Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Enerxía »Seguridade do abastecemento: os Estados membro acordan unha Recomendación para manter as medidas de redución voluntaria da demanda de gas
— O Consello alcanzou un acordo político respecto dunha Recomendación para manter a redución coordinada da demanda de gas.
— Aínda que a seguridade do abastecemento na UE mellorou, segue sendo necesario manter a redución da demanda, a fin de asegurar un almacenamento de gas suficiente para o próximo inverno.
Bruxelas, 4 de marzo de 2024. A situación do abastecemento na UE mellorou considerablemente desde 2022 grazas, entre outras cousas, ás medidas de redución da demanda de gas adoptadas polos Estados membro sobre a base do Regulamento de redución da demanda de gas.
Este Regulamento adoptouse en 2022 como un instrumento de emerxencia, en resposta á crise enerxética provocada pola guerra de agresión de Rusia.
En marzo de 2023 prorrogouse ata finais de marzo de 2024, co fin de asegurar a continuidade da seguridade do abastecemento e conter a volatilidade dos prezos.
Con todo, a pesar da mellora xeral da situación do abastecemento, segundo os últimos informes da Comisión a situación dos mercados mundiais do gas segue sendo tensa.
Por tanto, dado que o Regulamento sobre a redución da demanda está a piques de expirar, os Estados membro desexan manterse preparados ante calquera posible interrupción da subministración de gas.
Para conseguilo, os depósitos colectivos da UE deben manterse nun nivel suficientemente elevado durante todo o inverno.
Ampliación do período para a redución voluntaria da demanda
Co acordo político alcanzado no Consello, anímase aos Estados membro a seguir reducindo ata o 31 de marzo de 2025 o seu consumo de gas en polo menos un 15% con respecto ao seu consumo medio de gas no período comprendido entre o 1 de abril de 2017 e o 31 de marzo de 2022.
Esta Recomendación axudará aos Estados membro a adoptar medidas adecuadas de seguridade do abastecemento ata a transposición en 2025 das Directivas sobre eficiencia enerxética e enerxías renovables, que conlevarán unha redución estrutural da demanda nun futuro próximo ademais da consecución dos obxectivos de descarbonización da UE.
A Recomendación recoñece circunstancias específicas, como a desincronización, os sistemas illados e a capacidade limitada de interconexión.
Tamén recomenda manter outras medidas existentes en virtude do Regulamento sobre a redución da demanda, como o seguimento e a notificación por sectores da redución da demanda de gas e a información á Comisión en caso de adopción de novas medidas.
Seguintes etapas
O acordo político deberá ser adoptado formalmente polo Consello; espérase que a adopción da Recomendación teña lugar seguidamente, en marzo de 2024.
Máis información: Consello da UE
