Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Galicia e as rexións europeas, comprometidas cunha política da UE máis transparente e próxima aos cidadáns

Galicia e as rexións europeas, comprometidas cunha política da UE máis transparente e próxima aos cidadáns

10/04/2024 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE asistiu na comisión CIVEX do CdR a un debate relativo á promoción da participación dos entes locais e rexionais no proceso lexislativo da UE.

— O Goberno galego amosou o seu apoio a un ditame que reivindica o papel das rexións e cidades nos labores de vixilancia, control e prevención do tráfico de drogas e a delincuencia organizada.

Bruxelas, 10 de abril de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas na reunión número 22 da comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR).

O tema máis destacado desta sesión foi a subsidariedade activa, é dicir, a promoción dunha maior implicación das entidades locais e rexionais no proceso de toma de decisións europeo, como principio fundamental para a mellora da lexislación da UE. Aproveitando a celebración do 30º aniversario deste órgano consultivo e a súa coincidencia co ano de eleccións ao Parlamento Europeo, a CIVEX plantexou a cuestión de como aumentar a participación das autoridades locais e rexionais no proceso de elaboración e aplicación da lexislación europea de cara ao futuro.

Esta cuestión abordouse mediante a celebración dun debate e a aprobación dun ditame, centrados na definición de que papel debería asumir o CdR no próximo mandato institucional europeo e que instrumentos sería adecuado promover para garantir que a perspectiva local e rexional teña maior peso na elaboración dunha lexislación europea máis transparente, accesible e que teña en conta a diversidade dos diferentes territorios na UE.

Loita contra o tráfico de drogas e a delincuencia organizada 

Nesta última comisión CIVEX tamén se someteu a votación un ditame sobre a folla de ruta proposta pola Comisión Europea para incrementar os esforzos contra o tráfico de sustancias ilícitas e as redes criminais na UE.

O texto aprobado, que se elaborou contando coas contribucións da Xunta de Galicia ao documento de traballo previo, sinala a necesidade de garantir unha maior cooperación multinivel e transfronteiriza na represión e mitigación deste tipo de actividades. Tamén fai énfase no fortalecemento das capacidades policiais e asistenciais locais -mediante a formación do persoal e a promoción da dixitalización- e no ámbito da prevención e a protección da mocidade, mediante campañas de concienciación sobre os riscos do uso de drogas.

Galicia nas comisións CIVEX e NAT do Comité das Rexións

No actual mandato 2020-2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, polo que nestes momentos contribúe de maneira fundamental a reforzar a democracia europea.

Na reunión da CIVEX celebrada hoxe tamén tiveron lugar outros dous debates; un sobre o papel dos entes locais e rexionais na loita contra o tráfico de migrantes, e outro sobre a promoción da participación cidadá e a loita contra a desinformación dende o nivel local e rexional, no contexto das eleccións europeas de 2024. Finalmente, tivo lugar a presentación das orientacións actualizadas sobre o dereito á libre circulación na UE, por parte dun representante da Dirección Xeral de Xustiza e Consumidores (DG JUST) da Comisión Europea.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data