Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos » Galicia avoga por ser parte activa no debate da reforma da Política Pesqueira Común

Galicia avoga por ser parte activa no debate da reforma da Política Pesqueira Común

14/10/2021 |

  • A comunidade galega ofreceuse a acoller o evento que a CRPM ten previsto celebrar na primavera de 2022 para intercambiar puntos de vista sobre a folla de ruta da pesca europea. 
  • Rosa Quintana lembrou que Galicia defende unha reforma da PPC baseada na remuda xeracional, a igualdade, a sustentabilidade, a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global cun maior papel do sector. 
  • Na xornada de hoxe da asemblea xeral da CRPM tamén participaron a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, e o presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind. 

 

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021.– A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo o interese de Galicia en ser parte activa no debate que se realice no marco da Unión Europea en relación coa Política Pesqueira Común (PPC). Así o manifestou durante a súa intervención por videoconferencia na sesión Reforzar a dimensión rexional das políticas marítimas da Unión Europea, enmarcada na asemblea xeral da Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas (CRPM).

A titular de Mar tamén trasladou o ofrecemento da comunidade galega para ser a sede dun evento que a CRPM ten previsto celebrar na primavera de 2022 para intercambiar puntos de vista sobre a folla de ruta da pesca europea no marco do intergrupo Searica (de mares, ríos, illas e áreas costeiras) do Parlamento Europeo. Nesta liña, fixo fincapé na necesidade de reforzar a dimensión rexional das políticas marítimas da UE, explicou que Galicia está traballando na súa proposta de cara á revisión da PPC e expuxo os aspectos básicos que debe abordar esta folla de ruta.

Rosa Quintana especificou que Galicia defende unha reforma da PPC que estea baseada na remuda xeracional, na sustentabilidade da actividade ou na igualdade de condicións no seu desenvolvemento e unha axeitada regulación das diferentes pesqueiras como as compartidas con Noruega.

Outros aspectos que a Xunta considera que debe abordar a seguinte PPC son a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global cun maior papel do sector co obxectivo de contar cunha política pesqueira forte e garantir o futuro da actividade marítimo-pesqueira.

De aí, subliñou a conselleira, a necesidade de mellorar esta folla de ruta de maneira que sexa unha solución global e de futuro e que atenda a diferentes retos aos que Galicia está atenta. Entre eles mencionou o brexit e as súas consencuencias, unha cuestión sobre a que Galicia demanda plena transparencia na negociación dos Totais Admisibles de Captura (TAC) co Reino Unido e unha integración dos aspectos sociais e económicos nesa definición das posibilidades de pesca. Esa integración, engadiu, tamén debe estar presente na aplicación das diferentes ferramentas que promove o Pacto Verde para acadar a sustentabilidade.

O futuro regulamento europeo de control é outro dos catro desafíos que mencionou Rosa Quintana. De cara á esta normativa, lembrou, a comunidade galega defende que teña en conta a realidade marítimo-pesqueira e que non redunde en dobres ou triplas obrigatoriedades superpostas.

A asemblea xeral da CRPM

As rexións membro da CRPM reúnense unha vez ao ano na asemblea xeral. Hoxe e onte celebran a súa sesión 49 e a xornada de hoxe está dedicada ao mar e presidida polo vicegobernador de Creta e vicepresidente da CRPM para asuntos marítimos, George Alexakis. Nela tamén participaron a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, e o presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind. Tamén formaron parte desta sesión outros representantes de rexións membro da CRPM.

A Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas naceu no 1973 e reúne a máis de 150 rexións de 24 estados da Unión Europea e doutros países. Ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento máis equilibrado do territorio europeo e orienta a súa acción cara a toma en consideración das necesidades e dos intereses das súas rexións membro nas políticas de grande impacto territorial. Céntrase principalmente na cohesión social, económica e territorial, as políticas marítimas e o crecemento azul e a accesibilidade. Tamén son áreas da súa actividade a gobernanza europea, a enerxía, o cambio climático e o desenvolvemento.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data