Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Enerxía » O Consello acorda medidas de emerxencia para reducir os prezos da enerxía

O Consello acorda medidas de emerxencia para reducir os prezos da enerxía

03/10/2022 | , ,

— Os ministros de Enerxía da UE alcanzaron hoxe un acordo político sobre unha proposta de Regulamento do Consello para facer fronte aos elevados prezos da enerxía. Este regulamento introduce medidas comúns para reducir a demanda de electricidade e para recadar e redistribuír os ingresos excedentes do sector enerxético entre os consumidores finais

— O Consello acordou un obxectivo de redución global voluntario do 10 % do consumo bruto de electricidade e un obxectivo de redución obrigatorio do 5 % do consumo de electricidade en horas punta. Serán os Estados membros quen elixa as medidas adecuadas para esta redución

Bruxelas, 3 de outubro de 2022. O Consello acordou limitar os ingresos do mercado a 180 €/mwh para os xeradores de electricidade, incluídos os intermediarios, que utilizan as chamadas tecnoloxías inframarxinais para producir electricidade, como as renovables, a nuclear e o lignito. Estes operadores víronse con ganancias financeiras inesperadas sen que os seus custos operativos haxan aumentado grazas ao carbón e ao gas como fontes marxinais que fixan os prezos e que actualmente inflan o prezo final da electricidade.

Os Estados membros acordaron utilizar medidas da súa elección para recadar e reorientar os ingresos excedentes cara ao apoio e a protección dos clientes finais de electricidade. Os Estados membros apostaron pola flexibilidade para reflectir as súas circunstancias nacionais e as medidas vixentes a nivel nacional. Entre elas atópanse a posibilidade de fixar un tope de ingresos máis alto, utilizar medidas que limiten aínda máis os ingresos do mercado ou diferenciar entre tecnoloxías e aplicar límites aos ingresos do mercado doutros axentes.

Naquelas situacións nas que a dependencia neta das importacións dun Estado membro sexa igual ou superior ao 100 %, deberán concluír un acordo antes do 1 de decembro de 2022 para compartir adecuadamente os ingresos excedentes co Estado membro exportador.

Taxa de solidariedade para o sector dos combustibles fósiles

Os Estados membros acordaron establecer unha contribución de solidariedade temporal obrigatoria sobre os beneficios das empresas activas nos sectores do petróleo cru, o gas natural, o carbón e as refinerías. A contribución de solidariedade calcularase sobre os beneficios impoñibles, determinados segundo as normas fiscais nacionais no exercicio fiscal que comeza en 2022 e/o en 2023, que sexan superiores a un aumento do 20 % da media dos beneficios impoñibles anuais desde 2018. A contribución de solidariedade aplicarase ademais dos impostos e gravames regulares aplicables nos Estados membros. Doutra banda, os Estados poden manter medidas nacionais equivalentes á contribución de solidariedade, sempre que sexan compatibles cos obxectivos do regulamento e xeren ingresos comparables. Así, os ingresos da contribución de solidariedade utilizaranse para proporcionar axuda financeira aos fogares e ás empresas e para mitigar os efectos dos altos prezos da electricidade polo miúdo.

O Consello acordou que os Estados poderán fixar temporalmente un prezo para a subministración de electricidade ás pequenas e medianas empresas co fin de seguir apoiando ás PEME que loitan contra os altos prezos da enerxía. Tamén se acordou que poderán fixar, de forma excepcional e temporal, un prezo para a subministración de electricidade que estea por baixo do custo.

Aplicación

As medidas son de carácter temporal e extraordinario e aplicaranse desde o 1 de decembro de 2022 ata o 31 de decembro de 2023. Os obxectivos de redución do consumo de enerxía aplicaranse ata o 31 de marzo de 2023 e o límite obrigatorio dos ingresos do mercado aplicarase ata o 30 de xuño de 2023.

O regulamento adoptarase formalmente por procedemento escrito a principios de outubro, despois, publicarase no Diario Oficial da UE e entrará en vigor ao día seguinte.

Contexto

A UE experimentou un inusual aumento dos prezos da enerxía que se viu agravado pola agresión militar de Rusia contra Ucraína. Os países da UE están unidos e coordinan estreitamente os seus esforzos nun espírito de solidariedade para asegurar a subministración enerxética da UE e mitigar o impacto dos altos prezos da enerxía nos consumidores e a economía.

Neste contexto, seguindo a orientación política dada polo Consello no Consello Extraordinario de Enerxía do 9 de setembro, a Comisión presentou unha proposta de Regulamento do Consello sobre unha intervención de emerxencia para facer fronte aos altos prezos da enerxía.

A proposta complementa as iniciativas e a lexislación da UE existentes, adoptadas nos dous últimos meses para manter a enerxía a un prezo alcanzable e garantir a seguridade da subministración enerxética da UE, como o Regulamento sobre a redución da demanda de gas, o Regulamento sobre o almacenamento de gas, a creación dunha plataforma enerxética da UE e as iniciativas de divulgación para a diversificación das fontes de subministración. As medidas tamén complementan as iniciativas propostas no marco de REPowerEU.

Máis información: Consello Europeo

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data