II. Fomento da participación en proxectos europeos

A FGE brinda información e presta asesoramento para que cada vez sexan máis as entidades galegas que participan en proxectos europeos, chegando a involucrarse como socio en proxectos que lle resultan de interese.

 

 

A FGE marcouse como obxectivo en 2021 explicar en Galicia o novo Marco Financeiro Plurianual e o instrumento temporal de recuperación NextGenerationEU. Para isto, seguimos a negociación e aprobación do regulamento do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e da elaboración por parte de España do seu plan nacional no marco do instrumento temporal de recuperación para Europa NextGenerationEU. Tamén seguimos en contacto coa comisión interdepartamental NGGA, especialmente a través das edicións de TecEuropa, onde invitamos ao IGAPE e a Facenda a explicar o traballo feito en Galicia para a identificación de proxectos susceptibles de ser financiados polo MRR.

Por outro lado, traballamos na elaboración dunha guía de financiamento comunitario 21-27, similar á que publicamos para o período 2014-2020, e destinada, principalmente, a entidades públicas e privadas galegas que aspiran a conseguir financiamento comunitario para os seus proxectos.

Your Title Goes Here
1. TecEuropa

Alfonso Rueda inaugurando a terceira edición de TecEuropa de 2021.

En 2021 organizamos cinco edicións de TecEuropa. Todas elas foron en formato virtual e reuniron a 453 inscritos. Organizamos tres para un público xeral e dúas para un público especializado:

  • 4-12/03: TecEuropa local. Con máis de 90 participantes de entidades locais.
  • 20-30/04 TecEuropa Clásico. Máis de 120 participantes procedentes de entidades públicas e sen ánimo de lucro.
  • 8-18/04 TecEuropa Empresas. Con máis de 60 empresas participantes.
  • 14-24/04 TecEuropa ONGD. Con preto de medio cento de inscritos das ONG para o desenvolvemento que operan en Galicia.
  • 9-19/11 TecEuropa Clásico. Con máis de 90 técnicos de entidades galegas.

Máis de 400 persoas participaron nas cinco edicións virtuais de TecEuropa organizadas en 2021

Ana Ramos e a representante do Centro de Visitas da Comisión Europea na última edición de TecEuropa de 2021.

Cada edición constou de dúas sesións coa Comisión Europea para abordar temas da axenda comunitaria como as transicións climática e dixital ou a recuperación económica,  e tres sesións máis prácticas nas que se explicaron as diferentes fontes de financiamento comunitario. Estas sesións complementáronse co testemuño de entidades galegas con experiencia en proxectos europeos como a Universidade de Vigo, o Concello de Tomiño ou o cluster Bioga.

2. Participación da FGE nos proxectos Lidera e Eurocidade 2020

Acto de clausura do proxecto Eurocidade 2020.

A Fundación Galicia Europa, grazas ao convenio de colaboración que mantén coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, continuou participando en dous proxectos de cooperación territorial xunto a outras entidades galegas e europeas: Eurocidade 2020 e LIDERA. A FGE encárgase nestes dous proxectos da parte de comunicación e dá formación aos beneficiarios. Ambos proxectos, financiados polo programa de cooperación transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, desenvolvéronse entre os anos 2016 e 2020, e obtiveron unha prórroga para se estender durante a primeira metade de 2021.

Tras máis de catro anos de traballo, os proxectos Eurocidade 2020 e Lidera concluíron as súas actividades transfronteirizas

En xuño, Eurocidade 2020 organizou unha xornada destinada á xuventude  e outra destinada ás empresas. Como colofón do proxecto, elaboráronse 8 vídeos curtos nos que se amosan as experiencias dos beneficiarios do proxecto e que poden verse na canle da FGE de YouTube.

Ambos proxectos concluíron en xuño con senllos actos nos que avaliaron os seus resultados: Eurocidade 2020 formou a 150 persoas e LIDERA contribuíu á promoción e ó desenvolvemento económico transfronteirizo en Galicia e na rexión Norte de Portugal con actividades encamiñadas ao fomento das capacidades laborais, do emprendemento xuvenil e á rentención do talento.