Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Emprego e Asuntos Sociais » Novas regras para o traballo de repartidores e outros empregados de plataformas

Novas regras para o traballo de repartidores e outros empregados de plataformas

24/04/2024 |

— Os eurodeputados deron o visto bo á nova lexislación que busca mellorar as condicións laborais dos traballadores de plataformas dixitais.

— A norma atallará o uso dos falsos autónomos, os traballadores non poderán ser despedidos en base á decisión dun algoritmo e se limitarán os datos persoais que as plataformas poden tramitar.

Bruxelas, 24 de abril de 2024.  As novas regras, acordadas provisionalmente polo Parlamento e o Consello en febreiro, foron apoiadas por 554 eurodeputados, 56 votaron en contra e 24 abstivéronse.

O obxectivo é garantir que a situación laboral dos traballadores de plataformas sexa categorizada correctamente e poñer fin ao abuso dos falsos autónomos. Tamén regulan, por primeira vez na UE, o uso de algoritmos na contorna laboral.

Status laboral

A norma introduce unha presunción de relación laboral (en oposición ao traballo por conta propia) que se activa cando hai feitos que indican a existencia dun control e unha dirección sobre o traballador, de conformidade coa lexislación nacional e os convenios colectivos, e tendo en conta a xurisprudencia da UE.

A Directiva obriga aos países da UE a establecer unha presunción xurídica refutable de emprego a nivel nacional, co fin de corrixir o desequilibrio de poder entre a plataforma laboral dixital e a persoa que realiza o traballo en plataformas.

A carga da proba recae na plataforma, o que significa que depende da plataforma demostrar que non hai relación laboral.

Novas normas sobre xestión algorítmica

As novas normas garanten que unha persoa que realiza traballos en plataformas non poida ser despedida sobre a base dunha decisión adoptada por un algoritmo ou un sistema automatizado de toma de decisións.

En cambio, as plataformas dixitais de traballo deben garantir a supervisión humana das decisións importantes que afectan directamente aos seus traballadores.

Transparencia e protección de datos 

A Directiva introduce normas que protexen de maneira máis robusta os datos dos traballadores. As plataformas terán prohibido tratar certos tipos de datos persoais, como os relativos ao estado emocional ou psicolóxico e ás crenzas persoais.

Declaración da relatora 

A relatora Elisabetta Gualmini (S&D, Italia), declarou: «Con esta Directiva, ata 40 millóns de traballadores de plataformas na UE terán acceso a condicións laborais xustas. Este acordo histórico daralles dignidade, protección e dereitos. Corrixirá o falso traballo autónomo e evitará a competencia desleal, protexerá o verdadeiro autoemprego e introducirá normas innovadoras sobre a xestión de algoritmos. Converterase en referencia mundial. Estou orgullosa de dicir: Europa protexe aos seus traballadores, o seu modelo social e a súa economía».

Próximos pasos

O texto debe agora ser adoptado formalmente polo Consello. Trala súa publicación no Diario Oficial da UE, os Estados membro dispoñerán de dous anos para incorporar as disposicións da Directiva na súa lexislación nacional.

Contexto

Unha análise da Comisión Europea de 2021 revelou que hai máis de 500 plataformas de traballo dixitais activas e que o sector emprega a máis de 28 millóns de persoas, cifra que se espera alcance os 43 millóns de aquí a 2025.

As plataformas dixitais de traballo están presentes nunha variedade de sectores económicos, incluídos condutores de transporte e entrega de alimentos, pero tamén en servizos en liña como a codificación de datos e a tradución.

Aínda que a maioría dos traballadores de plataformas son formalmente autónomos, ao redor de 5,5 millóns de persoas poderían estar clasificadas erroneamente como traballadores por conta propia.

Coa adopción desta lexislación, o Parlamento responde as expectativas dos cidadáns sobre os mercados laborais inclusivos e a innovación dixital para reforzar a economía social e sostible, tal como se expresa nas propostas 13, 13(5) e 35 (1)(3), das conclusións da Conferencia sobre o Futuro de Europa.

Máis información: Parlamento Europeo

Servizo de investigación do PE: Mellora das condicións laborais dos traballadores de plataformas

Servizo de investigación do PE: Traballadores de plataformas: As regras europeas, un paso máis cerca

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data