Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Desenvolvemento Rural » A Xunta defende en Bruxelas a importancia de previr o abandono da terra para facer fronte ao reto demográfico

A Xunta defende en Bruxelas a importancia de previr o abandono da terra para facer fronte ao reto demográfico

22/11/2021 |

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR). 
  • Esta comisión debateu sobre a resposta que debería dar a UE aos retos das zonas rurais e que se vai plasmar na nova axenda rural europea e na revisión da estratexia forestal europea e do marco de axudas de Estado nestas zonas. 

 

Bruxelas, 22 de novembro de 2021.– O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, defendeu hoxe en Bruselas a importancia de previr o abandono da terra para facer fronte ao reto demográfico. Xesús Gamallo foi o representante galego na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexóns (CdR) na que se debateu sobre a resposta que debe dar a UE aos retos das zonas rurais.

Durante a última reunión do ano, a comisión NAT deu o visto bo ao proxecto de ditame sobre a “Visión a longo prazo das zonas rurais”, o documento estratéxico que presentou a Comisión Europea o pasado mes de xullo co obxectivo de mellorar a calidade de vida e a resiliencia das zonas rurais para o ano 2040. A proposta da Comisión consta, fundamentalmente, da creación dun foro de discusión multinivel denominado Pacto Rural e dunha serie de iniciativas (Plan de Acción Rural) que pretenden prestar apoio político á xestión das zonas rurais a través da PAC e da política de cohesión.

Galicia introduciu unha emenda ao borrador de ditame do CdR para resaltar a importancia de recuperar as terras agroforestais infrautilizadas mediante un marco normativo adecuado, financiamento e novos instrumentos de xestión das terras. A Xunta considera clave esta cuestión para facer fronte ao reto demográfico no rural, dado que fixa poboación ao territorio. A achega galega parte da experiencia da Xunta neste eido. Este mesmo ano aprobouse a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, na que se establecen procedementos e instrumentos destinados a mobilizar e recuperar a terra agraria, é dicir, a facilitar o seu acceso aos interesados en pór a terra a producir para usos agrícolas, gandeiros e forestais.

No documento aprobado hoxe, reivindícase o papel da agricultura, a mobilidade, a conectividade dixital e as enerxías renovables para frear o despoboamento e para xerar oportunidades sociais e económicas nas zonas rurais. Pide tamén normas de aplicación máis simples para os fondos europeos nesas zonas e que se complementen mellor entre si os diferentes fondos que chegan a elas.

Ademais deste ditame, os membros de NAT debateron sobre a proposta de nova estratexia forestal europea para 2030, sobre a revisión das axudas estatais á agricultura, ás zonas rurais e á silvicultura, e, en materia sanitaria, sobre a posta en marcha da nova Autoridade Europea de Preparación e Resposta ante Emerxencias Sanitarias (HERA). Por último, celebraron un debate con representantes da Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o Consello sobre as perspectivas estratéxicas para o turismo europeo.

Galicia na comisión NAT do Comité Europeo das Rexións

Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo a principios de 2020, Galicia participa na comisión de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeas en áreas como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data