Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos » Galicia e Bretaña apostan por promover a pesca e a soberanía alimentaria europeas

Galicia e Bretaña apostan por promover a pesca e a soberanía alimentaria europeas

14/12/2023 | ,

— A FGE acolleu unha reunión entre a Consellería do Mar e a delegación da rexión francesa de Bretaña, no marco da copresidencia do Grupo Marítimo e de Pesca da CRPM. 

Bruxelas, 11 de decembro de 2023. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, aproveitou a súa presenza en Bruxelas co gallo da negociación das cotas e os totais admisibles de capturas (TAC) para augas europeas en 2024 para, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, reunirse este luns coa delegación da Bretaña francesa encabezada por Daniel Cueff, vicepresidente de Mar e Litoral. Esta importante zona pesqueira gala coa que Galicia comparte a presidencia do Grupo Central Marítimo e de Pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM).

A reunión tivo lugar na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, e nela estivo presente a directora da oficina, Ana Ramos Barbosa.

Neste novo encontro entre os dous responsables marítimo-pesqueiros a coincidencia foi total na necesidade de que Europa aposte pola soberanía alimentaria, así como a demanda de que as políticas comunitarias en materia de pesca garantan a consecución do equilibrio medioambiental, económico e social da actividade. Compartese ademais a idea de que nos estamos a xogar o futuro da pesca, polo que hai que exercer o liderado nesta materia ante a CRPM.

Con este fin elaborouse un programa para restablecer a importancia do sector pesqueiro de cara á constitución da nova Eurocámara tralas próximas eleccións europeas, onde Galicia e Bretaña defenden a necesidade de ter a pesca como prioridade absoluta, ao contrario do que aconteceu no último período co comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius.

Contexto

A Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) nace no 1973 e reúne a unhas 160 rexións de 24 Estados da Unión Europea e doutros países.

Ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento máis equilibrado do territorio europeo, e orienta a súa acción cara á toma en consideración das necesidades e dos intereses particulares das súas rexións membro nas políticas de gran impacto territorial. Céntrase principalmente na cohesión social, económica e territorial, as políticas marítimas e o crecemento azul e a accesibilidade.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data