Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Educación e Cultura »Román Rodríguez traslada á Comisión Europea o proxecto EdugalIA de intelixencia artificial aplicada ao sistema educativo galego
— Reúnese co subdirector xeral de Educación, Xuventude, Deporte e Cultura da Comisión Europea, con quen comparte este proceso de dixitalización do ensino tanto no eido da aprendizaxe como no de xestión administrativa no que Galicia é pioneira.
— Visita tamén European Schoolnet co fin de reforzar lazos colaborativos con esta rede de 34 ministerios europeos a prol da calidade educativa e o impulso dixital.
— O conselleiro participou na mesa redonda ‘Europa: un patrimonio milenario’ xunto con dirixentes europeos e expertos en rehabilitación patrimonial.
Bruxelas, 15 de novembro de 2023. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou Bruxelas onde mantivo diferentes encontros con representantes europeos.
Pola mañán mantivo unha xuntanza de traballo en Bruxelas co subdirector xeral de Educación, Xuventude, Deporte e Cultura da Comisión Europea, Arturo Caballero, a quen lle trasladou o proxecto EdugalIA, cuxa finalidade é incorporar a intelixencia artificial á xestión educativa, o que convirte a Galicia na primeira comunidade autónoma en integrar esta tecnoloxía no ensino galego.
No decurso da xuntanza, o titular de Educación puido intercambiar impresións así como coñecer de primeira man as liñas de traballo que se están desenvolvendo desde a Comisión Europea. Tamén expresou o seu agradecemento por ser recibido por Arturo Caballero, en cuxa dirección está integrada unha profesional galega da educación, Nair Carrera, que traballa na unidade de Educación Dixital, que xestiona o Plan de Acción de Educación Dixital e o conxunto de recomendacións do Consello sobre educación e habilidades dixitais que se espera sexan adoptadas o 23 novembro tras o proceso de negociación e diálogo cos estados membros.
Nesta reunión, o conselleiro tivo a oportunidade de reflexionar con Naír Carrera sobre o uso da Intelixencia artificial e os datos na educación que a Comisión Europea publicou en 2022. Ademais, seguindo as Recomendacións do Consello, a reunión serviu tamén para reflexionar sobre o papel da informática ou das ciencias da computación de forma transversal no ámbito escolar.
Pola súa parte, o subdirector xeral recibiu o proxecto EdugalIA e recoñeceu a súa aliñación cos obxectivos do Plan de acción de Educación Dixital e o uso da ferramenta SELFIE, da cal en Galicia xa teñen participado máis de 188.000 usuarios en aproximadamente 1.200 escolas galegas.
Os retos de Galicia neste ámbito quedan recollidos na Estratexia de Educación Dixital 2030, “a nosa folla de ruta para, dunha banda, perfeccionar competencias dixitais do alumnado e, doutra, desenvolver un ecosistema educativo dixital empregando as novas tecnoloxías para mellorar o propio proceso”, abondou.
Colaboración coa European Schoolnet
Na súa visita á capital europea, Román Rodríguez tamén visitou a rede de 34 ministerios de educación, European Schoolnet, onde foi recibido polo responsable da Aula do Futuro, Tommaso Dalla Vecchia, con quen abordou a participación de Galicia en diferentes proxectos europeos como eTwinning ou Code Week (a semana da programación) entre cuxos retos está o uso eficaz das novas tecnoloxías no ámbito do ensino, mellorar a calidade da educación en toda Europea e promover unha dimensión europea na educación.
Este encontro serviu para reforzar os lazos coa European Schoolnet, con quen a Consellería de Educación mantén unha estreita relación desde hai anos a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) que certifica os seus cursos de formación do profesorado en liña (MOOCs así como co CIEDix).
Xornada no Parlamento Europeo
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou pola tarde no Parlamento Europeo na xornada Conservar e transmitir o patrimonio cultural: un desafío común para Europa, onde compartiu con dirixentes europeos a importancia de intervir na salvagarda dos bens para conservar a identidade común formada arredor destes símbolos e na que puxo de exemplo a actuación feita na Catedral de Santiago de Compostela.
O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, afirmou que a reinauguración da Catedral de Santiago de Compostela, 800 anos despois da súa consagración, “é un dos procesos máis significativos dos últimos anos en Europa no ámbito do patrimonio”.
Román Rodriguez tamén participou na mesa redonda Europa: un patrimonio milenario no marco da xornada Conservar e transmitir o patrimonio europeo celebrada hoxe en Bruxelas xunto con dirixentes europeos e diferentes expertos en rehabilitación patrimonial.
Ademais do representante da Xunta de Galicia, tamén interviñeron os eurodiputados Francisco Millán Mon e François-Xavier Bellamy, organizadores da xornada, e o vicepresidente da Comisión Europea, Margaritis Schinas. No primeiro panel, ademais do conselleiro, participaron o director do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, Stefano Dominioni, e Séverine Blenner-Michel e Olivier Zeder, responsables do departamento de Conservadores e Restauradores do Instituto Nacional do Patrimonio en Franca.
