Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Medioambiente e Clima »O Consello e o Parlamento chegan a un acordo sobre a Lei de Restauración da natureza
— O Regulamento forma parte integrante da Estratexia sobre a Biodiversidade de aquí a 2030.
— Con él, preténdese axudar á UE a alcanzar os seus compromisos internacionais, en particular o Marco Mundial de Biodiversidade de Kunming-Montreal.
Bruxelas, 9 de novembro de 2023. A Presidencia do Consello e os representantes do Parlamento Europeo alcanzaron un acordo político provisional relativo a un Regulamento sobre a restauración da natureza.
A proposta feita en 2022 ten por obxecto establecer medidas para restaurar polo menos o 20% das zonas terrestres e das zonas marítimas da UE de aquí a 2030 e, de aquí a 2050, todos os ecosistemas que necesiten restauración. Establece obxectivos e obrigacións xuridicamente vinculantes para a restauración da natureza en cada un dos ecosistemas enumerados —desde as terras agrícolas e os bosques ata os ecosistemas mariños, urbanos e de auga doce—.
Ámbito de aplicación e obxectivos do Regulamento
As novas normas contribuirán a restaurar os ecosistemas degradados en todos os hábitats terrestres e mariños dos Estados membros, a conseguir os obxectivos xerais da UE en materia de mitigación do cambio climático e a adaptación a este, e a mellorar a seguridade alimentaria. O Regulamento esixe aos Estados membros que adopten e apliquen medidas para restaurar polo menos o 20% das zonas terrestres e das zonas marítimas da UE de aquí a 2030.
O Regulamento abarca unha serie de ecosistemas terrestres, costeiros e de auga doce, incluídos as zonas húmedas, os pasteiros, os bosques, os ríos e os lagos, así como de ecosistemas mariños, incluídos os leitos de vexetación mariña e os campos de esponxas e corais (enumerados nos anexos I e II). Obriga aos Estados membro para poñer en marcha medidas para restaurar, de aquí a 2030, polo menos o 30% dos tipos de hábitats enumerados en ambos os anexos que non estean en bo estado.
Os colexisladores acordaron que, ata 2030, os Estados membros deben dar prioridade aos espazos Natura 2000 á hora de aplicar as medidas de restauración que figuran no Regulamento. Así mesmo, os Estados membros deben establecer medidas para restaurar polo menos o 60% dos hábitats en mal estado de aquí a 2040 e polo menos o 90% de aquí a 2050. Engadiuse unha maior flexibilidade para os hábitats moi comúns e estendidos.
Requisito de evitar a deterioración
O texto inclúe a obrigación de evitar a deterioración significativa das zonas suxeitas a restauración que alcanzasen un bo estado e das zonas nas que se dean os hábitats terrestres e mariños enumerados nos anexos I e II. Os colexisladores acordaron que esta obrigación se basee no esforzo. A obrigación medirase en función do tipo de hábitat.
Restauración dos polinizadores
Nas últimas décadas, a abundancia e diversidade dos insectos polinizadores silvestres diminuíu drasticamente en Europa. Co fin de facer fronte a este problema, o Regulamento introduce uns requisitos determinados para que os Estados membro establezan medidas destinadas a inverter o declive das poboacións de polinizadores como moi tarde en 2030.
Partindo dos actos delegados adoptados pola Comisión para establecer un método con base científica de seguimento da diversidade e as poboacións de polinizadores, os Estados membros terán que facer un seguimento dos avances a este respecto polo menos cada seis anos a partir de 2030.
Obrigacións específicas para determinados ecosistemas
O Regulamento establece requisitos específicos para os diferentes tipos de ecosistemas.
- Ecosistemas agrícolas: o texto esixe aos Estados membro que poñan en marcha medidas para lograr tendencias crecentes en polo menos dous dos tres indicadores seguintes: o índice de bolboretas de pasteiros; a proporción de superficie agraria con elementos paisaxísticos de gran diversidade; e as reservas de carbono orgánico en chans minerais de terras de cultivo. Ademais, establece obxectivos acoutados no tempo para aumentar o índice de aves comúns ligadas a medios agrarios a nivel nacional, e tamén para a á rehumidificación de turberas.
- Ecosistemas forestais: esixirase aos Estados membro que poñan en marcha medidas para mellorar a biodiversidade dos ecosistemas forestais e alcanzar tendencias crecentes a nivel nacional de determinados indicadores, como a madeira morta en pé e caída e o índice de aves forestais comúns, tendo en conta o risco de incendios forestais. Tamén se lles solicita que contribúan á plantación de polo menos 3 000 millóns de árbores adicionais en toda a UE de aquí a 2030.
- Ecosistemas urbanos e conectividade fluvial: os Estados membro deben lograr unha tendencia crecente de espazos verdes urbanos ata alcanzar un nivel satisfactorio, e velar por que non se produza unha perda neta de espazo verde urbano entre a entrada en vigor do Regulamento e finais de 2030. O acordo tamén inclúe a obriga de converter polo menos 25.000 km de ríos en ríos de fluxo libre de aquí a 2030, e de manter a conectividade natural dos ríos que fose restaurada
.Plans nacionais de recuperación
Conforme ás novas normas, os Estados membro deberán presentar periodicamente á Comisión plans nacionais de recuperación que mostren como alcanzarán os obxectivos. Tamén farán un seguimento dos avances e presentarán informes.
Os colexisladores optaron por un enfoque gradual. Os Estados membro presentarán primeiro plans nacionais de recuperación que abarquen o período ata xuño de 2032, cunha visión estratéxica para o período posterior á devandita data.
Como moi tarde en xuño de 2032, os Estados membro presentarán plans de recuperación para un período de dez anos ata 2042 cunha visión estratéxica ata 2050, e como moi tarde en xuño de 2042 presentarán plans para o período restante ata 2050.
O texto permite que os Estados membro teñan en conta ao establecer os seus plans as súas diversas necesidades sociais, económicas e culturais, as características rexionais e locais e a densidade de poboación, incluída a situación específica das rexións ultraperiféricas.
Revisión e freo de emerxencia
O acordo provisional fixa a data de 2033 para que a Comisión revise e avalíe a aplicación do Regulamento e as súas repercusións nos sectores agrícola, pesqueiro e forestal, así como os seus efectos socioeconómicos máis xerais.
O texto tamén introduce a posibilidade de suspender a aplicación das disposicións do Regulamento relativas aos ecosistemas agrícolas durante un máximo dun ano mediante un acto de execución, en caso de acontecementos imprevisibles e excepcionais que estean fóra do control da UE e poidan ter graves consecuencias para a seguridade alimentaria a escala da UE.
Contexto
O 22 de xuño de 2022, a Comisión Europea propuxo un Regulamento sobre a restauración da natureza no marco da Estratexia da UE sobre a Biodiversidade de aquí a 2030, que forma parte do Pacto Verde Europeo. Máis do 80% dos hábitats europeos atópanse en mal estado. Os esforzos realizados no pasado para protexer e preservar a natureza non foron capaces de investir esta preocupante tendencia.
Por primeira vez, a proposta ten por obxecto adoptar medidas non só para preservar a natureza, senón tamén para restaurala, mellorando o seu estado mediante obxectivos e obrigacións vinculantes relativos a ecosistemas terrestres e mariños.
Os Estados membros deberían adoptar medidas de restauración eficaces para alcanzar os obxectivos específicos para cada ecosistema, mediante unha planificación por medio de plans nacionais de recuperación da natureza, que permita realizar avaliacións.
O 20 de xuño de 2023, o Consello alcanzou un acordo («orientación xeral») sobre a proposta na sesión do Consello de Medio Ambiente, mentres que o Parlamento Europeo aprobou a súa posición o 12 de xullo. Tras varias reunións de “trílogos”, o 9 de novembro, ambas institucións chegaron a un acordo provisional sobre o texto, que deberán aprobar formalmente para que poida entrar en vigor.
Máis información: Consello da UE