Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais »A Xunta aborda coa Comisión Europea a aplicación rexional dos ODS
— A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou o último encontro de 2023 do ciclo ‘FGE | NextGeneratiOn Galicia’.
— Neste novo encontro organizado pola Fundación Galicia Europa, abordouse o rol clave dos entes rexionais na aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Bruxelas, 13 de decembro de 2023. A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou o oitavo encontro do ano do ciclo “FGE | NextGeneratiOn Galicia”, o foro de debate mensual entre a Xunta e as institucións europeas. Esta última reunión de 2023 centrouse no compromiso das rexións cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS), establecidos en 2015 como parte da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, un plan de acción con 17 obxectivos e 169 metas que aborda cuestións como a pobreza, a saúde, a educación ou o clima.
Ana Ramos subliñou a importancia da dimensión rexional dos ODS, tamén chamada localización, posto que son as rexións as que dispoñen de información máis precisa para facer un seguimento dos Obxectivos, ó tempo que poden articular estratexias de desenvolvemento máis estreitamente vinculadas á cidadanía. A directora, ademais, lembrou que, a pesar de que a consecución do 65% dos ODS dependerá das aportacións dos entes locais e rexionais, a súa localización enfróntase a diversos desafíos, como a falta de coordinación entre os diferentes niveis de gobernanza ou, especialmente, a falta de recursos financeiros suficientes.
A sesión contou coa participación de Laia Pinós Mataró, xefa adxunta de unidade na Secretaría Xeral da Comisión Europea, quen ilustrou o compromiso da Unión Europea coa Axenda 2030 e os ODS, patente na presentación ante as Nacións Unidas, o pasado xullo, da súa primeira revisión voluntaria da aplicación dos Obxectivos.
A perspectiva galega foi ofrecida por Isaac Gómez Piñeiro, subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, de quen depende a posta en marcha da Axenda 2030 en Galicia. A nosa rexión conta cunha comisión interdepartamental para o seguimento dos ODS, así como con iniciativas tan importantes como a Alianza Galega para o Clima, unha oficina de coordinación do Pacto das Alcaldías ou unha futura Lei do Clima.
Encontros virtuais entre a Xunta e as institucións europeas
O ciclo de encontros ‘FGE | NextGeneratiOn Galicia’ reúne mensualmente á Xunta de Galicia con representantes das institucións europeas para abordar, de forma conxunta, as políticas impulsadas desde a UE. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende setembro do 2020, fomenta o debate de multitude de temas da axenda comunitaria, como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.