Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Os embaixadores do proxecto RUYOU participarán no Cumio da Xuventude Rural Europea en Bruxelas

Os embaixadores do proxecto RUYOU participarán no Cumio da Xuventude Rural Europea en Bruxelas

09/04/2024 | ,

— Os embaixadores de RUYOU teñen a tarefa de comunicar os valores e obxectivos do proxecto.

— Presentarán en Bruxelas no Cumio Europeo da Xuventude Rural (16 e 19 de abril) as súas ideas e prototipos enfocados no rural.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024. Os vindeiros 16 e 17 de abril terá lugar en Bruxelas o Cumio da Xuventude Rural enmarcado no proxecto RUYOU (Rural Youth of Europe), do que a Fundación Galicia Europa fai parte. Neste cumio terán un papel importante os embaixadores de RUYOU.

Estes embaixadores son os encargados de dar visibilidade e transmitir á mocidade o seu compromiso con RUYOU. Isto é importante porque se lles dá a oportunidade de formar parte dun proxecto europeo no que a súa opinión conta, e porque o seu traballo como comunicadores demostra o espírito europeo que impregna esta iniciativa.

Durante os meses nos que participan no proxecto RUYOU, o papel dos embaixadores foi transformando, xa que moitos deles comezaron como participantes no Hackathon online e culminaron o proxecto como emprendedores e mesmo como formadores en obradoiros de Creative Jams. Isto exemplifica o seu crecemento e enriquecemento a nivel persoal e profesional.

A súa tarefa non só garante a difusión das boas prácticas de RUYOU, senón que promove a dixitalización e o avance cara a un futuro máis xusto e sostible. Ao formar parte deste proxecto europeo, os embaixadores teñen a oportunidade de contribuír activamente ao cambio positivo e difundir as principais liñas do proxecto:

  1. A creación dun foro de debate público transnacional e de libre expresión das voces novas europeas.
  2. O deseño dun espazo creativo onde mozos e mozas do medio rural e urbano poidan colaborar para crear solucións e oportunidades para a mocidade na mesma situación en toda Europa.
  3. Achegar as inquedanzas da mocidade rural ao ámbito europeo mediante a participación de líderes de opinión.
  4. A utilización dunha metodoloxía participativa para a poboación nova nos debates da Europa democrática.
  5. A integración da Axenda 2030 no debate rural.

Os embaixadores vinculados á Fundación Galicia Europa son un total de cinco mozos e mozas (Lucas, Marta, Jorge, Marina e Carla) que cumpren o seu compromiso de comunicar e promover os obxectivos de RUYOU.

Coñece aos embaixadores vinculados á Fundación Galicia Europa

Os mozos vinculados á Fundación foron elixidos como embaixadores non só polo seu compromiso con RUYOU, senón tamén pola súa implicación e boa disposición ao longo do proxecto. Eles son:

  • Marta, que comezou como participante e agora está orgullosa de ser unha nova emprendedora que creou e deseñou os carteis e programas deste evento.
  • Lucas, un mozo emprendedor que formou parte deste proxecto como participante, gañador de máis dunha das Creative Jams e finalmente mentor en Chaves.
  • Marina, que comezou como alumna en prácticas curriculares na nosa entidade e puido participar nas Jams e agora formar parte do acto de clausura de RUYOU.
  • Jorge, que comezou participando e gañando un Hackathon en liña e posteriormente tivo a oportunidade de apoiar con gravacións de drones nun dos Creative Jams e dirixir un obradoiro no Chaves Jam.
  • Carla, por iniciar este proxecto como interna e continuar a súa aprendizaxe como voluntaria de IVY e a súa embaixadora.

Todos eles están moi implicados no proxecto RUYOU, gañaron nalgunhas das actividades, pero sobre todo apostaron por ser a voz dos mozos que queren deseñar prototipos que lideren o rural, presentando oportunidades e promovendo solucións participativas. Fitos que terán a oportunidade de presentar en Bruxelas no Cumio Europeo da Xuventude Rural.

Máis información: Embaixadores RUYOU (PDF).

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data