectivo é racionalizar e aclarar como avaliar a calidade do sistema de seguimento de superficies, baseado na análise automatizada de imaxes por satélite de Copernicus, para reducir as inspeccións nas explotacións (e por tanto a carga administrativa), evitar erros e facilitar a notificación.
  • En terceiro lugar, a Comisión propón aclarar o uso do concepto de forza maior e circunstancias excepcionais, que permite que os agricultores estean exentos de sancións cando o incumprimento dos requisitos da PAC se debe a acontecementos excepcionais e imprevisibles. A aclaración apoiará ás administracións nacionais na aplicación desta disposición, garantirá a súa aplicación uniforme en toda a Unión e mellorará a seguridade de obter axuda da PAC para os agricultores.
  • A Comisión tamén menciona medidas adicionais a medio prazo que poden aliviar as cargas para os agricultores, especialmente os pequenos agricultores; por exemplo, a exención ás pequenas explotacións de menos de 10 hectáreas dos controis relacionados co cumprimento das BCAM.

Paralelamente, a Comisión facilitará o intercambio das mellores prácticas de simplificación por parte dos Estados membros entre os distintos organismos de cooperación pertinentes (grupos de expertos, comités e outros).

Na reunión do Consello da UE de agricultura do 26 de febreiro os Estados membros debateron e adoptaron estas medidas a curto prazo de simplificación e redución da carga administrativa dos agricultores.

Respecto da BCAM 1, o Consello acolleu favorablemente a proposta de modificación (como moi tarde a mediados de marzo) para garantir que se teñan en conta os cambios provocados por unha redución da cabana gandeira e que os agricultores sen gando non estean obrigados a reconverter os cultivos herbáceos en pastos ou praderías.

No que respecta á norma BCAM 6, o Consello convidou á Comisión a revisar as prácticas que son posibles para cubrir os chans a fin de ter en conta as características rexionais, de modo que os agricultores poidan beneficiarse dunha maior flexibilidade. A Comisión revisará esta posibilidade e presentará directrices en abril.

Outra medida acollida favorablemente polos ministros é a próxima revisión por parte da Comisión da metodoloxía para avaliar a calidade do sistema de seguimento de superficies a través do análise por satélite, estando prevista para marzo.

Ademais, o Consello acordou simplificar o proceso de modificación dos plans estratéxicos da PAC. Para iso, a Comisión comprometeuse a colaborar cos Estados membro para axudarlles a simplificar as súas intervencións e facilitar a modificación dos plans estratéxicos.

Á parte destas accións a curto prazo, os ministros destacaron que tamén é necesario un enfoque a longo prazo, incluíndo estudar formas de mellorar a situación dos agricultores (con especial énfase na súa posición na cadea agroalimentaria) así como na necesidade de revisar os actos xurídicos de base da PAC.

Tendo presente este obxectivo xeneral, os ministros de Agricultura proporcionaron unha orientación política sobre a mellora do papel dos agricultores como garantes da nosa seguridade alimentaria, e convidaron ao Comité Especial de Agricultura a seguir estudando as propostas debatidas e informar disto ao Consello.

Consultas públicas na resposta aos retos da agricultura 

Ademais das súas propostas lexislativas, a Comisión está a desenvolver un importante traballo de identificación das principais cargas administrativas e problemas que sofren os agricultores, levando a cabo unha serie de consultas e análises.  

Entre outras, a Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural (DG Agri) lanzou, xunto co Centro Común de Investigación, un cuestionario aos provedores da cadea de subministración agrícola e alimentaria sobre prácticas comerciais desleais (UTP, polas súas siglas en inglés), aberto ata o 15 de marzo.  

O público obxectivo da enquisa son os proveedores agrícolas aos que se lles aplica a Directiva sobre prácticas comerciais desleais na cadea de subministración agrícola e alimentaria, e as principais preguntas da consulta están orientadas a sinalar a frecuencia coa que se experimentaron distintas formas de prácticas comerciais desleais antes e despois da aplicación da Directiva, así como os tipos de compradores aos que se abastece e cales realizan prácticas comerciais desleais.  

A Comisión tamén lanzou unha consulta pública en liña sobre a avaliación da Directiva sobre nitratos, cuxo público destinatario inclúe a todas as partes interesadas e aos cidadáns afectados polas perdas de nutrientes da agricultura, así como a quen aplica a Directiva sobre nitratos en toda a UE.  

O obxectivo desta consulta é garantir que os intereses do público de toda a UE reflíctanse adecuadamente na avaliación da Directiva sobre nitratos. A data límite para responder á consulta é o 8 de marzo de 2024. 

Contexto

Os agricultores enfróntanse a unha serie excepcional de dificultades e incertezas. En especial, producíronse o ano pasado numerosos fenómenos meteorolóxicos extremos, por exemplo, secas e inundacións en varias rexións da Unión.  

Estes fenómenos inciden nos rendementos e ingresos e na realización e o calendario das prácticas agronómicas habituais, o que xera unha forte presión adaptativa sobre os agricultores. 

Os altos prezos da enerxía e os insumos como consecuencia da agresión de Rusia contra Ucraína, o custo da vida e a inflación, os cambios nos fluxos comerciais internacionais e a necesidade de apoiar a Ucraína xeraron aínda máis incerteza e presión no mercado.  

O prezo dos cereais tamén baixou considerablemente en comparación con 2022, o que levou a que o valor da produción de cereais da EU-27 diminuíse nun 30% entre 2022 e 2023. En tales condicións, a obrigación de retirar terras de cultivo pode ter un grave efecto negativo a curto prazo nos ingresos dalgúns agricultores. 

O sostén da Comisión ao sector agrícola é unha constante da Unión Europea. Para o período 2023-2027, repartiranse 300.000 millóns de euros entre os agricultores europeos no marco dos plans estratéxicos da PAC. Desde 2014, a Comisión tamén aprobou a concesión de 2.500 millóns de euros en concepto de medidas excepcionais de axuda ao sector fronte a numerosas crises  

Máis información: Comisión Europea

Agricultores europeos exentos das normas sobre terras en barbeito (Comisión Europea)

A Comisión Europea presenta opcións de simplificación para reducir a carga para os agricultores da UE (Comisión Europea)

Consello da UE de Agricultura do 26 de febreiro: principais resultados (Consello da UE)

Política Agrícola Común 2023-2027: información de referencia (Consello da UE)

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data