Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » A Xunta de Galicia presenta ao padroado da Fundación Galicia Europa as súas prioridades de cara á Presidencia española do Consello da Unión Europea

A Xunta de Galicia presenta ao padroado da Fundación Galicia Europa as súas prioridades de cara á Presidencia española do Consello da Unión Europea

28/06/2023 | ,

— A reunión do padroado da Fundación Galicia Europa repasa as actividades desenvolvidas no ano 2022

— A FGE continúa a traballar na defensa dos intereses de Galicia ante a UE, o fomento da participación galega en proxectos europeos e a información e sensibilización sobre a Unión Europea en Galicia

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE explicou as prioridades do Goberno galego ante a próxima Presidencia española da UE, que comeza este sábado

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023. A Fundación Galicia Europa (FGE), o órgano de representación da Xunta de Galicia perante as institucións europeas, celebrou hoxe a reunión semestral do seu padroado. Presidido polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, o encontro serviu para aprobar a memoria de actividades e as contas da FGE no ano 2022. Coincidindo co inicio da Presidencia española do Consello da UE o próximo 1 de xullo, Gamallo informou do documento de prioridades galegas, elaborado pola FGE. Tras ser validado polo Consello da Xunta, este documento foi enviado ao Ministerio de Política Territorial en abril no marco do grupo de traballo establecido para a implicación das comunidades autónomas na preparación da Presidencia española.  

O documento describe a acción de Galicia en 16 ámbitos clave co obxectivo de contribuír aos debates exploratorios que se organizarán no marco da Presidencia. Nalgúns casos, alúdese expresamente a expedientes lexislativos en curso de negociación co ánimo de informar sobre a posición de Galicia, sen prexuízo de que esta posición sexa trasladada polas canles habituais: institucionais (Consello, Comité Europeo das Rexións) ou informais, mediante a súa oficina de representación en Bruxelas (Fundación Galicia Europa). 

Galicia achega así a súa opinión e experiencia en varios temas que se están a debater a nivel europeo como a avaliación da Política Pesqueira Común, a revisión da Rede Transeuropea de Transporte ou a reforma do mercado da electricidade.

O padroado da FGE, aprobou, ademais, a memoria de actividades desenvolvidas no ano 2022.

Así mesmo, saliéntase o interese de Galicia na mellora da competitividade do sector do automóbil cunha transición xusta das rexións con industria e provedores da automoción, o apoio a creación dunha macrorrexión atlántica a nivel europeo para reforzar a cooperación política e económica nesta área xeográfica, ou o compromiso de Galicia co itinerario europeo de transición do turismo e coa boa execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).

Outras áreas destacadas son o traballo de Galicia para encadrar o uso da Intelixencia Artificial, agora que se está a negociar un regulamento europeo nesta materia; a experiencia da Axenda Galega de Capacidades, coincidindo co actual Ano Europeo de Capacidades, e o potencial de Galicia en materia de enerxías renovables e materias primas críticas de cara a avanzar na transición ecolóxica e a soberanía estratéxica da UE. 

O padroado da FGE, aprobou, ademais, a memoria de actividades desenvolvidas no ano 2022. O pasado ano, a Fundación Galicia Europa participou en máis de 50 reunións coas institucións europeas e organizou 14 encontros de alto nivel entre Galicia e a UE. As súas canles de redes sociais situáronse entre as máis seguidas das oficinas de representación autonómica en Bruxelas e as súas actividades acolleron moita participación, como é o caso de TecEuropa e os case 300 participantes entre as dúas edicións do 2022. Destacan tamén os nove encontros virtuais “FGE|NextGeneratiOn Galicia” organizados, que poñen en contacto ao funcionariado galego coas institucións europeas, e os 125 participantes nas actividades de EuroXuventude, a súa plataforma para a mocidade. 

Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa é un ente instrumental do sector público autonómico que, dende 1988, actúa como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. A Lei 10/2021 reguladora da acción exterior de Galicia recolle o seu mandato para “exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado”. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das máis de 200 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria. 

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data