Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Proxectos Europeos » A Fundación Galicia Europa presenta o proxecto ‘Xuventude embaixadora dixital’

A Fundación Galicia Europa presenta o proxecto ‘Xuventude embaixadora dixital’

18/06/2022 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participaron na xornada ‘2022: Ano Europeo da Xuventude’ na Eurocidade Chaves-Verín

— O proxecto “Xuventude embaixadora dixital” busca apoiar á xuventude con menos oportunidades a converterse en cidadáns activos e actores dun cambio positivo.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2022. O 17 de xuño de 2022 tivo lugar a presentación do proxecto “Xuventude embaixadora dixital”, do que a Fundación Galicia Europa é socia. Esta xornada de presentación tivo como obxectivo alentar á xuventude con menos oportunidades a converterse en cidadáns activos e actores dun cambio positivo, así como promover e fomentar as oportunidades que a Unión Europea ofrece para que a mocidade galego-portuguesa poida acadar un maior desenvolvemento persoal, social e profesional.

Así, formaron parte da xornada profesionais especializados en políticas e programas comunitarios de Galicia e do Norte de Portugal, xestores e promotores, e tamén máis de 50 mozos e mozas, emprendedores e empresarios da comarca, así como representantes de entidades relacionadas coa xuventude e a Unión Europa.

O director da Fundación Galicia Europa avogou por apoiar as capacidades persoais que a mocidade das zonas rurais posúe e poñelas en valor ante o pequeno empresariado do lugar, así como convidar á mocidade a desfrutar das oportunidades que a UE presenta no Ano Europeo da Xuventude. Neste sentido valorou positivamente este novo proxecto que aborda a transformación dixital e capacita aos mozos, as pemes e as institucións transfronteirizas; e ademais vai mellorar as capacidades formativas, profesionais e un mellor coñecemento das ferramentas dixitais cunha relevante integración nas súas comunidades locais.

O director xeral rematou a xornada sinalando que “sen contar coa xuventude non é posible avanzar no proxecto europeo e non só porque a mocidade son o futuro de Europa, senón tamén porque as grandes transformacións en marcha como a verde e a dixital e os novos desafíos requiren de ideas novas no ámbito propio da xuventude”.

Pola súa banda a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, resaltou o compromiso da Xunta de Galicia co impulso da mocidade para fomentar o seu talento, a súa formación ou o acceso ao mercado laboral.

Así mesmo, loou a xornada levada a cabo na Eurocidade baixo a Efeméride do Ano Europeo da Xuventude, que se celebra neste 2022. Trátase dunha oportunidade para continuar mellorando os recursos, instrumentos e a información ao servizo da xuventude para fortalecer o seu futuro. Neste sentido, recordou que se están a levar a cabo os traballos para elaborar a nova Estratexia para a mocidade galega 2022-2027.

Máis información

A Xunta celebra o Ano Europeo da Xuventude e presenta o proxecto ‘Xuventude embaixadora dixital’ na eurocidade Chaves-Verín.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data