Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos »Galicia reclamará ao novo Parlamento Europeo que priorice a política pesqueira común e garanta a sostibilidade do sector
— A comunidade galega e a Bretaña francesa, coma copresidentas do grupo de pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas de Europa, CRPM, mantiveron audiencias de traballo en Estrasburgo con europarlamentarios de cara aos próximos comicios.
— Daniel Cueff e Antonio Basanta defenderon ante Gabriel Mato ou Pierre Karleskind que a próxima Eurocámara debe retomar a revisión da PPC co obxectivo final de reequilibrar os seus alicerces sociais, económicos e ambientais.
— Maior voz para sector e rexións, defender o labor das confrarías de pescadores, unhas políticas que primen a pesca artesanal ou contar no organigrama da Comisión Europea cun comisario específico para o mar, algunhas das propostas.
Estrasburgo (Francia), 23 de abril de 2024. Galicia reclamou en Estrasburgo que o novo ciclo institucional da UE que comezará tras as eleccións de xuño derive na asunción por parte dos novos representantes do papel esencial que xogan o sector marítimo-pesqueiro e o conxunto da cadea mar-industria como fonte de alimentación sustentable e de calidade, evitando que se relegue a política pesqueira común (PPC) e converténdoa nunha das súas prioridades. A través desta reivindicación, o obxectivo é conseguir unha actividade cun futuro e sostible tanto no ambiental e nos planos económico e social.
Así o expresou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, quen acudiu como representante da copresidencia galega do grupo de traballo en pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas de Europa (CRPM) a unha xornada de audiencias de traballo con europarlamentarios saíntes e candidatos á reelección na Eurocámara, todos eles cunha actividade política moi ligada ao mundo do mar. Entre eles estiveron a socialista Clara Aguilera, o popular Gabriel Mato, Caroline Roose do grupo dos verdes e o presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind.
Xunto co vicepresidente da Rexión da Bretaña francesa, Daniel Cueff, que comparte con Galicia a presidencia do grupo de traballo, o director xeral sinalou que a nosa rexión, ao igual que moitos dos territorios marítimos periféricos, desempeña un papel crave no apoio ao desenvolvemento sustentable das cadeas de valor da pesca e a acuicultura.
Desde a CRPM apúntase que na última década estes sectores enfrontaron graves desafíos socioeconómicos que recentemente se viron amplificados polas crises climáticas, ambientais e enerxéticas. Ante esta situación, o futuro Parlamento Europeo terá a oportunidade e a responsabilidade de atender as demandas de todas as concas marítimas da UE e comezar un debate político transparente que debería conducir á revisión da PPC co obxectivo final de reequilibrar os seus alicerces sociais, económicos e ambientais.
“É importante que nos próximos meses a UE poda renovar os seus esforzos para formular unha resposta eficaz aos desafíos que afectan aos sectores da pesca e a acuicultura nas nosas comunidades costeiras”, dixo Antonio Basanta.
Nas audiencias celebradas, a CRPM debateu cos representantes do Parlamento Europeo sobre as principais prioridades en relación aos seus programas electorais marítimos e pesqueiros. Desde esta entidade, que representa a 150 rexións de 24 Estados da UE que suman máis de 200 millóns de habitantes, farase un seguimento das propostas que os candidatos fagan públicas que beneficien ao sector e que deben encamiñarse a garantir o establecemento dun innovador ‘Acordo Azul’ nos próximos anos.
Coxestión, confrarías e pesca artesanal
Deféndese profundar na coxestión co sector na nova política pesqueira común, algo moi consolidado en comunidades como a galega, garantindo unha maior participación de representantes dos sectores pesqueiro e acuícola, autoridades rexionais e organismos científicos no proceso de toma de decisións. Antonio Basanta tamén sinalou a vontade de colaborar desde a CRPM co novo Parlamento Europeo para defender o traballo das confrarías de pescadores.
Segundo o representante da Xunta, os sectores da pesca e da acuicultura necesitan medidas efectivas e ambiciosas por parte da Unión Europea e os Estados membros que lles permitan abordar os desafíos climáticos, ambientais, enerxéticos e económicos. No debate cos eurodeputados tocouse tamén o cambio que se reclama na estrutura actual de la Comisión Europea para dar maior voz e peso ao sector marítimo-pesqueiro, e que pasaría por contar cun comisario específico.
Antonio Basanta tamén defendeu que a mellora da rexionalización da PPC permitirá satisfacer as necesidades específicas da pesca artesanal, que é unha actividade estratéxica para asegurar a subministración de produtos do mar de alta calidade nutricional con impactos ambientais reducidos e, ao mesmo tempo, permite preservar o patrimonio cultural das comunidades costeiras.
Máis información: Xunta de Galicia