Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Galicia aposta no Comité Europeo das Rexións por un mecanismo para superar os obstáculos entre fronteiras europeas

Galicia aposta no Comité Europeo das Rexións por un mecanismo para superar os obstáculos entre fronteiras europeas

18/04/2024 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE interveu durante o pleno 160 do Comité das Rexións para amosar o apoio galego á creación dunha ferramenta para facilitar as relacións entre fronteiras europeas.

— Outras cuestións de relevancia para Galicia durante esta sesión foron os ditames sobre a xestión das poboacións de grandes carnívoros nas zonas rurais europeas ou sobre a regulación dos vexetais obtidos mediante novas técnicas xenómicas.

Bruxelas, 18 de abril de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria número 160 do Comité Europeo das Rexións (CdR) representando a Galicia. Tratouse dun pleno especialmente interesante para a nosa rexión, que presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación.

Un dos máis relevantes para Galicia foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.

O propio director xeral manifestouno así neste pleno: “Galicia mantén importantes relacións económicas, sociais e culturais con Portugal, pero moitas veces vense socavadas por obstáculos derivados das fronteiras, que afectan ao transporte, á prestación de servizos públicos ou ao desenvolvemento empresarial. Por iso apoiamos un mecanismo transfronteirizo como este, que permita superar estas barreiras por medio de puntos de coordinación.”

A coexistencia dos grandes carnívoros coas actividades agrarias

Pleno 160 do CdR

De entre os outros 13 ditames aprobados nesta sesión plenaria, cómpre salientar o relativo á xestión das poboacións de grandes carnívoros en Europa, que destaca a necesidade de lograr un equilibrio entre a protección de especies como o oso, o lince ou -especialmente para Galicia- o lobo, e a dos seres humanos e as actividades agrícolas nas zonas rurais.

Mediante a presentación de 13 emendas a este ditame, a Xunta de Galicia fixo énfase na necesidade de avaliar periodicamente o estado de conservación destas especies para garantir niveis de protección e xestión adecuados, e solicitou un maior apoio público para que as comunidades rurais e os agricultores poidan aplicar medidas de prevención axeitadas e facer fronte aos danos causados por grandes carnívoros.

Ademais dos anteriores, o goberno galego presentou emendas a outros dous ditames: un sobre a primeira proposta de lexislación europea para regular a distribución e comercialización de vexetais producidos mediante os métodos máis novidosos de modificación xenética (coñecidos como “novas técnicas xenómicas”); e outro sobre a promoción da mobilidade na aprendizaxe como ferramenta para impulsar o desenvolvemento das competencias e o talento na UE.

Outros puntos destacados

Este pleno contou, ademais, coa celebración de tres debates políticos de alto nivel sobre o paquete de ampliación da Unión Europea de 2023, os sistemas de protección da infancia a nivel local e rexional e as eleccións ao Parlamento Europeo do vindeiro 9 de xuño. Por vía de urxencia, adoptouse unha resolución sobre a política de cohesión despois de 2027 como resposta ao 9º Informe da Cohesión publicado a finais de marzo.

Os máis de 300 representantes locais e rexionais abordaron tamén os resultados do pasado Cume Europeo de Rexións e Cidades celebrado en Mons, a próxima creación dun órgano interinstitucional de ética da UE e a proposta de orzamento do Comité Europeo das Rexións para 2025.

Comité Europeo das Rexións

Pleno 160 do CdR

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data