Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Mobilidade » A Xunta avoga pola modernización e sustentabilidade da industria automobilística europea

A Xunta avoga pola modernización e sustentabilidade da industria automobilística europea

21/11/2022 | , ,

— A primeira reunión política da Alianza de Rexións con Industrias da Automoción afondou na situación actual da industria automobilística e na súa adaptación ao novo escenario.

— Fernando Guldrís defendeu a necesidade do acceso da industria aos fondos Next Generation “co obxectivo de que poidan levar a cabo os investimentos necesarios para a súa adaptación”.

Bruxelas, 21 de novembro de 2022. O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na primeira reunión organizada pola Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA, polas súas siglas en inglés), levada a cabo en Leipzig (Alemaña), onde afondou na situación actual da industria automobilística e a súa adaptación ás novas necesidades marcadas pola mobilidade sostible. Un escenario no que presentou a posibilidade de crear un Fondo Especial de Transformación a nivel europeo que facilite á industria a súa adaptación e que aglutine a aquelas rexións cun maior peso do sector. A Fundación Galicia Europa, presente en toda a actividade da ARA, tamén estivo presente asesorando ao Igape.

“Estamos convencidos de que do mesmo xeito que se establecen medidas que forzan a transformación do sector nun prazo moi esixente, tamén deben establecerse mecanismos de apoio que permitan acompañar ao tecido empresarial nesa necesaria transformación”, afondou o director do Igape. Así, e xunto á creación do mencionado fondo, Guldrís defendeu a necesidade de asegurar as condicións que faciliten o acceso da industria aos fondos Next Generation “co obxectivo de que poidan levar a cabo os investimentos necesarios para a súa adaptación á electrificación demandada”.

Neste marco, Guldrís lembrou que o sector está a sufrir unha das transformacións máis grandes da súa historia, na que a transición xusta ou a electrificación son puntos centrais do cambio de paradigma actual. Un escenario no que a Unión Europea está a poñer o 2035 como data límite para que todos os novos turismos e furgonetas no mercado da UE sexan de cero emisións. O director do Igape avogou pola importancia de xuntar esforzos “nunha época marcada pola nova mobilidade, que mestura conectividade, electrificación e condución autónoma”.

Sobre esta base, a ARA traballa en conxunto para que estes cambios sexan apoiados institucionalmente, tanto na transición como na preservación dos milleiros de empregos que a automoción ten nestas rexións. Un traballo que se está a levar a cabo mediante a colaboración non só dos axentes políticos pertinentes, senón de todo o sector, as industrias provedoras e os axentes sociais.

A Fundación Galicia Europa, como a representación da Xunta de Galicia fronte as institucións europeas, leva traballando nesta alianza dende os seus inicios asisitindo ás reunións de traballo e participando activamente nelas. Estas responsabilidadess continuarán nas actividades futuras da ARA, defendendo todo o valor automobilístico de Galicia.

“Do mesmo xeito que se establecen medidas que forzan a transformación do sector nun prazo moi esixente, tamén deben establecerse mecanismos de apoio ao tecido empresarial”

Un sector clave para o continente

No encontro participou o comisario de Emprego e Dereitos sociais; Nicolas Schmit, amosando así o compromiso da Comisión europea coas rexións e a industria do automóbil. Este sector suma máis do 6%  do emprego total na Unión Europea. No camiño inverso, a ARA apoia o Obxectivo 55, co propósito de reducir as emisións un 55% no territorio comunitario para o ano 2030. O traballo próximo da Alianza estudiará o impacto rexional das transformacións neste eido, así como avogar por solucións que preserven o capital humano da automoción e melloren a súa capacitación.

A Alianza das Rexións con Industrias da Automoción

A Alianza de Rexións con Industrias da Automoción activouse o pasado mes de xuño no Comité Europeo das Rexións (CdR), sendo Galicia unha das rexións fundadoras. Este sector ten moito peso na nosa Comunidade: case un de cada catro coches que se ensamblan en España saen da planta de Stellantis en Vigo. No ano 2021, a industria facturou en Galicia 11.200 millóns de euros.

 

Máis información:

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data