Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Axenda Dixital » Lei de Mercados Dixitais: en vigor as obrigacións establecidas para os gardiáns de acceso designados

Lei de Mercados Dixitais: en vigor as obrigacións establecidas para os gardiáns de acceso designados

14/03/2024 | ,

— Os seis xigantes tecnolóxicos designados gatekeepers pola Comisión Europea deberán cumprir novas normas sobre dez servizos básicos de plataforma definidos.

Bruxelas, 14 de marzo de 2024. Dende o pasado día 7 de marzo, Apple, Alphabet, Meta, Amazon, Microsoft e ByteDance, os seis gardiáns de acceso designados pola Comisión en setembro de 2023, deberán cumprir todas as súas obrigacións en virtude da Lei de Mercados Dixitais. A lei ten por obxecto facer que os mercados dixitais da UE sexan máis disputables e equitativos.

Establece novas normas sobre dez servizos básicos de plataforma definidos, tales como motores de procura, mercados en liña, tendas de aplicacións, publicidade e mensaxería en liña, e outorga novos dereitos ás empresas e usuarios finais europeos.

Novas normas da Lei de Mercados Dixitais

Coa entrada en vigor das normas da Lei de Mercados Dixitais, os usuarios profesionais establecidos na UE que dependen dos servizos ofrecidos polos seis gatekeepers mencionados para chegar aos seus clientes gozan de novas oportunidades. Por exemplo, os usuarios profesionais poden:

  • Beneficiarse dun trato xusto e dunhas condicións de competencia equitativas cando compitan cos servizos dos gardiáns de acceso nas súas plataformas.
  • Solicitar a interoperabilidade cos servizos dos gardiáns de acceso para ofrecer novos servizos innovadores.
  • Vender as súas aplicacións a través de canles alternativas distintas das tendas de aplicacións dos gardiáns de acceso.
  • Acceder aos datos xerados polas súas actividades nas plataformas dos gardiáns de acceso.
  • Promover ofertas e celebrar contratos con clientes fóra das plataformas dos gardiáns de acceso.

Pola súa banda, os usuarios finais beneficiaranse de máis posibilidades de elección e innovación no espazo dixital de Europa. Entre outras cousas, poderán:

  • Invocar a súa capacidade de elección e non quedar limitados ás opcións por defecto dos gardiáns de acceso, por exemplo, ao elixir tendas e servizos de aplicacións alternativos aos ofrecidos por ditos gatekeepers.
  • Obter un mellor control sobre os seus datos ao poder decidir se o gardián de acceso pode vincular as súas contas e, deste xeito, rastrexar e combinar os seus datos persoais a través de diferentes servizos.
  • Obter, transferir e utilizar facilmente datos entre servizos ou aplicacións, o que facilitará as copias de seguridade de datos sen solucións de continuidade e o paso a diferentes servizos.
  • Utilizar servizos alternativos de identificación electrónica ou de pago integrados na aplicación.

Cumprimento da Lei de Mercados Dixitais

Os gardiáns de acceso empezaron a probar as súas medidas para cumprir a Lei de Mercados Dixitais antes do prazo, o que deu pé a observacións de terceiros. Dende a pasada semana, os gardiáns de acceso están obrigados a demostrar o seu cumprimento efectivo da lei e a describir as medidas adoptadas en informes de cumprimento.

A versión pública destes informes pódese consultar na páxina web específica da Comisión. Ademais, os gardiáns de acceso designados tamén deben presentar á Comisión unha descrición auditada independentemente das técnicas utilizadas para elaborar perfís dos consumidores, xunto cunha versión non confidencial do informe.

A Comisión analizará detidamente os informes de cumprimento e valorará se as medidas aplicadas son eficaces para alcanzar os obxectivos das obrigacións pertinentes en virtude da Lei de Mercados Dixitais. A avaliación tamén se baseará nas achegas das partes interesadas, tamén no marco dos talleres sobre cumprimento, nos que se convida aos gardiáns de acceso a presentar as súas solucións.

A Comisión non dubidará en adoptar medidas de execución formais, aproveitando todo o conxunto de ferramentas á súa disposición para facer cumprir plenamente a lei. Se a Comisión sospeita unha infracción, poderá incoar un procedemento para investigala. E, no caso de que esta exista, poderá impoñer multas de ata o 10% do volume de negocios mundial total da empresa, e de ata o 20% en caso de reincidencia.

Ademais, en caso de infraccións sistemáticas, a Comisión tamén está facultada para adoptar medidas correctoras adicionais, tales como obrigar a un gardián de acceso a vender unha empresa ou partes dela ou a prohibir aos gardiáns de acceso adquirir servizos adicionais relacionados co incumprimento sistémico.

Contexto

A Lei de Mercados Dixitais, xunto coa Lei de Servizos Dixitais, constitúe un conxunto único de normas que se aplican en toda a UE a fin de crear un espazo dixital máis seguro no que estean protexidos os dereitos fundamentais dos usuarios e de establecer unhas condicións de competencia equitativas entre as empresas. A primeira ten por obxecto garantir uns mercados disputables e equitativos no sector dixital.

Esta lei regula aos gardiáns de acceso, que son grandes plataformas dixitais que facilitan unha importante pasarela de acceso entre os usuarios profesionais e os consumidores, e cuxa posición pode outorgarlles o poder de crear pescozos de botella na economía dixital.

O 5 de setembro de 2023, a Comisión designou a seis gardiáns de acceso (Alphabet, Amazon, Apple, ByteDance, Meta e Microsoft) e 22 dos seus servizos básicos de plataforma. Tras a súa designación, tiñan seis meses para cumprir a lista completa de obrigacións en virtude da Lei de Mercados Dixitais, ofrecendo máis opcións e máis liberdade aos usuarios finais e aos usuarios profesionais dos seus servizos. A Comisión publicou un informe anual sobre a aplicación en 2023 e os progresos rexistrados na consecución dos seus obxectivos.

O 12 de febreiro de 2024, a Comisión pechou catro investigacións de mercado tras concluír que Apple e Microsoft non debían ser designadas gardiáns de acceso para os servizos básicos de plataforma seguintes: o servizo de mensaxería iMessage de Apple, o motor de procura en liña Bing de Microsoft, o navegador web Edge e o servizo de publicidade en liña Microsoft Advertising.

O 1 de marzo de 2024, recibiu notificacións de Booking, ByteDance e X sobre os seus servizos que poderían alcanzar os limiares da Lei de Mercados Dixitais, o que podería sometelos ás novas normas da UE sobre as plataformas de gardiáns de acceso. A Comisión adoptará unha decisión sobre estas notificacións nun prazo de 45 días hábiles, é dicir, como moi tarde o 13 de maio de 2024.

Máis información: Comisión Europea 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data