Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Axenda Dixital » A Comisión pide un impulso masivo para promover a educación dixital e a oferta de capacidades dixitais

A Comisión pide un impulso masivo para promover a educación dixital e a oferta de capacidades dixitais

25/04/2023 |

— A Comisión adoptou as dúas Recomendación por parte do Consello en educación e formación dixital

— O Certificado Europeo de Capacidades Dixitais implantarase de forma oficial no 2024

Bruxelas, 25 de abril de 2023. A Comisión adoptou hoxe dúas propostas de Recomendación do Consello no contexto do Ano Europeo das Competencias, co obxectivo de axudar aos Estados membros e ao sector da educación e a formación para proporcionar unha educación e formación dixitais de alta calidade, inclusivas e accesibles e desenvolver así as capacidades dixitais dos cidadáns europeos.

As propostas abordan os dous principais retos comúns detectados tanto pola Comisión como polos Estados membros da UE: 1) a falta dunha perspectiva da Administración no seu conxunto en materia de educación e a formación dixitais, e 2) as dificultades para dotar ás persoas das capacidades dixitais necesarias.

Margrethe Vestager, vicepresidenta executiva responsable dunha Europa Adaptada á Era Dixital: «Estas propostas subliñan a necesidade de que todos os cidadáns de Europa teñan acceso á educación dixital. Temos que mellorar moito en materia de capacidades dixitais e darlles a mesma importancia que á lectura e a escritura. O obxectivo é lograr que, de aquí a 2030, polo menos o 80 % dos adultos teñan como mínimo as capacidades dixitais básicas, e que haxa 20 millóns de especialistas en TIC empregados, incluídas moitas máis mulleres.»

Reforzo dos factores facilitadores clave

A pesar dos avances e dalgúns exemplos excelentes en materia de innovación, os esforzos combinados non lograron aínda unha transformación dixital sistémica na educación e a formación. Os Estados membros teñen aínda dificultades para alcanzar uns niveis suficientes de investimento en infraestruturas de educación e formación dixitais, en equipos e contidos educativos dixitais, en formación dixital (mellora das capacidades) dos profesores e do persoal, e no seguimento e a avaliación das políticas de educación e formación dixitais.

A proposta de «Recomendación do Consello sobre os factores facilitadores clave para o éxito da educación e a formación dixitais» pide a todos os Estados membros que garantan un acceso universal a unha educación e unha formación dixitais inclusivas e de alta calidade para abordar a fenda dixital, que se fixo aínda máis evidente á luz da crise da COVID-19. Isto podería lograrse mediante a creación dun marco coherente de investimento, gobernanza e formación do profesorado para unha educación dixital eficaz e inclusiva. A proposta ofrece orientacións e medidas que os Estados membros poden adoptar para aplicar unha perspectiva que abarque á Administración no seu conxunto e ás múltiples partes interesadas, así como unha cultura de innovación ascendente e de dixitalización dirixida polo persoal da educación e a formación.

Mellorar o ensino de capacidades dixitais

O segundo reto común detectado está relacionado cos diferentes niveis de capacidades dixitais existentes nos distintos segmentos da poboación, así como coa capacidade dos sistemas nacionais de educación e formación de abordar esas diferenzas. A proposta de «Recomendación do Consello sobre a mellora da provisión de capacidades dixitais na educación e a formación» aborda todos os niveis de educación e formación. Pide aos Estados membros que empecen pronto, ensinando capacidades dixitais dunha maneira coherente en todos os niveis da educación e a formación. Isto pode garantirse mediante o establecemento de obxectivos graduais e de intervencións dirixidas a «grupos prioritarios ou de difícil acceso» específicos. A proposta pide aos Estados membros que apoien o ensino dunha informática de calidade nas escolas, que integren o desenvolvemento de capacidades dixitais para adultos e que aborden a escaseza de profesionais das tecnoloxías da información mediante a adopción de estratexias inclusivas.

A Comisión está disposta a apoiar a aplicación de ambas as propostas facilitando a aprendizaxe mutua e os intercambios entre os Estados membros e todas as partes interesadas pertinentes a través de instrumentos da UE como o Instrumento de Apoio Técnico. A Comisión tamén promove a educación e as capacidades dixitais a través da cooperación no Centro Europeo de Educación Dixital e mediante financiamento da UE, por exemplo Erasmus+ e o programa Europa Dixital, o Fondo de Transición Xusta, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Fondo Social Europeo Plus e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, Horizonte Europa, e IVCDCI.

Proxecto piloto para un Certificado Europeo de Capacidades Dixitais

Unha acción crave da Comisión consistirá en facilitar o recoñecemento da certificación das capacidades dixitais. A tal fin, a Comisión levará a cabo un proxecto piloto do Certificado Europeo de Capacidades Dixitais xunto con varios Estados membros. O obxectivo do Certificado é aumentar a confianza e a aceptación da certificación das capacidades dixitais en toda a UE. Isto axudará a que as capacidades dixitais das persoas sexan recoñecidas de forma ampla, rápida e sinxela polos empregadores, provedores de formación e outros axentes. Os resultados do proxecto piloto presentaranse como parte dun estudo de viabilidade sobre o Certificado Europeo de Capacidades Dixitais cara a finais deste ano. O Certificado Europeo de Capacidades Dixitais definitivo implantarase en 2024 sobre a base dos resultados do proxecto piloto e as conclusións do estudo.

Próximas etapas

A Comisión insta os Estados membros a que adopten rapidamente as dúas propostas de Recomendación do Consello.

Sobre a base dun frutífero diálogo estruturado e do grupo de coordinadores nacionais, a Comisión creará un Grupo de Alto Nivel sobre Educación e Capacidades Dixitais para apoiar a aplicación das dúas Recomendacións.

Contexto

As dúas propostas presentadas baséanse nas conclusións do diálogo estruturado sobre educación e capacidades dixitais que a Comisión mantivo cos Estados membros da UE en 2022. A través da Década Dixital, a UE pretende garantir que, de aquí a 2030, o 80 % dos adultos teñan como mínimo as capacidades dixitais básicas, e que haxa 20 millóns de especialistas en TIC empregados. O obxectivo do diálogo era aumentar o compromiso en materia de educación e capacidades dixitais e axudar a acelerar os esforzos a nivel da UE, de modo que Europa poida cumprir os seus obxectivos para 2030 neste ámbito. Ademais, as propostas están en consonancia co piar crave de solidariedade e inclusión dos dereitos e principios dixitais europeos, que establece que todo o mundo debe ter acceso a internet e ás capacidades dixitais, sen que ninguén quede atrás.

As propostas cumpren as dúas prioridades estratéxicas do Plan de Acción de Educación Dixital: fomentar o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e perfeccionar as competencias e as capacidades dixitais para a transformación dixital. O Plan de Acción avoga por unha maior cooperación a nivel europeo en materia de educación dixital a fin de abordar os retos e as oportunidades da pandemia de COVID-19 e presenta oportunidades para a comunidade educativa e formativa (profesores e estudantes), os responsables políticos, o mundo académico e os investigadores, tanto a nivel nacional como da UE e internacional. O Plan é un factor crave para facer realidade a visión de lograr un Espazo Europeo de Educación de aquí a 2025 e contribúe á consecución dos obxectivos da Axenda de Capacidades Europea, o Plan de Acción do Pilar Europeo de Dereitos Sociais e o Compás Dixital 2030. Ao promover e mellorar as capacidades dixitais dos europeos, o paquete de hoxe tamén é unha resultado clave do Ano Europeo das Competencias.

A proposta baséase na análise realizada polo Centro Común de Investigación da Comisión, que permitiu detectar as principais leccións e tendencias que xurdiron a través do diálogo estruturado, a convocatoria de datos e os plans de resiliencia e recuperación dos Estados membros da UE.

Máis información: Comisión Europea

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data