Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude »A sede da Eurocidade Chaves-Verín acollerá as xornadas “Novas ruralidades. Un futuro novo e prometedor”
— A finalidade desta iniciativa, presentada pola Fundación Galicia Europa, é propiciar un lugar de encontro no que os participantes poidan compartir ideas, establecer conexións e potenciar proxectos colaborativos xerados en territorio transfronteirizo.
Santiago, 14 de novembro de 2023. A Fundación Galicia Europa e os seus socios do proxecto EUROCIDADE_2030 organizan unha iniciativa que se celebrará na sede da Eurocidade Chaves-Verín os próximos días 24 e 25 de novembro. Baixo o título “Novas ruralidades. Un futuro novo e prometedor”, esta consistirá en dúas xornadas completas especialmente deseñadas para compartir, indagar e descubrir as oportunidades que brinda a nosa contorna para o futuro das novas xeracións.
A iniciativa ten como principal obxectivo fomentar o diálogo, a conexión e o intercambio de ideas entre as persoas participantes. Está destinada a menores de 30 anos que teñan inquietudes emprendedoras. Desde unha formulación práctica, dinámica e cooperativa, exploraranse os recursos necesarios para re-pensar a nosa contorna transfronteiriza. Analizaranse as oportunidades que esta ofrece, así como as posibilidades de aproveitar os devanditos recursos nun contexto europeo.
A finalidade última destas xornadas é propiciar un lugar de encontro no que os participantes poidan compartir ideas, establecer conexións e potenciar proxectos cooperativos. Entre os seus obxectivos específicos están a xeración de diálogo sobre as “novas ruralidades”, a creación de comunidade entre os participantes e a dotación das ferramentas básicas para a xestión dos seus proxectos.
Unha ocasión para tecer redes e coñecer a experiencia dos veciños dos barrios norte (Galicia) e sur (Portugal) da Eurociudade, que na actualidade desenvolven con éxito as súas actividades económicas neste contexto. A información completa das xornadas está dispoñible tanto na web da Fundación Galicia Europa como na da Eurocidade Chaves-Verín, AECT. As prazas son limitadas e é obrigatoria a inscrición a través deste formulario.
Contexto
Esta acción está dirixida pola Fundación Galicia Europa no ámbito do proxecto EUROCIDADE_2030, aprobado e cofinanciado polo Programa INTERREG VI A de Cooperación España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, FEDER. Son socios do proxecto a Eurocidade Chaves – Verín, AECT, a Fundación Galicia Europa, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o Instituto Portugués de Deportes e Mocidade e a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís.