Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Proxectos Europeos »A Fundación Galicia Europa forma á mocidade en márketing dixital para redes
— A formación englóbase dentro das actividades do proxecto europeo Dyas.
— No curso participaron mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2023. A Fundación Galicia Europa xunto coa Eurocidade Chaves-Verín, AECT e a Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega, clausurou este xoves 10 de novembro a primeira parte (teórica) da acción formativa no ámbito do márketing dixital para redes sociais, para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.
A primeira xornada tivo lugar o 8 de novembro na sede da Eurocidade Chaves Verín e contou coa presenza de António Machado, secretario xeral de ADRAT; Nídia Cunha, técnica en comunicación da Eurociudade; e Pilar del Oro, coordinadora de Euroxuventude da Fundación Galicia Europa.
No curso, en liña e presencial, a mocidade aprendeu a utilizar as redes sociais de forma profesional, adquirindo coñecementos prácticos e funcionais relacionados co márketing dixital.
Na primeira sesión, despois da presentación dos contidos da formación, os/as participantes tiveron acceso a información sobre oportunidades laborais na Unión Europea, a rede EURES (Rede europea de cooperación para os servizos de emprego) e sobre como facer un currículo Europass e a importancia deste.
Parte teórica en febreiro
Nos meses de xaneiro e febreiro de 2024 poñeranse en práctica os coñecementos adquiridos en pemes do territorio da Eurocidade co fin de establecer un diálogo interxeracional e interdisciplinar. A xestión da parte práctica será en formato híbrido e axustarase ás posibilidades organizativas dos/as participantes e das empresas que os acollerán.
A parte teórica da formación terá unha duración de 104 horas. Os participantes poderán adquirir coñecementos en áreas como a comunicación e o márketing dixital, as redes sociais como ferramentas de comunicación e márketing, a creación de contidos e segmentación de público, as campañas de promoción en redes sociais ou o márketing de influencers para empresas locais, entre outras.
A inscrición a esta formación foi completamente gratuíta e estaba aberta á mocidade de entre 18 e 30 anos, dando especial preferencia a aqueles mozos da comarca da Eurocidade Chaves-Verín, en paro e en perigo de exclusión social. Acollerá a 16 mozos galegos e portugueses e a 16 empresas tamén de ámbalas dúas zonas.
Proxecto Dyas
Xuventude embaixadora dixital para Pemes (Digital Youth Ambassadors for SMEs-DYAS) é un proxecto aprobado e financiado pola Axencia Nacional Portuguesa Erasmus+ JA. Erasmus+ (2021-2027). É o programa da Comisión Europea nos ámbitos de Educación, Formación, Xuventude e Deportes, que promove a inclusión social, as transicións verdes e dixitais e a participación dos mozos na vida democrática.
Os principais obxectivos que orientarán as DYAS son: aumentar as oportunidades laborais e as capacidades persoais dos mozos do rural, en canto á dixitalización, uso de ferramentas e plataformas dixitais; mellorar a eficiencia empresarial e a competitividade das pequenas empresas, pola súa evolución en termos de dixitalización e competencias nos mercados dixitais e promover o intercambio de coñecementos e experiencias entre mozos e empresas, así como promover a creación de novos negocios por parte de Young.
A súa finalidade é abordar a transformación dixital e formar a mozos, pemes e institucións implicadas. Os resultados esperados son a mellora da formación e das capacidades profesionais; mellor coñecemento das ferramentas dixitais, integración nas súas comunidades locais e mellora das capacidades das pemes.
Máis información: Proxecto Dyas