Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Axenda Dixital »Regulamento sobre a Europa Interoperable: novas normas para uns servizos públicos dixitais máis eficientes na UE
— A través deste novo regulamento, establécense medidas para garantir un nivel elevado de interoperabilidade do sector público da UE.
— A prestación fluida de servicios públicos transfronteirizos, a mellora das capacidades e a creación dun ecosistema de solucións compartidas son algúns dos seus obxectivos.
Bruxelas, 8 de marzo de 2024. Co fin de crear unha rede de administracións públicas dixitais interconectadas e de acelerar a transformación dixital do sector público europeo, o Consello adoptou o pasado luns, día 4 de marzo, un novo Regulamento sobre medidas para garantir un nivel elevado de interoperabilidade do sector público en toda a UE, o Regulamento sobre a Europa Interoperable.
O proxecto de regulamento ten por obxecto establecer un novo marco de cooperación para as administracións públicas da UE co fin de garantir a fluidez da prestación transfronteiriza de servizos públicos e prever medidas de apoio que promovan a innovación e melloren as capacidades e o intercambio de coñecementos.
A través deste, establecerase unha estrutura de gobernanza da interoperabilidade con vistas a crear un ecosistema de solucións compartidas para o sector público da UE, concretamente grazas aos espazos controlados de probas. Deste xeito, as administracións públicas da UE poden contribuír a estas solucións e reutilizalas, innovar xuntas e crear valor engadido.
Elementos principais do Regulamento sobre a Europa Interoperable
Os principais elementos do novo regulamento poden resumirse do seguinte modo:
- O concepto e a definición de «servizos públicos dixitais transeuropeos» en consonancia cos principios de subsidiariedade e proporcionalidade.
- Disposicións que velan por unha cooperación estruturada da UE na que as administracións públicas se reunan no marco de proxectos cuxa titularidade corresponda conxuntamente a Estados membros, ademais da rexións e cidades.
- Un marco de gobernanza multinivel dirixido por Comité da Europa Interoperable, que ocupa un lugar fundamental na nova estrutura de gobernanza que establece o regulamento.
- A posibilidade de poñer en común e reutilizar solucións de interoperabilidade impulsadas por un portal único de solucións e cooperación da comunidade, o Portal da Europa Interoperable, e apoiadas por medidas para promover a innovación e mellorar as capacidades e o intercambio de coñecementos.
- Os principais obxectivos e condicións da avaliación da interoperabilidade de carácter obrigatorio, en consonancia co principio de proporcionalidade, para evitar a sobrecarga das administracións nacionais e locais.
- Harmonizar coas disposicións do Regulamento de Intelixencia Artificial e do Regulamento Xeral de Protección de Datos no que respecta ao establecemento de espazos controlados de probas de interoperabilidade e á participación neles.
Contexto
Nos últimos anos, os especialistas en administración dixital e datos desenvolveron prácticas comúns e de amplo alcance sobre cooperación en materia de interoperabilidade baseadas no actual Marco Europeo de Interoperabilidade. Este é o modelo conceptual amplamente recoñecido de interoperabilidade de Europa; con todo, as avaliacións recentes puxeron de manifesto que este enfoque de cooperación totalmente voluntario ten graves limitacións.
Os Estados membros da UE foron insistindo cada vez máis na necesidade de reforzar a cooperación europea en materia de interoperabilidade. Testemuñan esta necesidade, entre outras cousas, as declaracións ministeriais asinadas en 2017 en Tallin e en 2020 en Berlín. A fin de atender estas necesidades, a Comisión adoptou o 18 de novembro de 2022 a proposta de Regulamento sobre a Europa Interoperable.
O 2 de xuño de 2023, o Consello de Transporte, Telecomunicacións e Enerxía (Telecomunicacións) tomou nota dun informe de situación sobre este expediente e, o 6 de outubro de 2023, os representantes dos Estados membro (Coreper) acordaron un mandato que permitía que a Presidencia iniciase as negociacións co Parlamento Europeo. O 10 de outubro de 2023 celebrouse un primeiro diálogo tripartito e, o 13 de novembro de 2023, nun segundo diálogo tripartito, alcanzouse un acordo provisional. O relator do Parlamento Europeo foi Ivars Ijabs (Renew Europe/LV), e a Comisión estivo representada nas conversacións interinstitucionais polo comisario encargado de Orzamento e Administración, Johannes Hahn.
Tras ser adoptado o pasado día 4 de marzo, o texto do acto lexislativo publicarase no Diario Oficial da Unión Europea nas próximas semanas, e o regulamento entrará en vigor 20 días despois desa publicación.
Máis información: Consello da UE